CA esíxelle ao Goberno que “controle a empresa encargada da recollida do lixo, ante o deterioro do servizo e os riscos para a saúde do seu persoal”

Xan Duro pide que se axilice a adxudicación do novo contrato “despois de vermos con sorpresa como se suspendeu a mesa de contratación prevista para o venres”

Compostela Aberta alertou hoxe da grave situación que atravesa a recollida do lixo e limpeza viaria, “non só pola notable perda de calidade deste servizo municipal, que sofre toda a veciñanza, senón tamén polos riscos para a saúde laboral das persoas traballadoras”. Así o constata o propio persoal, “que denuncia que a empresa está a funcionar con vinte traballadores e traballadoras menos, que hai maquinaria estropeada que non se repón, e que non se realiza o necesario mantemento dos contedores”.

Tras manter unha reunión co Comité de Empresa de Urbaser, encargada da recollida do lixo, Compostela Aberta levará ao Pleno unha moción para mostrar o apoio da Corporación municipal ás súas reivindicacións en materia de saúde e prevención de riscos laborais, e para urxir ao Goberno a facer púbicos os informes e relatorios de control da súa prestación e a axilizar a resolución do procedemento de licitación do novo contrato, “e máis cando vimos de saber que se desconvocou, por causas que descoñecemos, unha mesa de contratación que estaba prevista para este venres”.

Servizo deteriorado e riscos laborais

O concelleiro Xan Duro explicou que “a descrición que fai o comité de empresa sobre a situación que atravesa o servizo de recollida do lixo é alarmante, porque estamos a falar, non só dunha perda de calidade, senón tamén de riscos para a saúde laboral dos traballadores e traballadoras”. Así, o edil lembrou que Urbaser está a atender a recollida do lixo e a limpeza viaria “con vinte persoas menos das que establecían os pregos cos que foi contratada, e tén sen cubrir seis baixas”. Ademais, o persoal denunciou “a falta de mantemento de toda a maquinaria, o que tamén supón certo risco para a súa integridade física”.

Duro explicou que “a empresa tampouco está a adoptar medidas para garantir unha correcta prestación do servizo, porque non repara a maquinaria que sería precisa para iso”. Así, hai seis camións da recolida, dúas furgonetas e dúas motobarredoras están paradas, e dous vehículos eléctricos adquiridos durante o pasado mandato tampouco se están utilizando. Tal e como relatou o comité de empresa, “a unica barredora que está funcionando nin sequera limpa ben a rúa, e só sae para que se vexa e acalar as críticas da veciñanza”.  Ademais, o persoal alerta de que os 136 contedores soterrados existentes en Santiago carecen de mantemento, os outros contedores non se limpan, e unha illa de contedores de Frei Rosendo Salvado leva catro meses precintada.

Para o concelleiro de Compostela Aberta, “é inexplicable que a empresa manteña esta situación, e é grave que o Goberno non fixera o seguimento necesario destas incidencias e non reclamara solucións a Urbaser, sobre todo porque destas deficiencias vimos alertando desde hai meses e a única resposta de Bugallo foi acusar á veciñanza de Compostela de actitudes incívicas”. Xan Duro incidiu en que “o feito de que a empresa estea a prestar o servizo sen contrato non é desculpa para estes graves incumprimentos, porque a orde de continuidade asinada pola propia Mila Castro en abril de 2021 establece que a prestación debe continuar nas mesmas condicións”.

Atraso da nova licitación

Xan Duro lembrou que Urbaser leva “20 meses prestando o servizo da recollida do lixo sen contrato, e esta demora é unicamente imputable á inoperancia do Goberno de Bugallo, que perdeu dous anos no inicio dun expediente de contratación para o que recibiu moito traballo feito no mandato de Compostela Aberta”. Nesa liña, o edil acusou á concelleira Mila Castro “de mentir cando afirma que o único que recibiu do Goberno de CA foron uns apuntes, porque o certo é que tiña feito un estudo económico, uns pregos moi avanzados, e mesmo unha consulta ao mercado lanzada, da que ni sequera soubemos as conclusións ou as achegas das empresas”. Para Xan Duro, “o único que fixeron Bugallo e Mila Castro foi perder dous anos en coller os pregos que nós deixaramos feitos e empeoralos, retirando cuestións como a aposta pola compostaxe comunitaria que nós contemplabamos atendendo ás directivas europeas en materia de residuos que previsiblemente se van incumprir en Santiago grazas a este novo contrato impulsado polo PSOE”. O edil sinalou que “Bugallo e Mila Castro fan que Compostela regrese ao pasado no que tén que ver coa xestión do lixo, e mesmo caen no erro de prever unha licitación a dez anos sen ter en conta que un contrato de tan longa duración como o actual fará que nos enfrontemos en 2032 ao mesmo problema que temos na actualidade: unha cidade en crecemento e un servizo que non está deseñado para atender todas as súas necesidades”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA QUE O CONCELLO ATENDA AS DEMANDAS DO PERSOAL TRABALLADOR DO SERVIZO MUNICIPAL DE RECOLLIDA DE RESÍDUOS SÓLIDOS URBANOS E LIMPEZA

PODES CONSULTAR AQUÍ O BORRADOR DE PREGOS TÉCNICOS PARA A LICITACIÓN DA RECOLLIDA DO LIXO QUE CA LLE ENTREGOU AO PSOE NO TRASPASO DE PODERES

PODES CONSULTAR AQUÍ O ESTUDO ECONÓMICO SOBRE O SERVIZO DE RECOLLIDA DO LIXO QUE CA LLE ENTREGOU AO PSOE NO TRASPASO DE PODERES

PODES CONSULTAR AQUÍ O DOCUMENTO DA CONSULTA PRELIMINAR AO MERCADO ENCARGADA DURANTE O PASADO MANDATO

PODES CONSULTAR AQUÍ, AQUÍ,AQUÍ, O DOCUMENTO DA ASISTENCIA TÉCNICA SOBRE O SERVIZO DA RECOLLIDA DE LIXO CONTRATA NO PASADO MANDATO

Novas
relacionadas

“Nos primeiros cen días de Goberno atendimos urxencias como a dos autobuses, recuperamos o diálogo social, e reconducimos o proxecto do Centro de Persoas sen Fogar” 

O Goberno mantivo un encontro cos medios de comunicación para facer balace dos cen primeiros días de mandato

María Rozas: “Asinamos un bo acordo para Santiago, que atende ao que nos pediu a veciñanza: un goberno de esquerdas e plural”

Compostela Aberta e BNG asinaron as bases do acordo de goberno transformador para Santiago durante o mandato 2023-2027

María Rozas asina o acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas municipais para atender os retos de Santiago  

A candidata de Compostela Aberta cualifica de “moi positivo que se poña o foco sobre cuestións que van alén das grandes infraestruturas, e das que CA leva falando xa moitos anos como a gobernanza o turismo”

Compostela Aberta é a única formación que tén publicado e accesible o seu programa electoral

María Rozas aféalle a PSOE, PP e BNG que leven días “falando de propostas duns programas que non se sabe onde están nin que compromisos firmes incorporan”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo