CA pide axudas para autónomos e pemes do sector turístico e reclama un programa para reconverter os pisos turísticos en vivendas de alugueiro

Marta Lois insta ao Goberno a “reorientar a política turística e as funcións de Incolsa, e a pensar na Gobernanza do Turismo tras a pandemia do coronavirus”
  • O grupo municipal de Compostela Aberta propón medidas para “redeseñar o Xacobeo, consolidar a Santiago como destino cultural, e atraer novos públicos que garantan un turismo máis sustentable e responsable”

Compostela Aberta presentou hoxe as súas propostas para manter o emprego e recuperar o sector do turismo tras a crise da Covid-19, “unha situación que o Concello debe aproveitar para facer unha reflexión global sobre o modelo de turismo que queremos e sobre o papel que este sector debe xogar na economía de Santiago”. A concelleira Marta Lois incidiu en que é preciso “poñer en marcha medidas urxentes, de reacción ante a crise e para a reactivación do sector, pero estamos tamén no momento de pensar na Gobernanza do Turismo, de buscar as fórmulas para rematar coas facetas máis depredadoras desta actividade, para que repercuta de maneira positiva no conxunto da veciñanza”.

Marta Lois lembrou que “a crise do coronavirus está golpeando especialmente ao sector turístico, que tamén tardará máis en recuperarse deixando polo camiño moitos postos de traballo”. A vicevoceira de Compostela Aberta insistiu na necesidade de que o Concello “se converta nun motor proactivo na recuperación do sector, pero apostando por novas políticas que a medio e longo prazo se traduzan nun modelo de turismo máis sustentable, de xestión responsable e respectuosa co medio ambiente, coa cultura, coas condicións laborais, coa equidade de xénero e co retorno social e económico”.

Axudas ao sector e reorientación da política turística

O documento que Compostela Aberta lle fai chegar ao Goberno en relación ao sector turístico parte da necesidade de establecer un novo modelo e de apostar pola “Gobernanza do Turismo”, pero incorpora algunhas medidas de aplicación inmediata e urxente co obxectivo de garantir a recuperación do sector e o mantemento do emprego. Así, o grupo municipal de CA demanda que o Concello impulse un novo programa municipal de alugueiro destinado a reorientación das vivendas de uso turístico, e que estaría orzado con 75.000 euros. O obxectivo é “darlle saída ás vivendas turísticas que previsiblemente quedarán desocupadas nos próximos meses, atendendo ao mesmo tempo a un dos problemas derivados do actual modelo turístico, que é a escaseza de vivendas en alugueiro en Santiago”. Estas axudas estarían dirixidas tanto ás persoas propietarias como ás demandantes de vivenda.

Como xa fixo con outros sectores, Compostela Aberta reclama tamén o mantemento de todos os contratos públicos da administración local comprometidos co sector turístico, e propón a convocatoria de axudas para autónomos e pemes, “para que poidan adecuar os seus servizos aos novos requirimentos tras a pandemia en cuestións como os espazos e aforos ou a protección sanitaria”. CA propón destinar a esta liña de axudas un orzamento de 100.000 euros, e reclama investir esa mesma cantidade en novas campañas promocionais de Santiago inicialmente nos mercados español e portugués.

Para desenvolver esas medidas, Lois sinala que “é preciso reorientar a actividade e os recursos económicos de Incolsa, para que a empresa municipal de turismo sexa o motor que transforme Compostela nun destino turístico responsable, nun lugar que sexa bo para vivir e para visitar”. A concelleira explicou que “é evidente que hai actuacións previstas por Incolsa que non se van poder desenvolver, e eses fondos teñen que ser redirixidos a medidas que atendan o momento excepcional no que nos atopamos e miren cara o futuro que queremos”.

