- Transcorridos dous meses e medio de 2022, o Concello ainda non abonou as subvencións nominativas de 2021
Compostela Aberta denunciou hoxe o atraso no pagamento das subvencións nominativas aos clubs deportivos de Santiago, “que nalgúns casos se enfrontan a situacións económicas complicadas por mor desta demora que non ten precedentes nos últimos anos”. O concelleiro Xan Duro explicou que “a día de hoxe están sen abonar as axudas correspondentes ao ano 2021, e a concellería de Deportes ten informado aos equipos de que non pode poñerlle data a ese pago”.
O concelleiro de Compostela Aberta Xan Duro explicou que o atraso no pago destas subvencións aféctalle a clubs como o Santiago Futsal, o Arteal Tenis de Mesa, ou o Club de Baloncesto Fontiñas, “equipos para os que a achega municipal é fundamental para afrontar gastos que teñen que seguir facendo para manteren a súa actividade”. O edil de CA reclamoulle á concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, “que exerza as súas responsabilidades, que poña en marcha as medidas necesarias para axilizar os pagos das subvencións, e que empece a preocuparse pola situación que atravesan os clubs deportivos da cidade, algo que non fixo nos xa case tres anos que levamos de mandato”. Para o concelleiro, “o que está a acontecer con estas axudas é un exemplo máis da ausencia de Esther Pedrosa, que ven dando numerosas mostras de non estar á altura do cargo que ocupa, e que non é quen nin de atender as súas obrigas máis fundamentais como asistir ás reunións que ten axendadas”.
Xan Duro explicou que “durante o pasado mandato o Goberno de Compostela Aberta buscou fórmulas para contribuir a diminuir as tensións financeiras nos equipos, a través do pago anticipado dunha parte desas subvencións nominativas, que nalgúns casos podía chegar ao 60 por cento”. Para o edil de Compostela Aberta, “non hai xustificación para que estas subvencións nominativas non estean abonadas dous meses e medio despois de rematar o 2021, e para que o Goberno non botara man do pago anticipado que sí está contemplado nas propias bases de execución do orzamento”. Xan Duro cualificou de “inadmisible que o propio departamento de Deportes recoñeza que non pode poñer unha data para o pago destas axudas, tan importantes nas contas dos equipos beneficiarios”.