- Compostela Aberta tamén promoverá unha Tarxeta Cidadá “que facilite o acceso da veciñanza aos servizos e equipamentos municipais”
Compostela Aberta creará unha concellería de Modernización Administrativa, “un departamento que funcionará de maneira transversal e que permitirá simplificar, homoxeneizar e axilizar os procedementos administrativos”. A candidata de CA á alcaldía, María Rozas, explicou que esta concellería “disporá as ferramentas necesarias para afrontar algúns dos graves problemas que tén o Concello de Santiago e que máis lle afectan directamente á veciñanza, como son os atrasos na concesión de licenzas ou no pago de facturas”. Ao tempo, explicou, “Compostela Aberta impulsará unha tarxeta cidadá que tamén contribúa a facilitar a relación dos veciños e veciñas coa administración e o seu acceso aos servizos municipais”.
A candidata de Compostela Aberta á alcaldía explicou que “é evidente que a instauración da administración electrónica foi moi deficiente, e de feito é percibida pola veciñanza máis como un problema que como unha solución”. María Rozas lamentou “a falta de dirección política neste proceso de modernización, ao que Santiago xa chegou tarde”. Nesa liña, recordou que “non foi ata o pasado mandato, co Goberno de CA, cando se iniciou o proceso para a implantación da administración electrónica, 15 anos despois do que se fixera noutros concellos como Vigo”, e incidiu en que “contratar unha solución tecnolóxica non garante bos resultados para a veciñanza se non hai unhas directrices e un pulo político claro, que faltaron nestes anos no Pazo de Raxoi”. O resultado, incidiu María Rozas, “é que non se acadaron os resultados agardados, nin no que tén que ver coa axilización dos trámites da veciñanza, nin moito menos coa mellora da xestión no Concello”. De feito, a cabeza de lista de CA insistiu en que “neste mandato a situación empeorou sensiblemente, e a mellor mostra son os remanentes de 2022 que mañá mesmo irán a Pleno, e que mostran que Bugallo deixou sen gastar o ano pasado 24 millóns de euros e 14 millóns de facturas pendentes”.
Concellería transversal
María Rozas explicou que a concellería de Modernización Administrativa será a responsable de concluir a implantación da administración electrónica, “corrixindo as moitas eivas que puidemos comprobar nestes anos, para termos un sistema que de verdade sexa útil á cidadanía, que sexa máis sinxelo e intuitivo”. En todo caso, advertiu, “a administración electrónica non pode servir de escusa para suprimir calquera tipo de atención presencial á veciñanza, porque é unha demanda para determinados casos e porque somos conscientes de que existe unha fenda dixital.
Ademais, a concellería de Modernización Administrativa facilitará solucións a outros departamentos municipais como o de Urbanismo, para axilizar a concesión de licenzas e simplificar trámites, con sistemas que xa se utilizan noutros concellos galegos como a Plataforma Pasaxe na que colaboran a Xunta e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Outro reto será aplicar melloras na xestión de facturas, especialmente nas de menor contía e que proceden de pequenos provedores, “porque non podemos seguir cos datos que tivo o Goberno de Bugallo, que se caracterizou por acumular millóns de euros en facturas e por incumprir sistematicamente o periodo medio de pago a provedores ao longo de todo o mandato, tardando ata máis dun ano para abonar facturas de tres euros”. Na mesma liña, María Rozas referiuse á necesidade de axilizar a tramitación das subvencións municipais, “outra cuestión na que o Goberno de Bugallo suspendeu rotundamente neste mandato, e aí están as entidades deportivas pendentes de cobrar as axudas do ano pasado, nas vésperas de que finalice o mandato municipal”. No que tén que ver coas axudas, a candidata de Compostela Aberta insistiu en que “no próximo mandato implantaremos o sistema de anticipo de pago, previo á xustificación das subvencións, de ata o 50% do importe concedido”. Este modelo tamén se aplicará ás axudas sociais, e neste caso o anticipo será do 100% do importe concedido.
Tarxeta cidadá
María Rozas tamén se referiu a outra das propostas que Compostela Aberta inclúe no seu programa, “co obxectivo de mellorar a relación da administración municipal coa veciñanza”. Trátase da creación dunha tarxeta cidadá, “un sistema que xa se utiliza noutras cidades, e que facilita o acceso a equipamentos municipais como centros cívicos, ou infraestruturas deportivas ou culturais; e a servizos como o autobús, a ORA ou os aparcamentos municipais”. A tarxeta iría aparellada tamén a determinados descontos para as persoas usuarias.