- Compostela Aberta tamén pide a posta en marcha dun programa piloto de inspección de vivendas turísticas ilegais
Compostela Aberta vén de trasladarlle ao Consello de Administración de Incolsa varias propostas para a súa inclusión nos orzamentos da entidade, “co obxectivo de que a empresa municipal de turismo aborde a realidade do sector, que tén moito que ver cos problemas de convivencia xerados pola aposta por un modelo masificado que cada vez conta con máis contestación social”. Así o explicou a portavoz municipal de CA, que reiterou que “a nosa vontade é que Incolsa sexa un instrumento útil, que non se limite á promoción turística e a alimentar o modelo do Xacobeo”.
No Consello de Administración de Incolsa que se celebra hoxe, Marta Lois trasladou tres propostas concretas para a súa inclusión nos orzamentos da entidade, “que están moi ligadas coas políticas turísticas que defendemos desde Compostela Aberta, desde o convencemento de que é preciso avanzar na gobernanza do turismo e ir máis alá da promoción”.
Foro Cidadán e Observatorio de Sustentabilidade Turística
Nesa liña, a portavoz de CA defendeu a creación dun Foro Cidadán sobre a Convivencia e o Turismo, “un espazo de debate sobre o turismo que poña o foco na dimensión local e veciñal, que permita recoller as demandas da veciñanza para a partir delas articular medidas para garantir a convivencia e equilibrar os efectos negativos da afluencia masiva de turistas e visitantes”. A segunda proposta trasladada por Compostela Aberta é a posta en marcha dun Observatorio de Sustentabilidade, Cidadanía e Turismo, “que nos dote dun sistema de información rigoroso sobre o turismo, con indicadores estandarizados e estables sobre a evolución do sector”. Marta Lois formulou a conveniencia de que este observatorio “se poña en marcha a través dun convenio de colaboración coa Universidade de Santiago, e que del formen parte as equipas e centros de investigación da USC especialistas nas distintas áreas vinculadas co sector”.
Inspección de pisos turísticos
No Consello de Administración de Incolsa, Compostela Aberta tamén reclamou a creación dun programa piloto de inspección das vivendas de uso turístico irregulares, “que permita actuar contra a actividade ilegal destes pisos, que se traduce na expulsión da veciñanza e na desaparición dos comercios tradicionais, fundamentalmente na zona histórica”. Marta Lois explicou que o obxectivo deste plan, que debera implementarse en colaboración coa concellería de Urbanismo, “é que se cree unha equipa de visualizadores que comproben a pé de rúa a actividade das vivendas turísticas ilegais, que realicen un traballo comparativo nas webs que ofertan este tipo de aloxamentos, e que mesmo falen coa veciñanza para coñecer posibles apartamentos que operen sen licenza e xeren problemas de convivencia”.
Marta Lois incidiu en que “xa ninguén pón en dúbida as consecuencias negativas que ten a proliferación das vivendas de uso turístico, e é evidente que as medidas adoptadas desde a administración municipal para evitar a súa abertura non impiden a aparición de aloxamentos ilegais que deben ser controlados e sancionados”. Para a portavoz municipal, “este é outro ámbito no que debe actuar Incolsa, nunha liña de traballo que debe ter como obxectivo darlle unha maior utilidade a unha empresa municipal que tén un enorme potencial e que conta cun cadro de persoal habilitado para facer traballo máis alá da promoción do destino”.