- Xan Duro defenderá a proposta elaborada en colaboración co exdeputado Antón Sánchez, que advirte da “opacidade” coa que a Xunta está a xestionar os proxectos financiados cos fondos europeos de reconstrución
Compostela Aberta advertiu hoxe do risco de que a nova Lei de reactivación económica de Galicia, que pretende impulsar a Xunta coa desculpa de axilizar os trámites administrativos para a creación de empresas, acabe amparando proxectos prexudiciais para o territorio e a veciñanza e dificulte o acceso á documentación sobre esas iniciativas. O concelleiro Xan Duro lembrou que “todas as modificacións lexislativas que veñen promovendo Alberto Núñez Feijóo e o PP para supostamente facilitar a actividade económica acabaron favorecendo a barra libre para proxectos agresivos para o noso entorno, como ben sabe a veciñanza da parroquia de Marrozos, e como sofren noutros concellos próximos como Teo ou Touro”.
Xan Duro deu conta hoxe da moción que Compostela Aberta levará ao próximo Pleno, en relación á nova Lei de reactivación económica de Galicia, anunciada polo presidente da Xunta a comezos do pasado mes de novembro. Fíxoo acompañado polo exdeputado Antón Sánchez, que centrou boa parte da súa actividade no Parlamento galego durante o pasado mandato en iniciativas para a defensa do medio ambiente e o territorio.
Duro explicou que “o anuncio de Feijóo ao respecto da nova lei foi recibido con temor por moitos colectivos, que sospeitan que as verdadeiras intencións da Xunta non son axilizar os trámites para a creación de empreass, senón favorecer proxectos social e ambientalmente agresivos, como aqueles que pretenden transformar en vertedoiros canteiras abandonas”. O concelleiro lembrou que “estas hipóteses non xorden da nada, senón do historial da Xunta do PP, que desde 2013 xa tén impulsado tres leis, con varias modificacións, supostamente para facilitar o emprendemento e a creación de empresas e sempre incidindo na necesidade de diminuír a burocracia, pero a realidade é que esa lexislación só serviu para amparar proxectos prexudiciais para o país vinculados á megaminería ou ao depósito de residuos”. De feito, engadiu o edil, “as leis para favorecer a implantación de empresas non impediron que Galicia deixara de perder peso económico no conxunto do Estado, e non foron acompañadas por un incremento do orzamento autonómico para o desenvolvemento empresarial, que desde 2009 tén caido case un 47 por cento
Coa moción que se debaterá no Pleno da próxima semana, o grupo municipal de CA pretende que a Corporación municipal inste ao Parlamento de Galicia a asegurar o cumprimento de todas as garantías ambientais e de transparencia e acceso á información pública sobre calquera iniciativa empresarial ou doutro tipo e en todas as normativas lexislativas futuras que se aproben; e a aprobar un novo marco normativo para unha transición enerxética xusta e democrática, comezando pola aprobación dun novo Plan Eólico baixo os parámetros de sustentabilidade, participación pública, participación cidadá e preservación dos valores paisaxísticos, ambientais e sociais. Ademais, na moción ínstase á Xunta a aumentar as partidas destinadas ao desenvolvemento económico nos orzamentos autonómicos, e a facer públicos os 108 proxectos que van ser financiados cos fondos de reconstrución europea, abrindo un debate público sobre a súa idoneidade.
PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA INSTAR AO PARLAMENTO DE GALICIA E AO GOBERNO GALEGO A MANTER E AMPLIAR AS GARANTÍAS LEXISLATIVAS AMBIENTAIS E A TRANSPARENCIA E ACESSO Á DOCUMENTACIÓN PÚBLICA DAS INICIATIVAS EMPRESARIAIS GALEGAS