CA insiste nas súas propostas para os orzamentos, centradas nas Políticas Sociais, a reactivación económica e a mellora de equipamentos

O grupo municipal de CA vén de remitirlle ao Goberno un novo documento, despois de que o 19 de febreiro sinalara as liñas de traballo nunha comunicación que non tivo resposta do PSOE ata 12 días despois
  • CA reclama a implementación da Renda Infantil, xa comprometida en 2020, máis axudas directas aos sectores afectados pola crise, melloras nos CEIPS e a creación de espazos sociocomunitarios cubertos

Compostela Aberta vén de remitirlle hoxe ao PSOE un documento coa xerarquización das demandas do grupo municipal de cara á súa inclusión nos orzamentos de 2021, tal e como foi solicitado polo alcalde nunha reunión celebrada onte. A portavoz de CA, Marta Lois, incidiu en que “tal e como vimos sinalando desde o mes de xaneiro, a nosa prioridade é o reforzo das Políticas Sociais, e a aposta por instrumentos innovadores como a creación dunha renda infantil, que o Goberno se comprometera a estudar xa nos orzamentos do 2020”. A concelleira reiterou que “non estamos en marzo sen orzamentos por culpa da oposición como Bugallo parece querer trasladar á opinión pública, senón pola irresponsabilidade do Goberno que non fixo os deberes a tempo e non se puxo a estudar ata a véspera do exame”.

Marta Lois explicou que o remitido hoxe “non é o primeiro documento de propostas presentado por Compostela Aberta, que xa o pasado 19 de febreiro lle remitiu ao PSOE un listado de cuestións sobre as que queriamos negociar co Goberno, documento que non tivo resposta ata o pasado 3 de marzo e no que o grupo socialista non asumiu ningunha das nosas demandas”. Para a portavoz de CA “resulta sorprendente que o alcalde se dedique a dar ultimatums e a atribuir o atraso na aprobación das contas á oposición cando o certo é que, no caso de Compostela Aberta, o grupo de Goberno tardou 12 días en responder un primeiro mail, e outros 12 días en responder ás nosas propostas, e iso sen ter en conta que CA pediu empezar a negociar os orzamentos no mes de agosto”.

A portavoz de Compostela Aberta explicou que o primeiro documento de propostas que lle foi remitido ao PSOE “era unha guía para unha negociación que viña condicionada polo acontecido cos orzamentos de 2020, que CA viabilizou despois de asinar un acordo que o Goberno non cumpriu na súa  maior parte”. Por ese motivo, apuntou, “nesta ocasión non incorporamos inicialmente propostas pechadas e cunha partida estimada, para que o Goberno tivera máis marxe para primeiro encaixar as nosas demandas e segundo, e sobre todo, para despois executalas”. Marta Lois explicou que “o PSOE respondeu a esa lista de demandas sen asumir ningunha delas, e reclamou un documento de propostas máis pechado e xerarquizado que CA, que non tén ningunha vontade de dilatar os prazos, tardou menos de 24 horas en remitir ao Goberno”.

Aposta polas Políticas Sociais e a reactivación económica

O documento de propostas remitido hoxe ao Goberno volve incidir na necesidade de reforzar as Políticas Sociais, “porque neste ano 2021, e aínda en pandemia, é preciso atender ás necesidades da xente por riba de calquera outra cuestión”. A portavoz de CA sinalou que o grupo municipal “volve reclamar a implantación da Renda Infantil Municipal, unha ferramenta que o PSOE xa se comprometera a estudar no acordo sobre os orzamentos de 2020, pero para a que non deu ningún paso”. Compostela Aberta, que xa deixara perfilada a renda infantil ao remate do anterior mandato, reclamará 270.000 euros para a súa posta en marcha, “unha cantidade que responde a que a renda non podería ser efectiva ata o último trimestre do ano porque require unha modificación da Ordenanza de Garantía Básica”.

