“A proposta para a comarcalización do parque de bombeiros é un dejá vu: volvemos ao acordo que se acadou no ano 2000, sendo tamén Bugallo alcalde de Compostela, que nunca resultou operativo, e que foi anulado polo Tribunal Supremo oito anos despois”. Así de contundente se mostrou o concelleiro de Compostela Aberta Xan Duro, que lamentou que “Xunta, Deputación e Concello de Santiago fíen o futuro do servizo á realización de horas extras por parte dos bombeiros, e que volvan caer no erro de non negociar absolutamente nada cos traballadores”.
Segundo as informacións que trascenderon nos últimos días nos medios de comunicación, o acordo que prevé asínar o Concello de Santiago co Consorcio Provincial de Bombeiros, integrado por Xunta e Deputación da Coruña, pasa por manter o número de efectivos do que dispón o parque de bombeiros de Santiago: 45 que xa forman parte do corpo, e nove que se incorporarán proximamente, concluíndo os procesos de selección impulsados no pasado mandato. Con eses 54 traballadores prevese conformar tres equipos de catro bombeiros por cada quenda, un para atender Santiago, outro para a comarca, e un terceiro equipo de reforzo dos outros dous. Esta organización requerirá que os bombeiros realicen un número inxente de horas extras, e que o fagan de maneira estrutural e non puntual como ata agora. Nesa liña, Xan Duro incidiu en que “Bugallo volve á proposta que defendeu hai vinte anos, sen ter en conta sequera que o número de efectivos do parque de Santiago se reduciu sensiblemente neste tempo”.
Unha proposta mala para a comarca e mala para Santiago
Xan Duro sinalou que a proposta do Concello de Santiago e do Consorcio Provincial de Bombeiros “non garante unha resposta efectiva diante de calquera situación de risco”. Ao respecto, explicou que existen índices que avalían a efectividade dunha intervención en función do número de bombeiros que participan nela, “e sinalan que con catro bombeiros no equipo esa efectividade é do 61 por cento, fronte ao 74 por cento que se acadaría con 6 bombeiros”. O concelleiro de CA alertou que “deste xeito, os concellos da comarca non teñen garantida a atención eficaz que merecen, pero ademais Santiago e a súa veciñanza perden o nivel de protección que veñen tendo ata hoxe”.
O edil de Compostela Aberta incidiu en que a proposta de Concello, Xunta e Deputación é que as necesidades de persoal do servizo comarcalizado se cubran con horas extras do persoal do parque de Santiago. “Para que dean as contas”, explicou Duro, “sería preciso que cada un dos bombeiros fagan preto de 750 horas extras anuais, o que significaría traballar 31 xornadas máis ou incrementar nun 50% a xornada laboral”. O edil advertiu que “deste xeito superarase máis que amplamente o número máximo de 80 horas extras anuais permitidas pola lexislación laboral”.
Regreso ao pasado con Bugallo
Xan Duro denunciou que “a proposta que hoxe defende o Concello de Santiago é a mesma que defendeu no ano 2000, co mesmo alcalde, pero co agravante de que hoxe temos 20 bombeiros menos grazas a que Bugallo deixou caducar as ofertas de emprego que se puideron convocar antes da entrada en vigor da Lei Montoro”. O concelleiro de Compostela Aberta cuestionou que “dúas décadas despois vólvese caer no mesmo erro, mesmo no que tén que ver coa falta de diálogo cos traballadores do servizo”. Ao respecto, Duro lembrou que o acordo asinado no ano 2000 polo Concello de Santiago, os municipios limítrofes e a Deputación “foi anulado en 2008 polo Tribunal Supremo, que considerou que o acordo non fora negociado cos sindicatos e era claramente alterador das condicións de traballo dos bombeiros porque ampliaba o territorio e o número de habitantes a protexer, e porque incrementaba o seu risco”. O concelleiro tamén lembrou que “en 2018, Xunta, Deputación e Concello chegaron a un acordo para a comarcalización do parque, na que se falaba dun mínimo de 75 bombeiros, e daquela o vicepresidente Alfonso Rueda comprometeuse a abandeirar as reclamacións diante do Goberno do Estado para solucionar as trabas para o incremento do persoal por mor da tasa de reposición”. “É evidente”, engadiu o edil, “que Rueda decidiu non falar con Madrid cando Mariano Rajoy abandonou a Moncloa, e é evidente que nin o alcalde nin o presidente da Deputación, ambos do PSOE, teñen intención de reclamar nada”.
O concelleiro de Compostela Aberta instou a Bugallo, á Deputación e á Xunta a recapacitar, “porque despois de vinte anos agardando, non se pode dar un paso en falso que non garante nin o servizo de calidade que precisan Santiago e a nosa comarca e que podería ser tumbado novamente polos tribunais”. A todo iso súmase, engadiu, “os custos que podería supoñer a construción do parque de Salgueiriños, que non sabemos como se van repartir pero sí que o Goberno de Bugallo quere incluír xa nos orzamentos de 2022, e polo que o Concello de Santiago xa tivo que pagar 1,3 millóns de euros durante o pasado mandato á empresa construtora polo IVE da pequena parte que executou da obra”.