- O concelleiro de Compostela Aberta critica “o desleixo da Xunta, que é a administración que debera levar as rendas da coordinación aeroportuaria”
Compostela Aberta aproveitará o Pleno ordinario de decembro para interpelar ao Goberno sobre a súa política aeroportuaria, tras coñecerse nas últimas semanas a supresión de ata seis voos que viñan sendo operados desde a terminal Rosalía de Castro de Lavacolla. O concelleiro Rafael Peña expresou a súa preocupación pola desaparición destes enlaces “sobre todo do voo de Vueling con Roma, que era absolutamente estratéxico para Santiago”. O edil lamentou que o Goberno de Bugallo “quedara de brazos cruzados, malia a que foi advertido con tempo de que as aeroliñas poderían estar formulando estes cambios prexudiciais para Compostela”.
Recortes de Ryanair, Easy Jet e Vueling
Rafael Peña lembrou que as malas noticias para o aeroporto Rosalía de Castro comezaron a chegar xa en setembro, cando Ryanair confirmou o peche, a partir de xaneiro, de varias rutas que viña operando desde Santiago: a conexión directa a Tenerife, que supoñía máis de 7.500 prazas de avión ao mes; o voo a Milán-Bergamo, que ofertaba 3.000 prazas mensuais; e o cuarto voo semanal a Londres-Stansted, que Ryanair empezou a ofertar nesta tempada de inverno. A maiores, Ryanair deixou de operar en outubro a ruta a Frankfurt, que mantiña desde finais de 2005, e que en 2018 moveu case 43.000 pasaxeiros e pasaxeiras. Posteriormente, en novembro, a compañía Easy Jet anunciou que na próxima tempada de verán suprimirá a ruta directa que operaba entre Santiago e Milán desde marzo de 2017, e que o ano pasado superou os 25.000 viaxeiros e viaxeiras.
O concelleiro de Compostela Aberta recoñeceu que “a gota que colmou o vaso foi a confirmación, por parte de Vueling, de que no próximo verán eliminará a conexión directa co aeroporto de Fuimicino-Roma que se viña operando desde xuño de 2014”. Rafael Peña explicou que “Roma é un destino estratéxico para Santiago, e a cancelación superá a perda de case 3.000 pasaxeiros mensuais”.
Freo a anos de récord no aeroporto Rosalía de Castro
O edil lamentou que “a incomparecencia do Goberno local e da Xunta vaia motivar que o aeroporto perda pasaxeiros nos meses de inverno, por primeira vez en cinco anos”. Rafael Peña mostrouse convencido de que entre xaneiro e marzo, Santiago perderá un 10 por cento de usuarios, “freando os logros dos últimos anos en canto á desestacionalización de Lavacolla, que medrou un 25 por cento nos meses de inverno”. O concelleiro lembrou que el mesmo advertiu no primeiro consello de administración de Incolsa deste mandato “da necesidade de que o Goberno fora proactivo coas aeroliñas para que seguiran operando ao mesmo nivel desde Santiago, pero o executivo do PSOE non mantivo ningún contacto con ningunha compañía aérea a tempo para a planificación da temporada de inverno”.
“Incomparecencia da Xunta”
Rafael Peña tamén se referiu á “incomparecencia da Xunta, que mantén unha situación que é totalmente anómala no conxunto do Estado, cunha administración autonómica que non exerce as súas competencias e que descarga nos concellos toda a responsabilidade da política aeroportuaria”. O concelleiro de Compostela Aberta lembrou que “durante o pasado mandato o Goberno de Santiago defendeu no comité de rutas a convivencia dos tres aeroportos galegos, tendo claro que o de Compostela é o que tén que exercer como aeroporto central de Galicia, e baixo a coordinación dun ente que debería impulsar a Xunta”. Para o edil, “o presidente Feijóo e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, están cómodos nesta posición, o primeiro porque fai desleixo das súas funcións e o segundo porque quere vitimizarse desde o seu localismo”
PODES CONSULTAR AQUÍ A INTERPELACIÓN DE CA SOBRE POLÍTICA AEROPORTUARIA