• A concelleira María Rozas denuncia que “o decreto asinado polo alcalde 12 horas antes do inicio do curso contradí todas as promesas feitas pola concelleira de Educación e máis polo propio Bugallo”
  • Compostela Aberta quere coñecer que alternativas para a conciliación prevé o Goberno para as familias que finalmente non teñan praza de comedor

Compostela Aberta acusou hoxe ao alcalde de “actuar con nocturnidade e aleivosía, asinando un decreto que deixará a moitas familias sen o servizo de comedor escolar só 12 horas antes do inicio das clases”. Para a concelleira María Rozas, “Bugallo vén de demostrar que non é quen de xestionar a situación excepcional na que nos atopamos, que non lle importan as familias, e que ademais non tén palabra, porque o seu compromiso era o de que houbera praza para todas as solicitudes presentadas”. Por iso, o grupo municipal de CA rexistrou hoxe unha serie de preguntas sobre o servizo de comedores escolares, para que o Goberno do PSOE explique por escrito o acontencido.

Compostela Aberta expresou hoxe o seu rexeitamento ao decreto asinado polo alcalde e publicado pasadas as 21.00 horas do día de onte, no que se sinala que “Tendo en conta o volume de solicitudes recibidas e atendendo ás restricións que se derivan da situación sanitaria, é necesario restrinxir o número de usuarios que poden facer uso do comedor”. María Rozas lembrou que “o servizo de comedor é esencial para a conciliación de moitas familias, que inician agora un novo curso sen saber sequera se teñen a praza garantida, despois de que o propio Bugallo e máis diferentes membros do seu Goberno aseguraran públicamente que todas as solicitudes serían aceptadas”.

Nas preguntas rexistradas hoxe para que o Goberno explique por escrito o acontecido, Compostela Aberta lembra que a que fora concelleira de Educación, Noa Díaz, primeiro, e o voceiro do grupo socialista o pasado 8 de setembro, aseguraron publicamente que se atenderían todas as solicitudes. Ademais, segundo desvelou a Federación de ANPAS de Compostela, o propio alcalde se comprometeu co colectivo a que todas as familias que o solicitaran tiveran unha praza de comedor, só un día antes do decreto que contradí esas promesas.

Falta de previsión e opacidade

Compostela Aberta lembra que o pasado 26 de agosto, a entón concelleira Noa Díaz explicou nunha rolda de prensa que o departamento de Educación estaba estudando varias posibilidades para atender a demanda do comedor escolar, entre elas ampliar espazos ou ampliar quendas. A xa exedila afirmou nesa comparecencia que a empresa que presta o servizo tiña presentado un informe sobre as necesidades de espazos, e o departamento de Educación estaba elaborando outro, en colaboración cos propios centros. O grupo municipal de CA quere coñecer ambos documentos, e pídelle ao Goberno que aclare os motivos polos que finalmente non se ampliaron os espazos para prestar o servizo de comedor, coa conseguinte redución das prazas dispoñibles.

Ademais, o grupo municipal de CA quere saber cantos nenos e nenas quedarán sen praza de comedor, tendo en conta que se rexistraron 1.200 solicitudes e que, segundo os datos que Noa Díaz lle facilitara aos medios de comunicación a finais de agosto, prevíanse entre 800 e 820 comensais diarios. Por último, Compostela Aberta pídelle ao Goberno de Bugallo que explique que alternativas prevé para permitir a conciliación das familias que finalmente non teñan praza de comedor escolar.

PODES CONSULTAR AQUÍ AS PREGUNTAS DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE O SERVIZO DE COMEDORES ESCOLARES

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies