
- Marta Lois pídelle a Bugallo “que deixe as escusas e que garanta que o servizo se preste correctamente e que se respecte o convenio dos traballadores e traballadoras”
Compostela Aberta, o BNG e o PP reclamarán no próximo Pleno que o Concello adopte as medidas necesarias para garantir o cumprimento das condicións establecidas no novo contrato da recollida do lixo e limpeza viaria, así do convenio que lle afecta ao persoal. A portavoz municipal de CA, Marta Lois, explicou que “a moción conxunta que os grupos da oposición levaremos ao Pleno responde a dúas evidencias: que o servizo segue sen funcionar correctamente e que os traballadores e traballadoras seguen denunciando o quebrantamento das súas condicións laborais”.
Marta Lois incidiu en que “son frecuentes as queixas da veciñanza polo lixo sen recoller, as papeleiras sen baleirar, as rúas sen limpar e os colectores en mal estado, e non semella que nada diso teña mellorado coa entrada en vigor do novo contrato”. A portavoz de CA urxiu ao Goberno “a deixar as escusas e a realizar as inspeccións necesarias para que a empresa concesionaria cumpra aquelo que ofertou na nova licitación do servizo, no que ten que ver cos medios materiais e humanos”. A concelleira salientou tamén “a nosa preocupación pola situación do persoal da contrata, que leva meses denunciando o incumprimento do seu convenio”. Lois recordou que “os tres grupos da oposición levaron xa a Pleno mocións nas que recolliamos as queixas dos traballadores e traballadoras, e como é habitual Bugallo preferiu mirar para outro lado argumentando que as relacións entre a empresa e os traballadores non lle incumben, ainda cando falamos dun servizo municipal tan sensible e que lle afecta directamente á veciñanza como é o da recollida do lixo”.
Na moción conxunta que levarán ao Pleno, CA, BNG e PP sinalan que “é un clamor social, tanto da veciñanza compostelá como das persoas que nos visitan, a necesidade de mellorar o sistema de recollida de residuos”, e advirten que “isto débese ao consentimento do Goberno local coa falta de inspección da empresa, ante o incumprimento da dotación de medios materiais e humanos que figuran no contrato, así como á falta de coordinación deste servizo público”. No relativo aos medios materiais, a moción fai referencia ao mal estado dos colectores, a falta de mantemento dos colectores soterrados, e á escasa dotación de máquinas barredoras, fregadoras e de camións de recollida.
No que tén que ver co persoal, os grupos da oposición recordan as queixas do comité de empresa de Urbaser, “das que eran coñecedor o Goberno desde novembro de 2021, e que advirte do incumprimento da bolsa de traballo existente ao non respectar a antigüedade para poder ter posibilidade de optar a contratos indefinidos tras xubilacións parciais ou totais, e reclama tamén a contratación das persoas que a empresa ofertou na adxudicación, para que se conforme o número de brigadas suficientes para a realización do traballo diario”.
PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN CONXUNTA DE CA, BNG E PP PARA O CUMPRIMENTO DO CONTRATO DA EMPRESA CONCESIONARIA DA RECOLLIDA DO LIXO