CA pedirá no Pleno que a Corporación condene a fuxida do rei emérito e requira unha investigación parlamentaria dos seus posibles delitos

Compostela Aberta presenta unha moción na que tamén avoga por derrogar os artigos do Código Penal que se refiren ao delito de inxurias ao Rei e á Casa Real e por retirar todas as honras ou títulos honoríficos que ostente Juan Carlos I
  • Marta Lois sostén que “a corrupción na Casa Real non parece xa un caso illado e supón unha ameaza para a nosa calidade democrática  sobre a que hai que tomar medidas”

Compostela Aberta levará ao Pleno unha moción para condenar a fuxida do rei emérito e para instar ao Goberno do Estado e ao Congreso a poñer en marcha unha investigación parlamentaria sobre os delitos que puidera ter cometido Juan Carlos I. A voceira de CA, Marta Lois, incidiu en que “os acontecementos que se veñen producindo en torno á Casa Real parecen indicar que a corrupción na institución non responde a casos illados, senón que foi medrando baixo o amparo mediático e a escaseza de controis democráticos, ata supoñer unha seria ameaza para a nosa calidade democrática e para o Estado de dereito”.

Compostela Aberta entende que a data elixida pola Casa do Rei para anunciar a fuxida do rei emérito ao estranxeiro, o pasado 3 de agosto, “non foi inocente, como tampouco o foi que Felipe VI comunicara só días despois da declaración do estado de alarma, coa poboación en estado de shock, unha información que coñecía desde un ano antes: que era beneficiario da Fundación Lucum, unha entidade investigada por un posible delito de branqueo de capitais”. Estes feitos súmanse a outros polos que Juan Carlos I estaría presuntamente implicado en delitos de corrupción, branqueo de capitais e evasión fiscal continuada; ao Caso Nóos que lle custou unha condena de prisión ao cuñado do actual monarca, ou ás investigacións que lle afectan ao curmán do rei emérito polo cobro de comisións multimillonarias na venda do Banco Zaragozano. Estes episodios, apuntou Marta Lois, “sitúan á monarquía española moi lonxe do seu pretendido comportamento exemplar, deben ser condenados, e urxen a abrir unha investigación parlamentaria sobre a figura de Juan Carlos I e sobre os delitos que puido ter cometido desde o ano 2014, cando lle foi retirada a súa condición de invioabilidade xurídica”. Na mesma liña, na moción que se debaterá en setembro, CA pide que, de demostrarse que o rei emérito cometeu os delitos que se investigan, se lle obrrigue a reingresar nas arcas públicas o patrimonio que tivera adquirido ilegalmente.

Reforma do Código Penal, retirada de honras e referendo

Por todo iso, a voceira de CA entende que “non é comprensible que o Código Penal protexa á Casa Real máis que a calquera outra persoa ou institución, e que nos seus artigos se recolla o delito de inxurias á Coroa”. Así, coa moción que se vai debater no Pleno de setembro, Compostela Aberta quere que a Corporación inste ao Goberno do Estado a derrogar o delito de inxurias ao rei e á Casa Real recollidos nos artigos 490.3 e 491 do Código Penal, igualando a protección penal da honra da que goza coa do resto da cidadanía.

Ademais, o grupo municipal de CA avoga por instar a todas as administracións, comezando polo Concello de Santiago, a retirar calquera honra ou titulo honorífico que ostente Juan Carlos de Borbón, e a esixir a celebración dun referendo no que a cidadanía decida sobre a continuidade da monarquía como depositaria da Xefatura do Estado. A voceira municipal de Compostela Aberta reiterou que “a monarquía é unha anomalía democrática e un anacronismo herdado da legalidade franquista, e toca xa debater sobre o modelo de Estado e o sistema de goberno”. Para Marta Lois “é imprescindible tomar medidas para recuperar a confianza da cidadanía nas institucións democráticas, e este é un debate que nos interpela a todos, tamén ás administracións locais que son as máis próximas á veciñanza”.

PODES LER AQUÍ A MOCIÓN DE CA PARA CONDENAR A FUXIDA DE JUAN CARLOS I

Arquivado en:Pleno
Novas
relacionadas

María Rozas: “Os remanentes de 2022 son a última demostración de que Bugallo é un alcalde incapaz”

A portavoz de Compostela Aberta cualifica de “escandaloso que o Goberno peche o ano con 24 millóns de euros sen gastar e 14 millóns de gastos pendentes”

Marta Lois: “O Goberno non pode permitir que sigan pechados máis de 40 postos da Praza de Abastos”

Compostela Aberta propón a convocatoria dun concurso, acompañado dunha liña específica de axudas, para darlle un uso aos espazos desocupados do mercado, priorizando proxectos de economía social e que permitan a inserción laboral de persoas desempregadas de longa duración

María Rozas: “Bugallo cambiou un centro para persoas sen fogar por un edificio de despachos poñendo en risco un millón de euros de fondos europeos”

Compostela Aberta pedirá explicacións no Pleno sobre o modelo do Centro de Inclusión “do que a concelleira de Políticas Sociais non informou ás entidades sociais que traballan en Santiago”

Jorge Duarte: “Hai consenso político e técnico sobre cal é o mellor proxecto para Castrón Douro, e só Bugallo leva a contraria”

Na comisión asesora de hoxe, quedou sobre a mesa a modificación do proxecto da II fase de Castrón Douro por falta de apoios, e Compostela Aberta demandará no Pleno que se manteña o acordado no pasado mandato coa veciñanza

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo