- Compostela Aberta lamenta “as continuas contradicións nas que está a incorrer Bugallo, que un día di que os traballos previos á licitación están avanzados e ao seguinte que non hai unha decisión pechada sobre o modelo de xesitón”
- O grupo municipal de CA cuestiona os prazos para a licitación propostos polo Goberno “tendo en conta que tén un informe encargado sobre os investimentos precisos na rede que ten de prazo de execución ata novembro”
O grupo municipal de Compostela Aberta levará ao Pleno da próxima semana unha interpelación ao Goberno, para que aclare se tén previsto retomar ou reconstituir a Comisión creada durante o pasado mandato para determinar cal é a forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento de auga e saneamento e depuración de augas residuais. O portavoz de CA, Martiño Noriega, insistiu en que “é preciso abandonar os apriorismos, e o Goberno tén que basear a decisión final exclusivamente nos intereses da veciñanza de Compostela”.
A interpelación para o Pleno foi rexistrada previamente á Xunta de Voceiros celebrada onte, en cumprimento dos prazos establecidos polo regulamento orgánico, e nesa reunión Compostela Aberta insistiu na petición para que se retomen os traballos da comisión, da que formaban parte todos os grupos municipais e diferentes técnicos municiapis, e para a que se contemplaba a posibilidade de requirir asesoramento externo. O grupo municipal de CA agarda que, despois desa reunión, o alcalde dea os pasos necesarios para reconstituír a comisión e, de non facelo, levará ao Pleno do mes de xullo unha solicitude formal para que o conxunto da Corporación reclame a recuperación dese órgano.
Contradicións no Goberno
Na interpelación rexistrada onte, Compostela Aberta advirte das continuas contradicións nas que vén incorrendo o Goberno local, e nomeadamente o alcalde, desde que presentara o Plan de Contratación no que se incluiu a licitación do servizo da auga por un prazo de 25 anos e cun importe de máis de 450 millóns de euros. Nesa liña, tal e como explica Martiño Noriega, “non se entende que en outubro pasado a concelleira Milagros Castro asegurara no Pleno que se daría o debate sobre o modelo de xestión da auga, meses despois se incluíra esa licitación no Plan de Contratación e se anunciara a intención de iniciar o procedemento a finais de 2020, para unha semana máis tarde volver a afirmar que non hai ningunha decisión pechada”.
Para o portavoz de Compostela Aberta, “un Goberno con 10 concelleiros e concelleiras de 25 non pode adoptar unha decisión que lle vai afectar ás próximas cinco corporacións municipais de maneira unilateral, non pode licitar un contrato a 25 anos sen ter pechado o traballo iniciado pola comisión creada no pasado mandato para acordar o modelo de xestión dun servizo esencial como é o da auga”. Noriega insistiu en que “é preciso coñecer os resultados dos estudos encargados por ese órgano, porque a decisión sobre o modelo de xestión debe fuxir de apriorismos ideolóxicos e de atender a intereses particulares ou empresariais”.
Plan de investimentos
Na interpelación, Compostela Aberta tamén chama a atención sobre os prazos que manexa o Goberno para licitar o servizo da auga. Segundo asegurou en rolda de prensa a concelleira de Contratación Marta Abal, os traballos para esa licitación levan bo ritmo e o procedemento podería iniciarse “cara finais do segundo semestre do ano”. O grupo municipal de CA lembra que o Goberno, a través dun decreto da concelleira de Medio Ambiente, tén encargado o pasado mes de marzo un informe sobre o “Plan de Investimentos para o novo contrato do ciclo integral da auga”, para o que se fixou un prazo de execución de oito meses. Polo tanto, apunta Martiño Noriega, “é difícil de entender que os traballos para os pregos de contratación estean avanzandos, e tamén que o alcalde Bugallo e a concelleira Milagros Castro leven semanas dando diferentes cifras sobre os investimentos precisos para renovar a rede de saneamento e abastecemento, cifras que foron desde os 50 ata os 140 millóns de euros”.
A maiores, Martiño Noriega cuestiona que “o único argumento que vén dando Bugallo para facer unha licitación do servizo da auga a 25 anos é a necesidade de que unha empresa realice eses investimentos e os amortice, obviando que Santiago leva medio século coa mesma empresa concesionaria e a rede tén serios problemas como o propio alcalde recoñece”. É máis, tal e como se recolle na interpelación, no ano 1998 concedéuselle unha prórroga do contrato a Aquagest ata 2019 argumentando que era o prazo necesario para amortizar os máis de 53 millóns de euros que precisaba investir para modernizar a rede de auga.
PODES CONSULTAR AQUÍ A INTERPELACIÓN PRESENTADA POR COMPOSTELA ABERTA AO RESPECTO DO SERVIZO DE ABASTECEMENTO DE AUGA E SANEAMENTO