CA apoiará a modificación puntual do PXOM para fomentar o uso residencial “ainda que a proposta chega tarde e é pouco ambiciosa”

Marta Lois e Jorge Duarte lamentaron a lentitude na tramitación da proposta “que é unha oportunidade perdida para regular o uso comercial e parar a proliferación das tendas de souvenirs”
  • Compostela Aberta dálle a benvida ao PSOE “ás políticas iniciadas por CA no pasado mandato e ao recoñecemento de que urxe frear o turismo sen control”

Compostela Aberta apoiará no Pleno do luns a modificación puntual do título III do PXOM relativo á regulación dos usos, “porque supón continuar co camiño iniciado no pasado mandato polo Goberno de CA e o recoñecemento de que urxe priorizar o uso residencial fronte ao uso turístico”. A portavoz municipal Marta Lois e o concelleiro Jorge Duarte déronlle hoxe “a benvida ao PSOE a este novo discurso”, ao tempo que lamentaron “a lentitude do Goberno de Bugallo na tramitación desta modificación, e a falta de vontade política para avanzar máis na regulación tamén do uso comercial para protexer as tendas de proximidade e frear a proliferación dos establecementos de souvenirs”.

A portavoz municipal de Compostela Aberta felicitouse porque “o Goberno do PSOE continúe co camiño iniciado no pasado mandato, corrixindo o discurso que mantivo durante anos e dando pasos para avanzar na sostibilidade fronte ao modelo do turismo sen control”. Ao mesmo tempo, Marta Lois lamentou “o tempo perdido e a lentitude neste proceso, porque esta modificación non entrará en vigor cando menos ata marzo de 2023 e iso supón todo un mandato en branco”. 

Oportunidade perdida 

Marta Lois e Jorge Duarte cuestionaron que o Goberno de Bugallo “non aproveitara este proceso para regular outro asunto sobre o que Compostela Aberta vén advertindo desde hai anos: a necesidade de ordenar o uso comercial para frear as perigosas dinámicas actuais polas que as tendas de souvenirs están substituíndo o pequeno comercio e de servizos básicos, especialmente na zona histórica”.  Nesa liña, Duarte incidiu en que “esta modificación puntual do PXOM debera facer referencia a isto, ou cando menos o Goberno debera estar traballando xa de xeito paralelo nunha ordenanza específica que puidera entrar en vigor canto antes e da que xa debería existir un borrador”, ao tempo que apostou por “unha moratoria de tendas de souvenirs que permita avaliar con seriedade cales son as zonas nas que non se poden autorizar novos establecementos deste tipo”.

Fomento do uso residencial

Jorge Duarte tamén advertiu que “esta modificación do PXOM trata a toda a cidade por igual, e nós insistimos en que queda pendente outro traballo en relación á presión turística que sofren os diferentes ámbitos”. O concelleiro de CA lamentou que o Goberno siga sen afrontar a modificación do Plan Especial da Zona Histórica, “e tamén sen contemplar que hai áreas que están fora da améndoa que padecen unha presión moito maior que outras, como pode ser o caso de Concheiros, e urxe atender a súas especificidades”.

Duarte aproveitou tamén para reclamarlle ao Goberno “que recupere os programas municipais para incentivar o alugueiro de vivendas baleiras, que no pasado mandato non despegaron precisamente pola falta de regulación das vivendas turísticas e polas expectativas que a propia Xunta de Galicia abriu entre os propietarios destes pisos para que os destinaran a uso turístico e non residencial”. Nesa liña, tamén Marta Lois cuestionou a actitude do Goberno galego “que foi e segue sendo desleal coa cidade e creando situacións de indefensión, e que continúa a botar balóns fora ainda cos pronunciamentos xudiciais que avalan o que Compostela Aberta vén dicindo nestes sente anos en relación ás vvendas de uso turístico”.

Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo