CA creará unha empresa municipal para aforrar custos e mellorar servizos coma o de limpeza e a conserxería das instalacións municipais

María Rozas, André Seoane e Carminha Naveiro denunciaron “as condicións desiguais e o exceso de contratacións parciais que supón o actual sistema e concesións”
  • Rozas advirte do posible atraso na licitación do transporte público por mor dos dous recursos presentados diante do TACGAL

Compostela Aberta iniciará os trámites para recuperar a xestión directa de servizos públicos que agora están en mans de empresas externas que se limitan fundamentalmente a proporcionar personal para atender cuestións como a conserxería e limpeza de instalacións municipais e deportivas ou o Servizo de Axuda no Fogar. A candidata de CA á alcaldía, María Rozas, explicou que “trátase de procurar un mellor servizo para a veciñanza, unhas mellores condicións laborais para os traballadores e traballadoras, e un aforro importante para o Concello de Santiago”.

María Rozas explicou que Compostela Aberta comprométese a iniciar no próximo mandato os trámites previos para a creación dunha empresa municipal de servizos, “porque hai moitas experiencias que nos din que iso supón un importante aforro para a administración”. A candidata da CA explicou que “este modelo xa funciona noutras cidades do Estado, que teñen empresas municipais que xestionan servizos como a conservación, mantemento e limpeza de colexios, edificios municipais, ou centros deportivos”. Tamén se referiu á experiencia da Universidade de Santiago “que vén de asumir a xestión directa da limpeza de todos os seus centros de Santiago e Lugo, que fora externalizado en 2014 e que lle custaba á USC 8 millóns de euros”. Segundo datos da propia Universidade, “a xestión directa vaille permitir aforrar un mínimo duns 800.000 euros anuais, polo IVE e polos beneficios industriais”.  Para María Rozas, “ese aforro tamén se produciría no Concello de Santiago, no caso de xestionar de maneira directa servizos como a limpeza e a conserxería de instalacións educativas ou deportivas”.  A candidata explicou que “este é un bo momento para iniciar os trámites para a creación desa empresa municipal, porque os contratos vixentes dos servizos de conserxería e limpeza das instalacións municipais e das instalacións deportivas rematan un a finais  e outro a comezos de 2025”

Mellora do servizo e mellores condicións laborais 

María Rozas salientou que a xestión directa “permitirá mellorar a calidade do servizo e tamén as condicións laborais do persoal”. A candidata referiuse, en concreto, ao caso dos traballadores e traballadoras dos servizos de limpeza, conserxería e control dos CEIPs e aos das instalacións deportivas “que levan anos demandando cuestións como a homoxeneización das categorías profesionais para teren as mesmas condicións en postos similares, a mellora das súas retribucións, para igualar as súas condicións ás do persoal doutros servizos  análogos, ou  unha mellor organización dos horarios para que poidan ter contratos por xornada completa”.

Ao respecto, André Seoane, representante dos traballadores de instalacións deportivas pola CIG e número 13 da lista de Compostela Aberta, explicou que “nas instalacións deportivas abondan os contratos a tempo parcial, sobre todo entre as traballadoras da limpeza, e os contratos fixos discontinuos atendendo á estacionalidade do uso das instalacións”. Ademais, incidiu en que “hai condicións laborais moi diferentes para situacións e traballos análogos, debido ás diferentes concesións, e mesmo hai pavillóns nos que a conserxería depende dun contrato e a limpeza doutro, e iso implica numerosas dificultades na coordinación do servizo”. 

Pola súa banda, Carminha Naveiro, membro da executiva comarcal da CIG-Servizos e número 23 da lista de CA, reiterou que “ter diferentes contratos para servizos similares supón que hai distintos convenios que lles afectan ás empresas, e polo tanto diferentes condicións económicas e laborais”. Tamén se referiu a que “falamos de servizos que están moi feminizados e as mulleres acaban sendo as máis prexudicadas por contratacións parciais, que mesmo lles obrigan a traballar en diferentes centros para ter completar xornadas e un salario digno”.

Outras empresas municipais

María Rozas explicou que “Compostela Aberta é ambiciosa, e temos no horizonte que esta empresa municipal asuma outros servizos como o de Axuda no Fogar, para garantir a mellor atención ás persoas usuarias e para rematar coa precarización que sofren as súas traballadoras, fundamentalmente mulleres”. Ao respecto, sinalou que “hoxe mesmo chégannos as queixas das traballadoras, que veñen de enterarse pola Seguridade Social da redución das súas xornadas, o que significa aínda unha maior precarización”.

A candidata de Compostela Aberta reiterou que “se incluímos esta proposta no noso programa electoral non é por cuestións ideolóxicas, senón por motivos fundamentalmente económicos e de eficiencia dos servizos públicos”. “Estamos no mesmo caso”, apuntou, “que no da empresa municipal da auga, que seguiremos defendendo porque a experiencia doutras cidades dinos que ese é o camiño correcto”. Nese sentido, lembrou os datos de Valladolid, “que despois de cinco anos de xestión directa da auga realizou máis investimentos na mellora da rede de saneamento e abastecemento que nos 20 anos anteriores de xestión privada, e iso é o que queremos conseguir para Santiago”. Ademais, CA propón a recuperación da empresa municipal de vivenda, para, ademais de xestionar a construción de vivenda para a venda a prezos taxados, intervir no mercado do alugueiro, sempre a prezos taxados, con programas dirixidos á rehabilitación e á posta no mercado de vivendas baleiras.

Licitación do transporte público

María Rozas tamén se referiu á convocatoria de folga dos traballadores do transporte urbano, que rexeitan o prego para a licitación do servizo. A candidata de Compostela Aberta lamentou que “unha vez máis queda en evidencia a falta de diálogo do Goberno de Bugallo, que tal e como denuncian os representantes sindicais, nin sequera tivo a ben reunirse cos traballadores en catro anos para coñecer as súas demandas”.

Ademais, advertiu de que “vimos de coñecer que xa hai dous recursos presentados diante do TACGAL contra os pregos do transporte público, e é evidente que non van cumprir os prazos para a adxudicación do contrato e a entrada en vigor do novo servizo que segue prometendo Bugallo durante a campaña electoral”.

Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo