Compostela Aberta insta ao Goberno local e á Xunta a traballar conxuntamente para mellorar o proxecto da senda peonil e ciclista que conectará O Milladoiro con San Caetano, “que semella que vai ser unha oportunidade perdida para facer unha verdadeira aposta pola mobilidade sostible”. O concelleiro Jorge Duarte lamentou que o Goberno autonómico, que executará esta actuación con fondos europeos Next Generation, conciba a senda “máis para fins recreativos que como vía de comunicación, e que o faga ademais sen ter en conta as afeccións nin para os veciños e veciñas que sufrirán expropiacións que se poderían evitar nin para o propio patrimonio natural de Santiago”. Para o edil, “estes defectos empañan unha actuación na que se van investir 12 millóns de euros, que ven sendo longamente demandada e que, se non se muda, convertirá o proxecto nunha dececpión para todas”.
Compostela Aberta levará ao Pleno unha moción na que reclama melloras no proxecto da senda peonil e ciclista, “na liña na que xa se veñen pronunciando diferentes colectivos veciñais, porque entendemos que esta unanimidade de criterios debera facerlle reflexionar á Xunta de Galicia sobre a idoneidade do seu deseño para esta actuación”. Así, o concelleiro de CA Jorge Duarte reclama que o Gobierno local “conciba un trazado para a vía ciclista máis apegado á trama urbana, de maneira que a senda permita unha maior interconexión entre puntos como centros de estudos ou centros universitarios”. Tamén se propón a modificación do trazado no ámbito da avenida de Pontevedra, “de xeito que se reduzan as máis de 500 expropiacións previstas e, ao tempo, se facilite a convivencia cunha calzada de uso mixto para residentes e bicicletas”.
Ademais, Duarte incidiu na necesidade de estudar de novo o trazado “pensando nunha maior protección de espazos de gran valor natural, paisaxístico e cultural”. Nese sentido, Compostela Aberta pide “o redeseño da senda para evitar afeccións no ámbito do Bosque do Banquete de Conxo e nas Brañas de Sar, onde o trazado non só podería alterar o espazo natural senón que mesmo toca no ámbito protexido da Colexiata de Sar”. CA tamén incide na necesidade de que o trazado respecte as áreas afectadas polo réxime de inundacións previstos na cartografía de zonas de risco de inundación do Ministerio para a Transición Ecolóxica, “que non foron tidas en conta no proxecto”.
Jorge Duarte lembrou que “o fomento da mobilidade sostible, no que a mobilidade peonil e ciclista é un eixo fundamental, é un obxectivo de enorme importancia, tal e como se recolle no Pacto Local pola Mobilidade aprobado en 2018, e tal e como recollen as bases para a redacción do novo Plan de Mobilidade Urbana Sostible, que se atopa en licitación”. Por iso, incidiu o concelleiro de Compostela Aberta, “é lamentable que esteamos asistindo á presentación de diferentes proxectos puntuais das distintas administracións, obviando a necesidade de conformar unha rede global que facilite que a bicicleta sexa unha verdadeira alternativa de mobilidade”.