Gobernanza do turismo e turismo responsable

A vicevoceira de Compostela Aberta insistiu en que “as medidas urxentes deben ir acompañadas das que son importantes a longo prazo, e que teñen que ver coa Gobernanza do Turismo, coa necesidade de rematar coas facetas depredadoras desta actividade para garantir a convivencia que se viu ameazada nos últimos tempos”. Ao respecto, Marta Lois, valorou positivamente “que o Goberno de Bugallo se teña incorporado a este concepto que CA defendeu ao longo do pasado mandato, ata o punto de ter contratado un estudo para a definición do modelo de gobernanza e xestión do turismo, que agardamos que se coñeza canto antes e se poña a disposición do sector”. Nesa liña, a concelleira avogou porque o Goberno “socialice unha nova estratexia turística a través da convocatoria do Consello Municipal de Turismo e impulsando un Foro Aberto do Turismo en Santiago, no que se escoiten todas as voces, e no que o Goberno presente os resultados tanto dese informe sobre a Gobernanza do turismo como dos dous estudos sobre o fenómeno dos pisos turísticos que contratou este ano”.

Para Compostela Aberta, “o obxectivo último das novas políticas turísticas debe ser lograr un modelo de turismo responsable, que xere impactos positivos para a veciñanza”. Nesa liña, o grupo municipal de CA propón varias medidas para implementar a medio prazo, como unha certificación “Compostela Responsable”, que distinga as empresas hostaleiras que cumpran cos obxectivos de desenvolvemento sustentable da ONU; a posta en marcha da campaña “#Enjoy-Respect-Santiago”, para concienciar en destino sobre os dereitos e obrigas dos turistas; ou o fomento da economía circular a través das cadeas curtas de subministración no turismo.

Xacobeo e novos públicos

Ademais, e tal e como explicou Marta Lois, “Santiago debe consolidarse como destino cultural, e para iso é preciso un traballo conxunto dos departamentos municipais de Turismo, Cultura e Festas que permita desenvolver unha programación que sexa atractiva tanto para a veciñanza como para os potenciais visitantes”. Ao respecto, “unha das primeiras medidas debe ser o redeseño do Xacobeo, integrando a súa programación coa dos axentes programadores locais e con propostas que poñan en valor a nosa identidade propia no contexto europeo”. Como medidas concretas, Compostela Aberta propón que se impulse, no 2021, un gran festival con grupos locaiso do censo Compostela É! Música, a creación dun novo eixo cultural no Parque de Belvís e barrio de San Pedro, como entrada principal do Camiño; a convocatoria dun programa de residencias artísticas vinculadas ás rutas xacobeoas; ou a elaboración dun mapa de puntos activos de arte na rúa durante o Xacobeo.

Ademais de consolidar Santiago como destino do turismo cultural, e xa pensando no postXacobeo, Compostela Aberta propón iniciativas para promocionar Compostela como destino do turismo familiar e inclusivo e como capital do EcoTurismo, aproveitando o potencial da Compostela Verde recuperada nos últimos anos.

PODES CONSULTAR AQUÍ AS PROPOSTAS DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA MANTER O EMPREGO, AXUDAR ÁS EMPRESAS EN RISCO E  RECUPERAR O SECTOR DO TURISMO DE SANTIAGO FRONTE A CRISE DO CORONAVIRUS

Novas
relacionadas

Yolanda Díaz arroupa a Compostela Aberta no día grande da Ascensión

A vicepresidenta pediu o apoio para María Rozas nas eleccións do próximo día 28 “porque é a mostra dunha maneira de facer política en maiúsculas”

CA creará unha carteira pública de locais comerciais baleiros que serán postos en alugueiro a prezos taxados para comercio de interese municipal

María Rozas e Marta Lois presentaron as propostas de Compostela Aberta en materia de economía, emprego, industria e comercio

María Rozas preséntalle ao Club Financiero de Santiago as propostas de CA en materia de reindustrialización

A candidata de Compostela Aberta á alcaldía comprometeu a creación dunha Oficina de captación e retención de empresas “que facilite a burocracia aos empresarios e emprendedores”

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo