• Jorge Duarte pide explicacións no Pleno “porque a colocación dos dispositivos comezou un mes antes de pasar pola Comisión Asesora de Patrimonio Histórico” 

CA insta ao Goberno local a paralizar a instalación das 39 cámaras previstas na cidade histórica, financiadas no marco do programa Smartiago, “para revisar a súa conveniencia e o grao de cumprimento do proxecto, tanto do Plan Especial da Cidade Histórica como da Lei de Patrimonio”. O concelleiro Jorge Duarte solicitará no Pleno a comparecencia do concelleiro responsable, “para que explique por que os traballos de colocación dos dispositivos arrancaron antes da súa aprobación pola Comisión Asesora de Patrimonio Histórico”.

Jorge Duarte explicou que o proxecto das cámaras qpasou pola Comisión Asesora o pasado 21 de setembro, un mes despois de que se iniciara a súa instalación “e malia que Compostela Aberta advertiu reiteradamente da necesidade de que se lle dera cumprimento a ese trámite”. O concelleiro lembrou que xa en febreiro “CA pediu que se reavaliara o proxecto para buscar solucións realmente innovadoras para o fomento dunha mobilidade intelixente, tal e como era o obxectivo do Smartiago”.  Posteriormente, en maio e en xullo, “insistimos en que a instalación das cámaras debía ser sometida ao ditame da Comisión Asesora, e sen terse dado ese paso, ao longo do verán vimos con preocupación como aparecían os primeiros postes para os dispositivos en diferentes puntos da zona histórica”. Duarte denunciou que “ignoráronse todos os requisitos que a administración municipal lle impón á veciñanza á hora de actuar na zona vella, e pasáronse por alto mesmo os condicionamentes que atrasaron a instalación da demandada fibra óptica, porque no caso das cámaras sí se despregan novos tendidos polas fachadas, apareceron novos pasos de cableado aéreo por exemplo na Algalia, e ignoráronse os condicionantes estéticos das propias prescricións técnicas do proxecto”.

O concelleiro de Compostela Aberta lamentou “a dobre vara de medir, que motivou as queixas da veciñanza, porque é difícil de explicar que o Concello ignore as normas e os controis exhaustivos que se impoñen para o conxunto da cidadanía”.  Para Jorge Duarte, é urxente “que o Goberno explique no Pleno cal foi o modus operandi neste asunto, por que non quixo levar a instalación das cámaras á Comisión Asesora da Cidade Histórica, na que se escoitaron moitas críticas a este proxecto”. De feito, engadiu, só o grupo do PSOE votou a favor do proxecto na xuntanza do pasado día 21, “na que Compostela Aberta se posicionou en contra da colocación das primeiras cámaras, e na que tamén se escoitaron críticas doutros organismos e entidades representadas nese órgano”

Dúbidas sobre o proxecto

Duarte incidiu, ademais, nas dúbidas que xa tén manifestado CA ao respecto da instalación das cámaras. O concelleiro insistiu en que “a día de hoxe seguimos sen saber se as cámaras van gravar imaxes, para que se vai utilizar a información que se capte con elas, e quen vai ter o control sobre eses datos”. Para o edil, “é evidente que esta actuación non cumpre coas máximas dunha xestión da mobilidade máis sostible, como era o obxectivo inicial do Smartiago, para o que no pasado mandato se captaran máis de 5 millóns de euros de fondos europeos”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A SOLICITUDE DE COMPARECENCIA SOBRE O TENDIDO DE NOVO CABLEADO AÉREO E OUTROS DISPOSITIVOS PARA A INSTALACIÓN DE CÁMARAS DENTRO DO PROGRAMA SMARTIAGO PARA O FOMENTO DA MOBILIDADE INTELIXENTE, INCUMPRINDO A NORMATIVA VIXENTE

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies