Compostela Aberta levará ao próximo Pleno ordinario unha moción na que insta ao Goberno a traballar na planificación das actividades artísticas de rúa de cara ao Xacobeo 2021, “para garantir o seu correcto desenvolvemento ante a previsible saturación da cidade no Ano Santo, e para permitir que estas actividades sigan sendo mostra da riqueza cultural de Santiago e melloren a experiencia das persoas que nos visitan”. A concelleira Branca Novoneyra presentou hoxe a proposta “que nace do convencemento de que as e os artistas de rúa precisan dunha atención especial ás portas do 2021”.
Branca Novoneyra lembrou que “as artes de rúa forman parte da riqueza cultural de Santiago, onde existe un amplo colectivo de artistas de rúa que desenvolven diferentes disciplinas relacionadas coas artes plásticas, a música, a artesanía ou as artes escénicas, e que veñen formando parte da programación cultural da nosa cidade”. A concelleira alertou da necesidade de “pensar con antelación cal vai ser a relación deste colectivo de artistas coa celebración do Xacobeo, como integralas na programación, e mesmo como van influír os fluxos turísticos, co obxectivo de non expulsalos das rúas”. Nesa liña, lebrou que xa no anterior mandato “foi preciso chegar a acordos para desactivar conflitos relacionados co uso do espazo público, polas localizacións, os horarios e as quendas dos artistas, conflitos que poderían agravarse de cara ao 2021”.
Por ese motivo, a moción que se debaterá no Pleno “trata de adiantarse á previsible situación de estrés no Xacobeo, e insta ao Goberno local a elaborar un informe que posibilite a planificación estratéxica das actividades artísticas de rúa, mesmo co obxectivo de modificar a regulación vixente e adaptala á nova situación”. O texto tamén insta á Xunta a desenvolver unha liña de planificación, fomento e posta en valor das artes de rúa en todo o territorio galego.
PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DE COMPOSTELA ABERTA PARA PLANIFICAR ESTRATEXICAMENTE AS ARTES DE RÚA DURANTE A CELEBRACIÓN DO XACOBEO 2021