Tamén relacionado coas políticas sociais, Compostela Aberta demanda que os orzamentos permitan rebaixar os prezos dos servizos de conciliación, cunha achega do Concello que compense o encarecemento das actividades por mor das normas sanitarias derivadas da pandemia; e que se poña en marcha un Plan Municipal de Canguraxe, que foi solicitado por CA no Pleno da Corporación. Ademais, para CA é prioritario incluir nos orzamentos unha partida de 35.000 euros para iniciar o desenvolvemento dun Plan Municipal de Xuventude, “plan para o que nos seguintes exercicios sería preciso incrementar a dotación a través de consigacións orzamentarias en diferentes áreas do Goberno, máis alá do reforzo da de Mocidade”

En canto á reactivación económica, Compostela Aberta demanda que se habilite unha partida de 250.000 euros, dentro dos orzamentos de Festas, para poñer en marcha un plan de contratación de música e cultura ao vivo. Para os sectores máis damnificados pola crise, como a hostalería ou o comercio, CA esixe no documento que lle foi remitido hoxe ao PSOE “que as axudas directas sexan o principal destino dos remanentes municipais de 2020, conscientes de que o Goberno vai argumentar que  estas axudas teñen pouco encaixe xa dentro do orzamento de 2021”.

Investimentos

En materia de investimentos, a principal reclamación de Compostela Aberta é a posta en marcha dun Plan de Obras en Centros de Educación Infantil e Primaria, cunha dotación dun millón de euros. Marta Lois explicou que as actuacións demandadas “son as que figuran na auditoría que CA tén realizado sobre a situación dos colexios a través de entrevistas coas ANPAS, e que xa foi remitida ao Pleno da Corporación no  pasado mes de outubro”. Dentro desa partida, destacaría a mellora do pavillón do CEIP Quiroga Palacios “que xa figuraba no acordo sobre os orzamentos de 2020 cunha partida de máis de 400.000 euros”. A maiores, inclúense actuacións en diferentes centros “como a ampliación de remodelación de parques infantís,a instalación de zonas cubertas, a renovación de aseos, actuacións de mellora da accesibilidade, ou o arranxo do pavillón do Pío XII, entre outras”.

Ademais, Compostela Aberta demanda unha partida de 500.000 euros para a instalación de zonas cubertas en distintos barrios da cidade, “tal e como temos demandado tamén no Pleno da Corporación, e atendendo á necesidade de repensar os espazos urbanos, evidenciada nesta pandemia”. Marta Lois lembrou, ademais, que o Goberno ténse comprometido a executar a zona cuberta de usos múltiples de Santa Marta, proxectada ao abeiro dos orzamentos participativos no pasado mandato, con cargo aos remanentes municipais de 2019. Aínda neste barrio, no documento de propostas remitido ao Goberno para a súa inclusión nos orzamentos de 2021 Compostela Aberta tamén reclama unha partida inicial para afrontar o proxecto da piscina cuberta de Santa Marta.

Compostela Aberta tamén pide a incorporación ás Contas da partida precisa para satisfacer a demanda dunhas pistas de atletismo homologadas para acoller a celebración de competicións oficiais, e demanda que se prevea, ben con cargo aos orzamentos ou ben con cargo aos remanentes do 2020, a partida que permita desenvolver o tramo de Santiago da Vía Verde, se finalmente no se obtén a subvención do IDAE que o Concello tén solicitada para o proxecto. Para CA, sería inadmisible que o proxecto da Vía Verde quedara incompleto no tramo de Santiago, tendo en conta que a Deputación xa tén avanzado na licitación dos tramos que discorren polos demais concellos incluídos na senda.

PODES CONSULTAR AQUÍ O DOCUMENTO DE PROPOSTAS ACHEGADO AO GOBERNO

Novas
relacionadas

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

“Nos primeiros cen días de Goberno atendimos urxencias como a dos autobuses, recuperamos o diálogo social, e reconducimos o proxecto do Centro de Persoas sen Fogar” 

O Goberno mantivo un encontro cos medios de comunicación para facer balace dos cen primeiros días de mandato

“Para CA, o responsable cos veciños era estar no goberno e aportar estabilidade”

Entrevista a María Rozas, concellería de Dereitos e Servizos Sociais e primeira tenente de alcaldesa

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo