• Martiño Noriega lembra que “o PSOE tén os mesmos concelleiros que tiña CA, que no pasado mandato creou unha comisión sobre a auga da que formaban parte todos os grupos miunicipais”
  • Compostela Aberta pide que a Secretaría municipal se pronuncie sobre se é axustado a dereito iniciar a licitación sen previamente reunir á comisión creada no pasado mandato

Compostela Aberta vén de rexistrar unha solicitude formal para que a Secretaría Xeral do Pleno se pronuncie sobre o anuncio feito polo Goberno sobre a licitación do contrato de abastacemento e saneamento de auga, ignorando o acordo plenario de novembro de 2018 sobre a creación dunha comisión que debía informar sobre a forma máis sostible e eficiente de xestionar ese servizo. O grupo municipal de CA quere que o secretario, que tén etre as súas competencias a da execución dos acordos plenarios, informe se sería correcto e axustado a dereito iniciar esa licitación, prescindindo dun procedemento que foi aprobado pola Corporación municipal.

O portavoz de Compostela Aberta pregúntalle ao alcalde Bugallo “se entende que os 10 concelleiros e concelleiras do PSOE teñen o dobre de peso que tiñan os 10 concelleiros e concelleiras de CA no anterior mandato, cando se aprobou no Pleno a creación dunha comisión para estudar o mellor modelo de xestión para un recurso natural como é o da auga”. Para Martiño Noriega, “non hai mellor mostra das dúas maneiras de entender un goberno en minoría: Bugallo tomando unha decisión unilateral que hipotecará como mínimo ás cinco próximas corporacións municipais, fronte a Compostela Aberta, que creou unha comisión de debate e estudo integrada por todos os grupos municipais e por persoal de diferentes departamentos municipais”. Por iso, o concelleiro incidiu en que “cómpre reactivar esa comisión e chegar a unha conclusión de cal é o mellor modelo de xestión, porque recuncar nun modelo fracasado no é a solución”. Ao respecto, Noriega sinalou que “resulta curioso escoitar ao alcalde Bugallo falando de que un contrato a 25 anos e por centos de millóns de euros é a solución máxica para solventar os problemas que ese mesmo modelo de xestión deixou en Santiago, cunha rede de abastecemento moi deteriorada e con zonas do municipio sen servizos básicos malia a ser a mesma empresa concesionaria nas tres últimas décadas”.

Na solicitude que vén de ser rexistrada, o grupo municipal de Compostela Aberta solicita o asesoramento da Secretaría Xeral, atendendo ao regulamento orgánico municipal do Pleno do Concello de Santiago que lle outorga a función de dar apoio e asesoramento xurídico, técnico e administrativo, así como a da comunicación, publicación, e execución dos acordos plenarios. CA lembra que o Pleno da Corporación aprobou, en novembro de 2018, a proposta para o nomeamento da comisión para a redacción da memoria sobre a determinación da forma máis sostible e eficiente de xesitonar os servizos de abastecemento de auga e saneamento e depuración de augas residuais, que estaría integrada por representantes de todos os grupos políticos da Corporación, así como dos responsables de diferentes departamentos do Concello. Esa comisión quedou constituída en xaneiro de 2019, e aprobou a encomenda de contratación dunha consultoría para a elaboración dun estudo económico sobre os modelos de xestión do servizo da auga.

Goberno pouco transparente e menos dialogante

En outubro de 2019, o PSOE impediu cos seus votos que quedara aprobada unha proposición de Compostela Aberta para retomar os traballos da comisión encargada de determinar a forma máis sostible e eficiente de xestionar o servizo da auga. Compostela Aberta lembra que, nesa sesión, a concelleira Mila Castro afirmou que “cando toque, dende logo, daremos o debate sobre o tipo de xestión que queremos facer deste servizo”, pero uns meses despois, o Goberno incluiu a licitación do servizo no seu Plan de Contratos 2020, prevendo ademais unha concesión a 25 anos sen ter pechado o traballo da comisión e sen facilitarlle ningún tipo de información aos grupos da oposición. Na rolda de prensa na que se presentou ese Plan de Contratos, a concelleira Marta Abal mesmo sinalou que “pese a que levan bo ritmo os traballos, vaise (a licitación) máis cara finais do segundo semestre”, dando a entender que os traballos para iniciar o procedemento de licitación xa estaban comezados, antes de ter ningún contacto coa oposición nin dar o debate comprometido previamente por Mila Castro en sede plenaria.

A maiores, no Pleno de outubro de 2019, Mila Castro comprometeuse a poñer a disposición dos grupos da oposición os informes encargados pola comisión sobre o modelo de xestión máis sostible e eficiente para a auga. Compostela Aberta rexistrou a solicitude de acceso a esa información ao día seguinte da sesión plenaria, o 25 de outubro de 2019, e desde o departamento de contratación achegáronse tres documentos, dous deles presentados como borradores porque, segundo se informou verbalmente, “o actual goberno non solicitou os documentos finais e no expediente só figuran os borradores”. En concreto, o grupo municipal de CA recibiu o Informe e diagnostico da situación do sistema de auga urbana do Concello de Santiago de Compostela, elaborado por Emalcsa con data do 9 Abril do 2019; o Borrador informe final – Auditoría económica del contrato de concesión del servicio de agua potable del municipio de Santiago de Compostela elaborado por CGI consultoría en gestión innovadora con data de Maio do 2019; e o Borrador final del informe – Análisis de alternativas en el modelo de gestión del servicio público municipal de abastecimiento de agua potable, saneamiento y depuración del municipio elaborado por CGI consultoría en gestión innovadora con data de Xuño do 2019.

PODES CONSULTAR AQUÍ A SOLICITUDE DE ASESORAMENTO DO GRUPO DE COMPOSTELA ABERTA Á SECRETARÍA XERAL DO PLENO RELATIVA Á EXECUCIÓN DO ACORDO PLENARIO DO 15 DO NOVEMBRO DE 2018 SOBRE O NOMEAMENTO DA COMISIÓN PARA A REDACCIÓN DA MEMORIA SOBRE A DETERMINACIÓN DA FORMA MÁIS SOSTIBLE E EFICIENTE DE XESTIONAR OS SERVIZOS DE ABASTECEMENTO DE AUGA E SANEAMENTO E DEPURACIÓN DE AUGAS RESIDUAIS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies