- A concelleira de CA pide “un maior esforzo orzamentario e vontade política para acometer actuacións que nin teñen un elevado custo nin son complexas de tramitar”
Compostela Aberta reclamará no Pleno do próximo xoves a aprobación e posta en marcha dun plan plurianual de actuacións nos centros escolares de Santiago, que recolla as principais demandas das ANPAs de Santiago. Será a través dunha moción que vai defender María Rozas, que vén de manter xuntanzas con representantes das Asociacións de Nais e Pais de Alumnos dos 13 CEIPs da cidade. A concelleira sinalou que “o investimento nos centros de ensino e a mellora da calidade das instalacións educativas debe ser unha das prioridades dos orzamentos municipais dos próximos anos”, pero incidiu en que “moitas das actuacións demandadas polas ANPAs poderían levarse a cabo só con vontade política, porque non teñen nin unha tramitación complexa nin un elevado custo”.
Nas últimas semanas, María Rozas mantivo unha ronda de reunións coas ANPAs dos 13 CEIPs de Santiago, para coñecer de primeira man as necesidades de cada un dos centros neste inicio do curso escolar marcado pola Covid-19. A concelleira explicou que a pandemia “determina as preocupacións das Asociacións de Nais e Pais en cuestións que xa temos denunciado nas últimas semanas como o funcionamento dos comedores ou a ausencia de actividades extraescolares, pero tamén motiva demandas relacionadas coa necesidade de máis espazos para usos múltiples ou o mantemento das zonas verdes dos centros”. María Rozas insistiu, ademais, e que a Covid-19 non pode servir de coartada para non acometer outras actuacións que son importantes, en materia de mantemento dos centros, pequenas obras ou limpeza, que son as cuestións nas que o Concello tén competencias.
Plan plurianual de actuacións nos CEIPs e máis orzamento
A partir das xuntanzas coas ANPAs, Compostela Aberta elaborou un amplo listado de actuacións pendentes nos Centros de Educación Infantil e Primaria de Santiago, que se inclúe na moción que será debatida no Pleno do próximo xoves. María Rozas explicou que “o documento que lle facemos chegar ao Goberno debe servir de base para a aprobación dun Plan plurianual de actuacións nos CEIPs, no que se recollan estas demandas para seren atendidas por fases”. A concelleira de CA instou ao Goberno a “retomar a dinámica de anos anteriores nos que o Concello aproveitaba os meses estivais para acometer pequenas actuacións nos colexios, porque as ANPAs coinciden en que este ano houbo menos obras que outros veráns”. De feito, e segundo a información facilitada polo departamento de Educación, neste pasado verán destináronse a estas actuacións 245.000 euros, fronte aos case 315.000 do verán de 2018 e aos 400.000 euros do verán de 2017. Rozas tamén reclamou que “se lle dea continuidade ao plan iniciado no pasado mandato para a remodelación dos parques infantís dos centros educativos, que debería concluirse no próximo verán de 2021”. Para atender estas cuestións, a moción de Compostela Aberta pide que se incremente o orzamento destinado a mantemento e conservación dos centros de ensino, no ano 2021 e nos seguintes exercicios.
Ademais, María Rozas pediu que o Concello contemple nese Plan Plurianual “investimentos de maior calado como son a remodelación de pavillóns deportivos, a construción de cubertas nos patios, ou o acondicionamento de espazos polivalentes”; e instou ao Goberno a “reclamarlle á Consellería de Educación a execución dalgúns proxectos que son da súa competencia, e que nalgúns casos son vellas demandas das ANPAs”.
Necesidades de espazos
A concelleira de Compostela Aberta sinalou que a maioría das ANPAs de Santiago coinciden en que precisan máis espazos para usos múltiples, e demandoulle ao Goberno “que poña ao dispor dos centros espazos de titularidade municipal que en moitos casos están próximos aos colexios e infrautilizados”. Así, María Rozas propuxo que o CEIP de Fontiñas podería utilizar a ludoteca María Miramontes, “que incomprensiblemente segue pechada”; o Raíña Fabiola, a Casa das Máquinas, que está a ser rehabilitada e non tén un uso definido; e o CEIP Apóstolo Santiago, o local da Caramoniña.
Do mesmo xeito, as ANPAs tamén reclaman máis espazos exteriores para poder ser utilizados nestes tempos da Covid-19, “unha demanda que Bugallo debera escoitar antes de sinalar públicamente que entre as prioridades do Goberno non están os proxectos para cubrir parques infantís, ainda cando dispón de orzamento reservado a ese fin. Porque se o alcalde falara coas ANPAs sabería que nunca houbo unha demanda tan alta deste tipo de dotacións”. Ademais, segundo relatou María Rozas, as ANPAs “coincidiron en mostrar certo malestar polo deficiente mantemento das zonas verdes exteriores dos centros, que adoitaba realizarse antes do inicio do curso escolar, e que este ano aínda estaba pendente nalgúns colexios un mes despois de comezar as clases”.
María Rozas salientou que “a moción que levamos ao Pleno é o resultado dun intenso traballo de interlocución e diálogo coas ANPAs de todos os CEIPs da cidade, porque son estas asociacións as que mellor coñecen as necesidades concretas de cada centro”.
PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DE CA PARA PRESENTAR O MAPA DE NECESIDADES ESCOLARES E A APROBACIÓN DUN PLANO PLURIANUAL DE ACTUACIÓNS NOS CENTROS ESCOLARES DE INFANTIL E PRIMARIA DE SANTIAGO