- Compostela Aberta volve reclamarlle á Xunta e ao Goberno do Estado máis recursos económicos para a mellora da accesibilidade e da eficiencia enerxética
Compostela Aberta pídelle ao Goberno que a Oficina de Rehabilitación e Vivenda ofreza información e asesoramento aos veciños e veciñas que queren instalar ascensores nos seus edificios, máis alá dos ámbitos das Áreas de Rehabilitación Integral. Así se recolle nunha proposición que Jorge Duarte defenderá no Pleno da próxima semana, coa que tamén quere que o Concello inste á Xunta e ao Goberno do Estado a habilitar máis recursos para a mellora da accesibilidade e da eficiencia enerxética.
Jorge Duarte explicou que en Santiago son moitas as zonas nas que existen problemas de accesibilidade nas vivendas, ainda sen estar incluídas nas Áreas de Rehabilitación Integral. Para o concelleiro, “é preciso buscar solucións para estes veciños e veciñas de ámbitos como a Almáciga o Quiroga Palacios que se enfrontan a maiores complicacións para a instalación de ascensores, porque nin se podería ocupar espazo público nin teñen opcións no interior dos propios edificios”. O edil de Compostela Aberta apostou por “buscar solucións nos patios de mazá ou propostas colaborativas entre varias comunidades, solucións nas que a Oficina municipal de Vivenda podería ter un papel fundamental para viabilizar as operacións”.
O concelleiro de Compostela Aberta lembrou que “durante o pasado mandato impulsamos os Estudos de Detalle que posibilitan ocupacións do espazo público para a instalación de ascensores en áreas da cidade que xa tiñan a declaración e ARI, como Vite ou Pontepedriña, pero tamén noutras que non contan con esa consideración, como San Ignacio de Loyola ou o grupo de vivendas Ultreia”. Para viabilizar estas operacións, tamén se conseguiron fondos europeos a través da estratexia EDUSI, “que o actual Goberno acaba de empezar a tramitar, e que seguen sendo insuficientes, e por iso seguimos reclamando un maior compromiso orzamentario tanto da Xunta de Galicia como do Goberno do Estado”. Para Duarte, “toca ir un paso máis alá e atender tamén a outras zonas da cidade nas que existe ese problema de accesibilidade, nas que hai moitos veciños e veciñas que reclaman solucións das administracións, e que non poden quedar esquecidas por non facer parte das ARIs”.