CA pide explicacións pola compra de elementos relacionados coa recollida do lixo “cando está en licitación o contrato que tamén prevé a súa dotación”

Xan Duro lamenta a “improvisación e a xestión chapuceira do Goberno nesta materia” ao licitar puntos limpos, composteiros e colectores “que a nova adxudicataria tamén estará obrigada a subministrar”
  • O concelleiro de Compostela Aberta alerta dos riscos de perder dúas subvencións “porque se tardaron máis de dez meses en licitar os contratos que permiten xustificalas”

Compostela Aberta insta ao Goberno local a explicar os motivos polos que está a licitar diferentes contratos relacionados coa recollida do lixo, como o subministro de puntos limpos móbiles, composteiros individuais ou colectores, cando está en proceso de licitación o contrato do lixo que tamén prevé a dotación deses elementos. O concelleiro Xan Duro lamentou que “unha vez máis o Goberno de Bugallo parece actuar con total improvisación e descontrol, cunha maneira de xestionar chapuceira que se podería mesmo traducir no malgasto de fondos públicos”. Para o concelleiro, “a concelleira Mila Castro xestiona a licitación dos contratos do lixo de tal maneira que parece que a súa man dereita non sabe o que fai a súa man esquerda”.

Xan Duro explicou que o pasado 3 de setembro, o Perfil do Contratante publicou o anuncio para a licitación do subministro de dous puntos limpos móbiles, cun orzamento dalgo máis de 62.000 euros (IVE incluído) e un prazo para a presentación de ofertas que remata o próximo día 20. O concelleiro recordou que se inicia este procedemento cando xa está en licitación o novo contrato do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria, que establece nos pregos que a empresa adxudicataria se encargará da posta en marcha dun único punto móbil. Para o concelleiro de Compostela Aberta, “o Goberno debe explicar como se van xestionar estes dous puntos limpos móbiles, e como se van encaixar co contrato do lixo que só fala dun punto limpo móbil que, ademais, debe ser deseñado pola empresa axudicataria”.

En canto aos composteiros, o Perfil do Contratante publicou o 25 de agosto o anuncio da licitación do subministro de 600 composteiros individuais de exterior, aireadores e termómetros para a compostaxe doméstica, e para o subministro de catro unidades modulares de compostaxe e un módulo de almacenamento para estruturante para a formación dun centro de compostaxe comunitario no Concello de Santiago. O contrato, para o que se podían presentar ofertas ata o 9 de setembro, tén un orzamento de case 42.000 euros, IVE incluído. Tal e como lembrou Xan Duro, o prego do contrato do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria sinala que “os licitadores deberán propor un proxecto para a xestión integral da compostaxe individual nas vivendas unifamiliares, e incluirá un plan de distribución de composteiros cunhas determinadas características”. O documento tamén establece a obriga da nova empresa adxudicataria do servizo de lixo do mantemento das illas de compostaxe comunitario existentes ou das que se poidan poñer en funcionamento. 

Risco de perda de subvención

Xan Duro explicou que os contratos para o subministro dos puntos limpos móbiles e dos 600 composteiros están vinculados a unhas axudas da Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia, con cargo a fondos europeos FEDER, que quedaron resoltas o 12 de novembro de 2020. Polo tanto, “o Goberno sabía destas licitacións antes de iniciar o procedemento de licitación do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria, a finais de abril de 2021, e tardou dez meses en tramitar os contratos para os que recibiu as axudas autonómicas con fondos europeos”. “Agardamos”, engadiu o concelleiro de CA, “que este atraso non poña en risco as subvencións”, posto que na convocatoria sinálase que “a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de novembro de 2021 para os proxectos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2021”.

Compra de colectores

A maiores das licitacións vinculadas ás axudas autonómicas, Xan Duro explicou que o Goberno de Bugallo aprobou o 13 de agosto unha resolución pola que se inicia o expediente de contratación para o subministro de 170 colectores, 70 deles de carga lateral de 2.000 litros e outros 100 de carga traseira de 120 litros para a recollida selectiva de biorresiduos”. Este procedemento súmase ao contrato menor que foi asinado no pasado mes de maio para o subministro de 90 colectores de 800 litros, polos que se pagaron máis de 13.000 euros.

O concelleiro de Compostela Aberta volveu mostrar a súa sorpresa “por estes contratos, que tamén coinciden coa licitación do servizo de recollida do lixo, cuns pregos que sinalan que a adxudicación inclúe a recollida, transporte e xestión dos residuos, pero tamén o subministro, colocación, limpeza e mantemento dos colectores (en superficie e soterrados) e das illas soterradas e dos medios dispostos para o servizo”. No prego tamén se indica que na proposta “incluirase un plan de renovación e substitución do parque de colectores actual, de xeito que se defina a secuencia de retirada e colocación das novas unidades e segundo criterios de racionalidade e evitando as posibles molestias que se puideran derivar á veciñanza”. Ademais, Xan Duro incidiu en que “os pregos do novo servizo do lixo sinala que os colectores de todas as fraccións manterán unha total uniformidade e homoxeneidade estética, de xeito que non se entende a compra de 260 colectores novos a meses da nova adxudicación”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PREGUNTA DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE A DUPLICACIÓN DE INVESTIMENTOS E SERVIZOS RELACIONADOS CO NOVO CONTRATO DE RECOLLIDA E TRATAMENTO DE RESIDUOS SÓLIDOS URBANOS

Novas
relacionadas

“Nos primeiros cen días de Goberno atendimos urxencias como a dos autobuses, recuperamos o diálogo social, e reconducimos o proxecto do Centro de Persoas sen Fogar” 

O Goberno mantivo un encontro cos medios de comunicación para facer balace dos cen primeiros días de mandato

María Rozas: “Asinamos un bo acordo para Santiago, que atende ao que nos pediu a veciñanza: un goberno de esquerdas e plural”

Compostela Aberta e BNG asinaron as bases do acordo de goberno transformador para Santiago durante o mandato 2023-2027

María Rozas asina o acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas municipais para atender os retos de Santiago  

A candidata de Compostela Aberta cualifica de “moi positivo que se poña o foco sobre cuestións que van alén das grandes infraestruturas, e das que CA leva falando xa moitos anos como a gobernanza o turismo”

Compostela Aberta é a única formación que tén publicado e accesible o seu programa electoral

María Rozas aféalle a PSOE, PP e BNG que leven días “falando de propostas duns programas que non se sabe onde están nin que compromisos firmes incorporan”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo