CA pide explicacións pola contratación dun estudo sobre mobilidade ciclista, cando xa está en licitación o Plan de Mobilidade

O concelleiro Xan Duro lembra que a adxudicataria do PMUS tén a obriga de presentar un Plan Director de Mobilidade Ciclista
  • A concellería de Mobilidade destina 200.000 euros de fondos europeos á redacción do PMUS, e a concellería de Centros Socioculturais e Obras gasta case 18.000 euros no seu estudo sobre mobilidade ciclista

Compostela Aberta vén de rexistrar unha pregunta para que o Goberno local explique os motivos da contratación dun estudo sobre a mobilidade ciclista en Santiago, cando xa se atopa en licitación a redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible que, nun dos seus apartados, debe avaliar o sistema de mobilidade en bicicleta na cidade. Para o concelleiro Xan Duro, “resulta chamativo que a concellería de Centros Socioculturais e Obras pague agora case 18.000 euros por un informe, mentres a concellería de Mobilidade está en pleno proceso de adxudicación do PMUS cun orzamento de 200.000 euros”. O edil pídelle ao Goberno que explique “que información adicional se pretende que achegue este estudo, e cales foron os informes técnicos que aconsellaron a súa contratación”

Na pregunta rexistrada hoxe, o grupo municipal de CA lembra que no pasado mes de maio a Xunta de Goberno aprobou a apertura do procedemento de adxudicación do proxecto de revisión do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, a proposta da concellería de Mobilidade e Seguridade Cidadá. Estes traballos están cofinanciados con fondos europeos do programa EDUSI, e contan cun orzamento total de 200.000 euros. Tal e como se sinala nos pregos para a licitación, que foron publicados na Plataforma de Contratación do Sector Público o 8 de xuño, un dos apartados a avaliar dentro do PMUS é o Sistema de mobilidade de bicicleta. En concreto, os pregos sinalan que no proceso de revisión do Plan de Mobilidade Urbana Sostible realizarase o inventario da rede ciclista do municipio; definirase un sistema para a implantación xeralizada da bicicleta como modo de transporte co obxectivo de comunicar calquera punto da cidade entre sí dentro dos parámetros axeitados de seguridade e comodidade ciclista; e avaliarase o espazo viario, urbano e territorial e conceptuaráse xerarquicamente en función do nivel de compatibilidade ou coexistencia dos espazos destinados á bicicleta; entre outras cuestións. Nos pregos para a redacción do PMUS sinálase que “Todos os datos, as análises e as diagnoses, a planificación estratéxica, as propostas e os programas de medidas medidas relativas ao sistema de mobilidade ciclista se integrarán nun documento específico denominado Plan Director de Mobilidade Ciclista e todo tipo de VMP, que se entregará como subproduto da asistencia técnica”.

Co proceso de licitación do PMUS en marcha, o pasado 28 de setembro a concellería delegada de Centros Socioculturais, Barrios e Obras aprobou un decreto “para a contratación da redacción dun estudo base para a definición do estado actual do uso da bicicleta en Santiago de Compostela e da capacidade de acollida de desprazamentos ciclistas da rede viaria existente”. O contrato menor foi adxudicado por un importe de 17.545 euros. A maiores, o pasado 26 de outubro, a páxina web do periódico El Correo Gallego publicou un formulario sobre mobilidade, vinculándoo a que “a concellería de Centros Socioculturais, Barrios, Obras e Relacións Veciñais vén de encargar a unha empresa especializada un estudo para incorporar mobilidades brandas, criterios de sostibilidade e redución da pegada de carbono en todas as súas actuacións futuras na cidade”.

Para o concelleiro Xan Duro, o Goberno debe explicar “con que obxectivos concretos a concellería de Centros Socioculturais e Obras contrata este estudo e seguindo que informes técnicos, tendo en conta que a concellería de Mobilidade está a licitar o PMUS; e tén que aclarar que orzamento exacto se está a destinar a este informe”.

Duplicidade de informes

Non é a primeira vez que o grupo municipal de Compostela Aberta advirte que o Goberno local encarga varios informes sobre a mesma temática, tirando de contratos menores. Así, no primeiro trimestre do ano, o Goberno de Bugallo destinou 90.000 euros á contratación de cinco estudos relacionados co sector turístico, aínda cando o Concello tén aprobado un Plan Estratéxico do Turismo de Santiago para o periodo 2017-2022 ao que Incolsa destinou algo máis de 30.000 euros. A esa lista vén de engadirse, no pasado mes de agosto, outro informe que custou máis de 17.000 euros, baixo o nome de “Estudo de mercado sobre o posicionamento de Santiago de Compostela nos mercados turísticos obxectivo tras a crise da Covid-19”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PREGUNTA DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE OS ESTUDOS SOBRE A MOBILIDADE CICLISTA EN COMPOSTELA

Novas
relacionadas

“Nos primeiros cen días de Goberno atendimos urxencias como a dos autobuses, recuperamos o diálogo social, e reconducimos o proxecto do Centro de Persoas sen Fogar” 

O Goberno mantivo un encontro cos medios de comunicación para facer balace dos cen primeiros días de mandato

María Rozas: “Asinamos un bo acordo para Santiago, que atende ao que nos pediu a veciñanza: un goberno de esquerdas e plural”

Compostela Aberta e BNG asinaron as bases do acordo de goberno transformador para Santiago durante o mandato 2023-2027

Compostela Aberta creará unha rede pública de bicicletas eléctricas

Xan Duro e Miguel Penas presentaron as propostas de CA en materia de mobilidade “un dos principais retos de futuro de Santiago xunto coa vivenda”

Compostela Aberta pídelle ao Goberno que medie no conflito do lixo

María Rozas e Xan Duro reuníronse esta tarde co Comité de empresa de Urbaser “que leva meses advertido do incumprimento dos seus dereitos, ante a inacción de Bugallo”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo