- O concelleiro de Compostela Aberta tamén preguntará no Pleno pola demora na solución para o vello Peleteiro “que Bugallo se comprometera a ter nos tres primeiros meses do mandato”
Compostela Aberta reclamará no Pleno da próxima semana a modificación do proxecto de recuperación do muro da Alameda que dá á rúa o Pombal, para extender o seu ámbito de actuación ata o Cruceiro do Gaio. O concelleiro Jorge Duarte explicou que “tendo transcorrido máis dun ano desde o primeiro desprendemento no noiro, e despois de producirse un segundo derrubamento nunha zona non incluída no proxecto, o Goberno tén que garantir que a solución que se lle dea a esta zona sexa a mellor das posibles”.
Jorge Duarte explicou que a caída do muro acontecida o pasdado día 12 rexistrouse “nun punto do muro que non está incluído no proxecto que foi aprobado pola Xunta de Goberno o pasado 30 de novembro, e presentado na Comisión Asesora de Casco Histórico en setembro de 2020”. O concelleiro de Compostela Aberta sinalou que “á vista dos acontecementos, e tendo en conta que o Goberno aínda non acadou un acordo coa propiedade da parte privada que permita executar o proxecto aprobado, é preciso procurar unha solución máis ambiciosa, que garanta definitivamente a accesiblidade e a seguridade nesta zona”. Para o edil, “esa solución pasa por extender o ámbito de actuación do actual proxecto ata a rúa do Cruceiro do Gaio, dándolle unha solución estética unitaria e ampliando a beirarrúa para facela accesible”. O proxecto aprobado, cun orzamento de máis de 600.000 euros, afectaríalle ao lateral da Alameda que dá cara o Pombal, pero non inclúe actuacións na parte do muro que dá cara a Travesa do Cruceiro do Gaio.
Operación Peleteiro
Jorge Duarte tamén aproveitará o Pleno desta semana para pedirlle ao Goberno que explique en que situación se atopa a coñecida como Operación Peleteiro. O concelleiro de Compostela Aberta mostrou a súa preocupación pola demora na tramitación urbanística desta peza fundamental no Ensanche, “e máis tendo en conta que o alcalde se comprometeu a darlle unha solución en tres meses desde o inicio do mandato e xa teñen transcorridos máis de 20”. Duarte denunciou que a oposición “non tén recibido ningún documento ao respecto, e tampouco temos noticias da creación da comisión anunciada por Bugallo para consensuar a mellor solución para o ámbito”.
A modificación puntual do PXOM no ámbito do vello colexio Peleteiro foi aprobada en abril de 2018, e a finais dese ano a Xunta de Galicia aprobou o documento de avaliación ambiental. A comezos de 2019, a modificación do PXOM non recibiu o visto bo no Pleno, “unicamente polos cálculos electoralistas de PSOE e PP, que decidiron rexeitar a proposta”. Jorge Duarte advirte que “pouco ou nada se tén avanzando desde entón, e mesmo descoñecemos se seguirá tendo validez o documento de avaliación ambiental aprobado en 2018 ou se será preciso reiniciar todos os trámites, alonxando ainda máis a perspectiva dunha solución para o vello Peleteiro”.