Compostela Aberta porá en marcha un programa para reactivar a actividade nos locais comerciais en desuso, “porque seguimos apostando polo pequeno comercio, local e de proximidade, que fai que as rúas da cidade estean máis vivas e contribúen a fixar poboación nos barrios”. Explicouno a candidata á alcaldía, María Rozas, que hoxe presentou as medidas de CA en materia de economía, emprego e industria, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola número 10 da lista, Marta Lois. Rozas lembrou que “para nós sempre foi unha prioridade diversificar a economía de Santiago, facela menos dependente do turismo, e impulsar a reindustrialización”.
Segundo datos da Federación Galega de Inmobiliarias, en Santiago hai un total de 475 locais comerciais no mercado da venda ou do alugueiro, fronte aos 325 que había hai un ano. Para María Rozas, “é evidente que temos un problema, que hai que atallar de maneira ambiciosa”. Por iso, a candidata de Compostela Aberta á alcaldía anunciou a posta en marcha dun programa para impulsar a actividade dos locais en desuso, mediante diferentes liñas de actuación. O primeiro, explicou, será facer un estudo “para definir as características dos locais baleiros, a súa localización e as súas potencialidades comerciais”. A partir de aí, explicou, “porase en marcha un programa municipal de intermediación entre propietarios e potenciais inquilinos, que levará aparelladas axudas económicas á propiedade para a contratación de seguros, altas de subministros ou garantías de pago dos alugueiros”. Nunha terceira fase, “crearemos unha carteira pública de locais comerciais en planta baixa, sen descartar a posibilidad da súa compra polo Concello mediante concurso público e a súa posta no alugueiro a prezos taxados, sempre que eses locais teñan un uso que garanta a súa función social e contribúan á revitalización dos barrios”. Ademais, María Rozas lembrou que “Compostela Aberta apoia a modificación do PXOM para que en determinados casos os baixos comerciais poidan ser destinados a vivenda, sempre e cando se cumpran as condicións de habitabilidade”.
A candidata de Compostela Aberta á alcaldía lembrou que “outra das nosas prioridades será frear a proliferación de tendas de souvenirs, nomeadamente na zona histórica”. Para iso, ademais das modificacións do planeamento que sexan necesarias, “propoñemos un plan de dinamización comercial específico para a cidade vella, que promova a apertura de novos establecementos de comercio tradicional que tamén contribúan a fixar poboación na améndoa”. Co obxectivo de preservar o comercio local, tamén se porán en marcha programas de apoio e asesoramento para a renovación xeracional e a modernización dos establecementos, e estableceránse bonificacións fiscais de ata o 95% en impostos como o IBIO e o ICIO para apoiar o comercio tradicional e que sexa considerado de especial interese municipal.
Oficina de captación de empresas
María Rozas tamén se comprometeu a crear unha Oficina de Captación, atracción e retención de empresas, que centralizará a xestión dos trámites que as empresas teñen que facer coa administración “porque a burocracia é unha gran inimiga do emprendemento”. A candidata á alcaldía explicou que “o obxectivo desta oficina será simplificar o actual labirinto burocrático e reducir o tempo e os custos dedicados a trámites urbanísticos, económicos ou fiscais”. Esta medida irá acompañada da creación dunha Aceleradora Urbana de empresas, “dirixida especialmente a proxectos empresariais de economía social e alto potencial de crecemento, que facilitará ás persoas emprendedoras tanto a infraestrutura como o acompañamento para lanzar as súas ideas de negocio”. Ademais, “Compostela Aberta comprométese a desenvolver novos solos industriais, apostando por poñer no mercado parcelas de tamaño máis reducido para diversificar a nosa economía e favorecer a creación de redes empresariais en novos nichos de produción”.
Aposta pola reindustrialización
A número 10 da candidatura de Compostela Aberta referiuse á necesaria reindustrialización de Santiago, “un obxectivo co que o noso Goberno traballou no pasado mandato, iniciando o camiño para que o biopolo da Sionlla sexa unha realidade”. Para Marta Lois “é evidente que queda moito por facer, e cando Bugallo saca peito das parcelas que están ocupadas nos polígonos industriais, esquece dicir que o que alí están instaladas son comercios, son tendas de mobles, ou son espazos de xogos para os nenos e nenas”. Por iso, a candidata explicou que “Compostela Aberta porá en marcha un Plan de Reindustrialización, co incentivos económicos para favorecer a creación e o crecemento de empresas dos sectores punteiros e que aposten polo I+D”.
Lois tamén se referiu ao proxecto “Santiago Hub Tecnolóxico”, unha proposta de Compostela Aberta para avanzar na cooperación entre a Universidade e a empresa, potenciando o emprendemento no campo da tecnoloxía e facendo posible o desenvolvemento de start-ups, produtos e servizos innovadores “mediante o fluxo de capital emprendedor, a conexión de profesionais, a formación, ou espazos maker”
Economía Social e Solidaria
Ademais de pola innovación, para Marta Lois “é o momento de facer unha verdadeira aposta por impulsar a economía social, e foi unha mágoa a oportunidade perdida polo Goberno, que non estivo á altura cunha programación propia en 2022, ano no que Santiago foi designado capital española da economía social”. A cocelleira explicou que Compostela Aberta comprométese a elaborar un Plan Municipal para impulsar a economía social e solidaria para o período 2023-2025, que podería ir acompañado da cesión temporal de espazos públicos como terreos ou locais municipais baleiros a persoas paradas de longa duración ou a persoas mozas que desenvolvan actividades de alto valor ambiental e social”
Por último, en materia de emprego, Marta Lois explicou que no programa de Compostela Aberta inclúese a elaboración dun plan de emprego nos barrios e parroquias, a posta en marcha dun punto único de asesoramento e apoio para as persoas demandantes de emprego, e a creación dun servizo de apoio ao emprendemento cooperativo. CA tamén aposta por un proxecto de fomento do emprego ligado a profesionais que buscan un relevo xeracional dentro dos oficios tradicionais, e que poden aproveitar o seu talento na formación e asistencia a persoas emprendedoras que desexan incorporarse a eses sectores.