“Bugallo pacta os orzamentos co PP por convicción e non por necesidade”

  • Martiño Noriega mostrouse convencido de que o acordo entre populares e socialistas ten o beneplácito de Feijóo, pero non de Gonzalo Caballero
  • Compostela Aberta pide explicacións pola proxección da imaxe da exValedora do Pobo na homenaxe ás mulleres dos Fogos do Apóstolo

O voceiro de Compostela Aberta fixo hoxe unha valoración máis en detalle da proposta de orzamentos do Goberno do PSOE, un día despois de que se celebrara a Comisión de Facenda previa á convocatoria do Pleno. Martiño Noriega lamentou que “o alcalde Bugallo decidiu pactar as contas co PP, e fíxoo por convicción e non porque precisara buscar apoios fora do espazo progresista da corporación municipal”. Nesa liña, denunciou que “o PSOE non mantivo nin un só contacto con Compostela Aberta para explicar o contido dos orzamentos.

Martiño Noriega incidiu en que “o PSOE segue coa estratexia de ignorar a Compostela Aberta, esquecendo que hai dúas chaves para a gobernabilidade en Santiago: unha pola esquerda, que é a que representa CA, e outra pola dereita, que é a que elixe Bugallo”. O concelleiro mostrouse convencido de que “este acordo, que xa se viu no Pleno de constitución da Corporación municipal, conta co visto bo de Alberto Núñez Feijóo pero non co de Gonzalo Caballero, nun momento no que o PSdeG quere presentarse como alternativa ao PP na Xunta de Galicia”. Do mesmo xeito, Martiño Noriega sinalou que “sorprende ver a concelleiros e concelleiras como Sindo Guinarte ou Mercedes Rosón que presumían de querer favorecer gobernos progresistas, e que agora forman parte desta estraña procesión dos caladiños”. Tamén lembrou as críticas do PSOE no pasado mandato “que se seguían queixan despois de ducias de reunións para falar de orzamentos, lembrando que Compostela Aberta gobernaba cunha minoría de dez concelleiros, casualmente nunha situación idéntica á actual”.

Orzamentos políticos

Para Martiño Noriega, outra evidencia do pacto co PP para a aprobación dos orzamentos “é o contido da proposta, que non é técnica como pretende vender o PSOE, senón que está políticamente escorada á dereita”. Nesa liña, o voceiro de Compostela Aberta lembrou a desaparición dos proxectos votados pola veciñanza nos Orzamentos Participativos, a baixada nun 45 por cento das partidas destinadas a Emprego, ou a diminución das achegas para Políticas Sociais.

No capítulo de investimentos, que pasa de dez a cinco millóns de euros, o concelleiro denunciou a desaparición de proxectos “que o PSOE consideraba urxentes no pasado mandato, como a construción do muro de Fontiñas para o que CA reservaba 300.000 euros”. Martiño Noriega sinalou que “o Goberno intentará explicar que non hai tempo para executar os investimentos, pero sen recoñecer que sen partida nos orzamentos nin sequera poderá iniciar a licitación das obras”. Mentres desaparecen estas actuacións, advertiu o voceiro de CA, “a partida de Festas increméntase en case 600.000 euros, cando xa teñen pasado as festas da Ascensión e o Apóstolo, e nunha decisión que apunta a que Bugallo quere facerlle a competencia a Abel Caballero na iluminación de Nadal”.

Pregunta sobre os Fogos do Apóstolo

Na súa comparecencia diante dos medios, Martiño Noriega tamén anunciou que Compostela Aberta tén rexistrada unha pregunta ao Goberno sobre os Fogos do Apóstolo, despois de que no espectáculo aparecera a imaxe da exValedora do Pobo no apartado no que se lle rendía homenaxe ás mulleres galegas. O concelleiro lamentou que “Milagros Otero fora posta ao mesmo nivel de mulleres como Rosalía de Castro, xusto cando vén de oficializar a súa dimisión obrigada pola sentenza do TSXG que confirma que cometeu desvío de poder na contratación da sobriña de Manuel Fraga”. Compostela Aberta quere saber se o Goberno revisou o guión do espectáculo, e se adoptou algunha medida para eliminar a imaxe de Milagros Otero despois de que se coñecera a súa aparición, no ensaio previo á noite do 24 de xullo. 

Novas
relacionadas
María Rozas, Goretti Sanmartín e Gonzalo Muíños asinaron o acordo de orzamentos

Os grupos municipais de Compostela Aberta, Socialista e BNG pechan un acordo de orzamentos para 2025

María Rozas, en representación de Compostela Aberta, Gonzalo Muíños polo Grupo Municipal Socialista e Goretti Sanmartín, polo BNG asinaron este martes o acordo para os orzamentos municipais de 2025, “uns orzamentos ambiciosos mais equilibrados e enfocados ás necesidades reais de Santiago”.

María Rozas: “Os orzamentos da Xunta son decepcionantes para Santiago e non serven para resolver os problemas da veciñanza”

A portavoz municipal de Compostela Aberta e tenenta de alcaldesa de Santiago cualificou hoxe de “decepcionantes e insuficientes” os orzamentos da Xunta para 2025 no que tén que ver coa capital galega. María Rozas explicou que “se sobre o papel as contas manteñen moitas débedas con Compostela, tememos que na súa execución a cousa só vaia a peor, como vén acontecendo nos últimos anos en cuestións de enorme importancia como poden ser as políticas de

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo