Compostela Aberta pide que se planifiquen actuacións nos viarios próximos “para garantir a fluidez do tráfico cando empece a funcionar a plataforma e mellorar a seguridade viaria”
Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción na que insta ao Goberno local a planificar a instalación de espazos de ocio e deportivos nos terreos expropiados para a plataforma de mercadorías que non sexan efectivamente utilizados para ese equipamento. A portavoz municipal de CA, María Rozas, explicou que esta posibilidade está contemplada no propio Plan Especial, “e sería unha maneira de compensar á veciñanza da parroquia da Gracia por estas expropiacións”.

María Rozas vén de manter unha reunión coa veciñanza da Gracia, que manifestou a súa vontade de colaboración no procedemento de expropiación para a execución da primeira fase da plataforma loxística, “pero que tamén reclamou certa compensación pola cesión dos seus terreos”. A portavoz municipal de CA lembrou que “o Goberno proxectara inicialmente a plataforma en Meixonfrío, e tivo que mudar a localización por mor dunha oposición veciñal que estaba máis que xustificada, pero precisamente por iso tamén cremos que o Concello está agora na obriga de escoitar aos veciños e veciñas da Gracia que se verán finalmente afectados por esta actuación”. Rozas incidiu en que “a petición da veciñanza nin é custosa nin é complexa, porque tan só reclaman que os terreos que serán expropiados pero que non estarán ocupados pola plataforma sexan destinados a usos sociais comunitarios”. Esta posibilidade, salientou, “está prevista no propio Plan Especial, polo que entendemos que só é preciso un compromiso político para satisfacer a demanda veciñal”.
A primeira fase do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para a creación dunha plataforma loxística de intercambio de mercadorías na parcela SU-3 do PXOM aféctalle finalmente a 14 parcelas, unha vez que a Xunta de Goberno acordou excluir do procedemento uns terreos titularidade de Mercagalicia. Nesta primeira fase son expropiados 39.000 metros cadrados, aos que se sumarán algo máis de 36.000 metros cadrados nunha segunda fase do proxecto. A Plataforma Loxística ocupará o 20 por cento da parcela resultante, e ficarán case 23.000 metros cadrados de espazo libre, e outros 22.000 metros cadrados de terreos en estado natural ou área de amortecemento. O Plan Especial sinala que nesta área de amortecemento “permítense as instalacións deportivas descubertas cunha porcentaxe de ocupación máxima do 25 por cento, e permítense a localización de aparcadoiros para bicicleta así como a execución de redes de servizos”. Tendo en conta iso, Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción na que insta ao Goberno local a utilizar os terreos expropiados á veciñanza para o proxecto da Plataforma de Mercadorías que van quedar libres na parcela, para o acondicionamiento de espazos de ocio e deportivos que sexan acordados coa veciñanza, planificando a súa execución e comprometendo a súa dotación orzamentaria.
Melloras na rede viaria
Ademais, María Rozas instou ao Goberno a planificar unha actuación de mellora no viario que vai desde Mercagalicia por San Silvestre, Bálsoma, As Pereiras e Garabal. Tal e como relata a veciñanza, “esta estrada mantén a mesma anchura desde 1968, cando se fixo a concentración parcelaria, xa se considera escasa na actualidade para o uso dos autobuses urbanos e do transporte escolar, e todo apunta a que a situación empeorará por mor do tráfico derivado da plataforma loxística”. A portavoz de Compostela Aberta sinalou que “é precisa a ampliación da plataforma e a dotación de beirarrúas, para mellorar a fluidez do tráfico e para garantir a seguridade nun viario que é moi utilizado pola veciñanza”.
