CA pide a creación dun selo que recoñeza aos establecementos hostaleiros que respecten as condicións laborais das “kellys”

Compostela Aberta leva ao Pleno unha moción na que tamén se insta á Xunta e ao Goberno do Estado a mellorar a situación destas traballadoras
  • CA presenta unha moción para mostrar o apoio do Concello ás reivindicacións do movemento feminista polo 8M

Compostela Aberta proporá, no próximo Pleno da Corporación, que o Concello de Santiago cree un selo de calidade que recoñeza ás empresas de hostalería que respecten as condicións laborais e sociais das “kellys”, as traballadoras do servizo de limpeza destas establecementos. A concelleira Marta Lois presentou a proposta, “que parte do convencemento de que é preciso darlle un apoio explícito a este colectivo, que está a loitar por dereitos laborais básicos que non lles están sendo respectados”.

Marta Lois explicou que o obxectivo da moción presentada por CA é “promover Compostela como un destino turístico social e laboralmente sustentable”, e nesa liña lembrou que “a situación das kellys é a consecuencia, tamén, dun modelo de explotación turística que coloca o foco no número de turistas pero que non atende aos posibles custos sociais e laborais da actividade”. A concelleira apuntou que ás portas dun novo Xacobeo, sería positivo que o Concello recoñecese aos hoteis, hostais, albergues, apartamentos e pensións que cumpren os convenios colectivos e a normativa laboral, sobre todo no que tén que ver coas súas traballadoras da limpeza.

Compromiso doutras administracións

Na moción que se debaterá no Pleno desta semana, Compostela Aberta tamén aposta por instar á Xunta a desenvolver un plano de seguridade laboral con accións específicas dirixidas ás kellys, a non subvencionar ou outorgar axudas a establecementos turísticos que teñan expedientes abertos relativos ao incumprimento das condicións laborais destas empregadas, e a abrir unha liña de axudas para aquelas empresas que non externalicen servizos de limpeza senón que opten por contratacións directas das persoas empregadas nesas tarefas.

En canto ao Goberno do Estado, o grupo municipal de CA pide que a Corporación inste á administración central a modificar as condicións de xubilación anticipada atendendo a peticións do colectivo das ‘Kellys’, estudando a rebaixa da idade establecida ata os 58 ou 60 anos.

Vulneración dos dereitos laborais máis básicos

Marta Lois explicou que “nos últimos anos o colectivo das kellys autoorganizouse para denunciar unha problemática que viña sendo invisibilizada, e que supón a vulneración dos seus dereitos laborais máis básicos”. Nesa liña, a concelleira falou dunha “forma de exploración moderna destas traballadoras, que moitas veces traballan ata 12 horas diarias aínda que nos seus contratos figuren a metade, padecen doenzas laborais que non teñen recoñecidas, e mesmo sofren risco de acoso”. A iso súmase que “os seus salarios adoitan estar entre 2 e 5 euros por cuarto limpado, polo que as kellys teñen que limpar ata 400 dormitorios ao mes para poderen ingresar pouco máis de 800 euros”. Para a concelleira de Compostela Aberta, “é fundamental avanzar nesas cuestións pero tamén noutras reivindicacións tan básicas como as de rematar coa externalización e as subcontratas ou que se recoñeza o dereito destas traballadoras á xubilación anticipada”.

Moción sobre o 8M

No próximo Pleno tamén se debaterá otra moción de Compostela Aberta con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A través dela, o grupo municipal de Ca pide que o Concello de Santiago mostre o seu apoio ás mobilizacións e reivindicacións do movemento feminista galego neste 8M, “nomeadamente aquelas que procuran garantir o dereito a un parto sen violencia obstétrica, o dereito a un coidado pediátrico de urxencias, o dereito a unha sanidade pública e de calidade, e o dereito a vivir no rural con dignidade”. 

A moción tamén sinala que “en cumprimento da proposición aprobada polo Pleno da corporación, en decembro do 2019, o Concello de Santiago comprométese a reforzar o impulso das políticas transversais de igualdade de xénero, renovando o seu compromiso para facer de Compostela un Territorio das Mulleres e realizando unha programación específica municipal para celebrar o 8M, Día Internacional das Mulleres”, e “insta ao goberno do Estado e á Xunta de Galicia a dar resposta e impulsar todas as medidas solicitadas polo Pleno do Concello de Santiago nos últimos anos, con motivo da celebración do 8M, en materia perspectiva de xénero, de igualdade salarial, inserción laboral,, corresponsabilidade e conciliación e violencia de xénero.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DE CA PARA APOIAR AS DEMANDAS E REIVINDICACIÓNS DO COLECTIVO DE TRABALLADORAS “KELLYS”

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DE CA CON MOTIVO DO 8 DE MARZO

Novas
relacionadas

Yolanda Díaz arroupa a Compostela Aberta no día grande da Ascensión

A vicepresidenta pediu o apoio para María Rozas nas eleccións do próximo día 28 “porque é a mostra dunha maneira de facer política en maiúsculas”

CA creará unha carteira pública de locais comerciais baleiros que serán postos en alugueiro a prezos taxados para comercio de interese municipal

María Rozas e Marta Lois presentaron as propostas de Compostela Aberta en materia de economía, emprego, industria e comercio

María Rozas preséntalle ao Club Financiero de Santiago as propostas de CA en materia de reindustrialización

A candidata de Compostela Aberta á alcaldía comprometeu a creación dunha Oficina de captación e retención de empresas “que facilite a burocracia aos empresarios e emprendedores”

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo