• O grupo municipal de Compostela Aberta require “que as axudas sexan abonadas antes de final de ano e que cubran o 100% dos gastos que os establecementos pechados teñen que afrontar igualmente”
  • Marta Lois: “O Goberno non pode manter a súa querencia polo asfalto mentres sectores fundamentais para a nosa cidade continúan afogando”

Compostela Aberta requirirálle ao Goberno local que as axudas directas aos sectores máis damnificados pola crise da Covid-19, nomeadamente á hostalería e ao pequeno comercio, sexan tramitadas como anticipos de subvención, para evitar burocracia e para que as empresas beneficiarias poidan cobralas antes de que remate este ano. Así o explicaron a voceira de CA, Marta Lois, e a concelleira María Rozas, que volveron lamentar que “nun momento de crise excepcional como o que vivimos, Bugallo siga mostrando máis querencia polo cemento que por sectores que seguen afogando día a día”.

A voceira de Compostela Aberta reiterou a preocupación pola hostalería, o pequeno comercio e a cultura “que están nunha situación límite”. Marta Lois lembrou que Santiago é unha cidade de servizos, con máis de 1.200 establecementos de hostalería e uns 3.000 comercios, e incidiu en que “o peche da hostalería crea unha onda expansiva que lle afecta a empresas de distribución, maioristas, a propia Praza de Abastos, pequenas tendas de alimentación ou panadarías…e iso tén que ter unha resposta inmediata por parte da administración municipal”. Por iso, para Lois, “é inadmisible que nun momento coma o actual, o alcalde Bugallo siga priorizando o asfalto, mostrando a súa querencia polas obras no reparto dos remanentes, cando o que tén que ser prioritario son as axudas aos sectores que están afogando día a día nesta crise”.

Máis axudas e máis inmediatas

Marta Lois reiterou que a prioridade de Compostela Aberta “será que as axudas directas aos sectores da hostalería e o comercio cubran o 100 por cen dos seus gastos fixos, deses que seguen tendo mentres están pechados”. Ademais, expresou a necesidade de que as axudas “sexan abonadas de xeito inmediato, porque o sector estanos mostrando a súa frustración por non ter cobrado aínda as subvencións que foron convocadas no primeiro estado de alarma, e as facturas non agardan”.

Por ese motivo, Compostela Aberta reclámalle ao Goberno local que utilice a ferramenta dos anticipos de subvención para tramitar as axudas directas á hostalería e o comercio “sectores que precisan xa de liquidez”. A concelleira María Rozas explicou que os anticipos de subvencións “están recollidos na Lei de Subvencións e tamén nas bases de execución dos orzamentos municipais, e o Goberno de Compostela Aberta xa os tén utilizado no pasado mandato en convocatorias de cultura e de Cooperación ao Desenvolvemento”. A edila instou ao Goberno a “habilitar o anticipo para o 100% das subvencións, de xeito que o Concello podería facer o desembolso dos fondos de maneira inmediata, en todo caso antes de que remate o ano, cuns requisitos e unha tramitación moito máis sinxela para os beneficiarios”.

María Rozas lamentou tamén que o Goberno de Bugallo “siga mostrando improvisación e falta de diálogo, tanto coa oposición como cos sectores afectados”. Nesa liña, lembrou que “o alcalde fala de celebrar un Pleno extraordinario a próxima semana, pero non tén pechado ningún acordo cos outros grupos da Corporación, segue tramitando expedientes a trompicóns, e agarda ao último momento para actuar fronte a unha situación que se coñece desde hai meses”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies