- Jorge Duarte advirte que “o único cambio introducido por Bugallo no planeamento racha co consenso que Compostela Aberta acadara co tecido veciñal e comercial”
Compostela Aberta mostrou hoxe a súa sorpresa despois da reunión da Comisión de Peleteiro, “porque despois de que o PSOE tumbara a proposta de CA en 2019 e transcorridos dous anos de mandato, o Goberno de Bugallo volve poñer sobre a mesa o mesmo plan para a parcela que antes cuestionaba”. A voceira de Compostela Aberta, Marta Lois, e o concelleiro, Jorge Duarte, lamentaron que “unha vez máis queda demostrado que os cálculos electoralistas de Bugallo fixérono actuar en contra dos intereses da cidade”.
Marta Lois e Jorge Duarte participaron hoxe na reunión da comisión de Peleteiro, na que o Goberno do PSOE presentou a súa proposta para modificar o Plan Especial da parcela que ocupa o vello colexio, no Ensanche. A portavoz de CA insistiu en que “Bugallo é o responsable de que se perderan máis de dous anos, porque no ano 2019 deu as ordes para que o PSOE tumbara no Pleno a proposta de Compostela Aberta, e porque tras a súa toma de posesión se comprometeu a ter en tres meses unha solución de consenso para Peleteiro, da que está empezando a falar cando chegamos ao ecuador do mandato”. Marta Lois afeoulle tamén a Bugallo que non tivera reunido á comisión especial de Peleteiro “desde hai nove meses, e cando desde decembro de 2019 tiña no seu poder un informe que xa lle dicía que a proposta que levara CA a Pleno era a mellor das posibles”.
Unha proposta con poucos cambios
Na mesma liña, o concelleiro Jorge Duarte incidiu en que “hoxe volvemos ao punto no que estabamos en abril de 2018, cando o Pleno acordou remitirlle á Xunta os cambios no PXOM no ámbito de Peleteiro. O edil explicou que a proposta presentada na comisión de hoxe “é totalmente coincidente no reparto dos usos coa que CA levou a Pleno en 2019, e que foi cuestionada polo propio Bugallo porque entendía que ampliar o uso residencial da parcela só beneficiaba á SAREB”. Dous anos despois, insistiu Duarte, “o alcalde mantén exactamente o mesmo reparto da edificabilidade, e tén que asumir que a proposta de CA era a máis acaída, porque así llo di tamén o informe que lle contratou á consultora Gesvalt e pola que se pagaron máis de 14.000 euros de cartos públicos”.
O concelleiro explicou que a única modificación que fai o Goberno do PSOE tén que ver coa praza pública na que se vai convertir o patio de Peleteiro, para a que agora se propón que estea orientada cara San Pedro de Mezonzo, mentres que en 2019 se propuña a súa abertura cara República Arxentina, respectando a configuración actual dos volumes edificados. Duarte explicou que “esta opción tamén foi barallada no pasado mandato, e así consta nos documentos de avaliación ambiental, pero foi desbotada porque non era a proposta que concitaba un maior apoio entre o tecido veciñal e comercial do Ensanche”.
Para Compostela Aberta, o acontecido coa chamada operación Peleteiro “volve evidenciar que no pasado mandato o PSOE actuou en todo momento en clave electoralista e enganando á cidadanía”. Ao respecto, Duarte lembra que este caso “é moi similar ao que xa vivimos con Clara Campoamor: Bugallo foi extremadamente crítico co proxecto de CA, ao chegar á alcaldía encargou cadanseu informe de case 15.000 euros para modificar as propostas de Compostela Aberta, os informes dixéronlle que as propostas de CA eran as máis acaídas, e finalmente mantén os mesmos proxectos, con modificacións menores que empeoran a actuación como aconteceu en Clara Campoamor, ou que rachan co consenso existente, como está a pasar en Peleteiro”.