• O  grupo municipal de CA insta ao Goberno a introducir axudas ao alugueiro específicas para os mozos e mozas e a crear un “Bono Xuvenil” nos orzamentos do 2021
  • A concelleira Branca Novoneyra demanda unha programación especial que permita a apertura do Centro Xove da Almáciga no segundo semestre do ano

Compostela Aberta vén de demandarlle ao Goberno Local que “artelle medidas específicas para atender as necesidades da mocidade tras a crise da Covid-19, porque este é un dos colectivos máis vulnerables na situación de emerxencia na que nos atopamos”. A concelleira Branca Novoneyra alertou que “serán precisas políticas integrais e transversais, que respondan ás situacións de desemprego e precarización laboral e ás dificultades de acceso á vivenda dos mozos e mozas, que  se enfrontan a unha situación de maior vulnerabilidade social por mor desta pandemia”. Máis a curto prazo, Novoneyra instou ao Goberno a deseñar unha programación especial para reabrir o Centro Xove da Almáciga no segundo semestre do ano.

A concelleira Branca Novoneyra advertiu das consecuencias que vai ter esta crise para a mocidade, “un colectivo que xa vén sufrindo unha precariedade laboral que non vai facer máis que agravarse”. Nesa liña, recordou que “moitos mozos e mozas están empregados en pequenas empresas de ocio, hostalería ou servizos, sectores especialmente prexudicados por esta pandemia e nos que previsiblemente desaparecerán moitos postos de traballo”. En moitos casos, eses empregos precarizados “serven de soporte económico para mozos e mozas que tamén están estudando, e que agora van ter máis dificultades tanto para pagaren os seus alugueiros como para acceder a determinada formación ou produtos culturais”.

Medidas a curto prazo

A curto prazo, Compostela Aberta demándalle ao Goberno local que deseñe unha programación especial que permita reabrir o Centro Xove da Almáciga, “a infraestructura de referencia para a mocidade de Santiago”, no segundo semestre deste ano, atendendo os requirimentos derivados da pandemia en relación á limitación de aforos, medidas de distanciamento social, ou protocolos de limpeza e desinfección. O grupo municipal de CA entende que esta programación debe servir tamén para activar a produción cultural local e para poñer en valor os referentes culturais locais entre a xuventude. Ao tempo, debe ser inclusiva e atender á perspectiva de xénero.

Ademais, o grupo municipal de CA demanda  medidas para atender as necesidades formativas da mocidade de Santiago. Así, Compostela Aberta propón a convocatoria de bolsas semestrais para favorecer o acceso a estudos en centros educativos que impartan formación en sectores creativos no termo municipal, e  a posta en marcha de actividades formativas en liña específicas para a xuventude, que aborden temáticas vinculadas cos novos soportes de comunicación, á creación de contidos en liña, streaming, comunicación e oratoria, escrita creativa, ou análise de datos. Ademais, insta ao Goberno a habilitar un directorio sobre cursos e contidos formativos en liña ofertados para a mocidade por outras institucións a nivel galego, estatal e internacional; e que sería divulgado a través das redes sociais do departamento de mocidade. Por último, CA propón a creación dun club de lectura crítica, con libros electrónicos de balde para as persoas inscritas.

Plan Municipal para a Mocidade

Para atender as necesidades da mocidade a máis longo prazo, e recollendo as demandas de colectivos como ANEGA, Branca Novoneyra demandoulle ao Goberno o deseño dun Plan Municipal para a Mocidade que responda ás principais necesidades da xente nova: as dificultades no acceso á vivenda e a precariedade laboral. Ao respecto do primeiro, Compostela Aberta formula varias propostas como a convocatoria de axudas ao alugueiro específicas para este colectivo, a sinatura de convenios coa USC ou cos centros de ensino medio para activar bolsas de vivenda e estudo, ou a creación dun parque de vivendas sociais, en edificios que sexan adquiridos para ese fin, para seren postas a disposición tanto da xuventude como doutros sectores vulnerables da poboación. En relación ao emprego, o grupo municipal de CA demándalle ao Goberno que procure a colaboración con empresas e con outras institucións de Santiago para deseñar accións que fomenten o acceso ao emprego de calidade para a poboación moza.

Ademais, Compostela Aberta pide que, de cara aos orzamentos municipais de 2021, se explore a posibilidade de introducir un Bono Xuvenil que posibilite activar o consumo cultural e a compra no pequeno comercio. Desta medida veríanse beneficiados os mozos e mozas, pero tamén ooutros sectores duramente golpeados pola crise da Covid-19 e cos que o Concello tén que traballar para a súa reactivación.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies