• Jorge Duarte presenta unha moción para instar ao Executivo de Bugallo a manter o planificado no pasado mandato e dotar a Santiago dun centro que vaia máis alá das actividades educativas do actual CIAC

O concelleiro Jorge Duarte presentou hoxe a moción que Compostela Aberta levará ao próximo Pleno da Corporación para urxir ao Goberno local a planificar a instalación dun Centro Asesor e Dinamizador da Sustentabilidade de Santiago no Palacete da Finca do Espiño, despois de ter aprobado o inicio de licitación das obras de restauración do edificio. O edil propuxo que o centro “se converta nun centro asesor e dinamizador da sustentabilidade, indo un paso máis alá das funcións do CIAC de Belvís como centro de educación ambiental”.

Jorge Duarte lembrou que no pasado mandato o Goberno elaborou un novo deseño para a restauración do Palacete da Finca do Espiño, despois de ter rescindido o contrato para a execución das obras porque se acreditou a necesidade de introducir modificacións no  proxecto que superaban o límite do 10% do orzamento establecido na lei. O novo proxecto elaborouse “incorporando as modificacións que lle deran cabida ao actual programa do CIAC no palacete, a un novo centro de asesoramento e dinamización da sustentabilidade, e ás dependencias administrativas do servizo de Medio Ambiente”. O pasado 2 de setembro, a Xunta de Goberno aprobou o inicio de licitación destas obras, e tal e como se recolle no informe xustificativo, preténdese cubrir a necesidade “de rehabilitar o inmoble catalogado con protección patrimonial e a incorporación ao edificio do programa do CIAC e do do persoal e a actividade do departamento de Medio Ambiente”.

Na moción presentada hoxe, Compostela Aberta urxe ao Goberno a planificar a instalación do  Centro Asesor e Dinamizador da Sustentabilidade de Santiago no Palacete da Finca do Espiño, e a establecer as canles de diálogo e participación coa veciñanza e co tecido asociativo “para que sexan partícipes no deseño do que sería un novo punto de referencia da cidadanía na consulta e asesoramento sobre sustentabilidade, con actuacións específicas en centros educativos e cun especial foco na mitigación da pobreza enerxética”. Por último, tal e como explicou Jorge Duarte, Compostela Aberta pedirá no Pleno que se inste á Xunta de Galicia, nomeadamente aos departamentos realacionados co Medio Ambiente, a colaborar co Concello de Santiago na posta en marcha do novo centro ambiental da Finca do Espiño.

Podes consultar AQUÍ a MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE A INSTALACIÓN DUN CENTRO ASESOR E DINAMIZADOR DA SUSTENTABILIDADE DE SANTIAGO NO RESTAURADO PALACETE DA FINCA DO ESPIÑO

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies