- Segundo a relación de contratos menores, o Concello contratou a unha sociedade de taxación que mantén importantes vínculos coa SAREB, propietaria do edificio
Compostela Aberta vén de rexistrar unha pregunta para que o Goberno informe por escrito sobre a contratación dunha sociedade de taxación para a elaboración do informe de usos do antigo colexio Peleteiro. O grupo municipal quere que o Executivo de Bugallo aclare cales foron as razóns de contratar a Gesvalt, unha empresa que mantén diversos vínculos coa SAREB, propietaria dos terreos de Peleteiro.
Segundo consta na relación de contratos menores do terceiro trimestre de 2019, o Goberno municipal tenlle encargado a Gesvalt Sociedad de Tasación S.A. unha consultoría sobre “posibles usos urbanos do antigo colexio Peleteiro para rendabilidade e dinamización comercial do Ensanche”, un servizo polo que a empresa percibirá 14.520 euros. Compostela Aberta chama a atención sobre o feito de que na páxina web desta empresa aparezan varias informacións que a vinculan coa SAREB, como ter participado no proxecto de Due Diligence sobre os activos da “Sociedad de Gestión de Activos procedentes de la Restructuración Bancaria”. Ademais, o director corporativo de desenvolvemento de negocio de Gesvalt, Luis Martín Guirado, desempeñou o posto de director de transaccións e intelixencia de mercado na SAREB entre os anos 2014 e 2015.
Comisión de seguimento
O grupo municipal de CA pide que o Goberno explique se era consciente desta relación entre a consultora contratada para definir os usos de Peleteiro e a propiedade da finca, e que aclare se solicitou outros orzamentos e cales foron os motivos para elixir a Gesvalt para a realización do informe. Ademais, Compostela Aberta quere saber se o alcalde ten informado da contratación da consultora á comisión que, segundo anunciou nos medios de comunicación, xa está formalmente constituída para avaliar o futuro de Peleteiro coa veciñanza e co tecido asociativo e comercial do Ensanche. Ao respecto desta comisión, CA lamenta que o Goberno non teña informado sobre a súa creación aos grupos da oposición nin os teña convidado a participar nela, tendo en conta que a modificación de usos da parcela é unha competencia do Pleno, no que o PSOE non conta con maioría suficiente. Nesa liña, Compostela Aberta lembra que o compromiso adquirido por Bugallo na campaña foi o de “ter unha solución de consenso para Peleteiro en tres meses”, un prazo que xa tén rematado e que, ademais, se vai sobrepasar amplamente tendo en conta que o contrato con Gesvalt foi formalizado o pasado 2 de agosto e, segundo consta na relación de contratos menores, a sociedade de taxación tén un prazo de catro meses para elaborar o seu informe.
Por último, Compostela Aberta expresa as súas dúbidas sobre a conveniencia de elixir para informar sobre os posibles usos de Peleteiro á mesma empresa que, segundo tén informado a súa directora xeral, foi a encargada do asesoramento para a compra de Povisa por parte dunha corporación norteamericana.
PODES CONSULTAR AQUÍ A PREGUNTA FORMULADA POR CA SOBRE O CONTRATO DE CONSULTORÍA PARA O VELLO PELETEIRO