- O grupo municipal de CA preguntará polos plans do Goberno para o traslado do mercadillo de Salgueiriños ás Fontiñas
Compostela Aberta defende que a colaboración do Concello con Área Central se canalice a través dun convenio cunha dotación económica que estea incorporada aos orzamentos municipais. Trátase, explicou a concelleira Marta Lois, de aplicar ao centro das Fontiñas “unha fórmula similar á que se vén mantendo con outras entidades comerciais de Compostela, tendo en conta a importancia que esta superficie tén para a vida do barrio”.
Compostela Aberta vén de rexistrar unha emenda de substitución á proposición presentada polo PP para istar ao Goberno a poñer en marcha unha fórmula de colaboración con Área Central para contribuír ao mantemento dos servizos básicos de limpeza e seguridade das instalacións. O grupo municipal de CA propón que a colaboración entre o Concello e Área Central se concrete nun convenio para o desenvolvemento dun proxecto de promoción do comercio de proximidade e dinamización social, económica, comercial e cultural do barrio de Fontiñas. Ese convenio, que debe permitir manter os empregos actuais do centro comercial, debería contar coa correspondente dotación económica incorporada aos orzamentos municipais.
Posible traslado do mercadillo ás Fontiñas
Compostela Aberta tamén levará ao Pleno de mañá unha pregunta para que o Goberno explique os seus plans con respecto ao mercadillo de Salgueiriños. Colectivos de comerciantes das Fontiñas informaron ao grupo municipal de CA da vontade do Goberno de trasladar o mercado dos xoves ao barrio, máis en concreto á rúa de Roma.
Compostela Aberta quere coñecer os plans do Goberno con respecto ao mercadillo, tendo en conta que na rúa de Roma se localizan tres centros educativos (CEIP das Fontiñas, IES das Fontiñas e IES Antón Fraguas), e tamén que este viario é utilizado habitualmente como conexión entre o barrio de San Lázaro e o resto da cidade a través do periférico. A concelleira Marta Lois preguntará no Pleno se o Goberno local tén xa decidido o traslado do mercadillo ás Fontiñas e a data na que se faría efectivo, e se se realizou algún estudo de tráfico da zona que avanle o cambio. Tamén demandará información sobre a repercusión desa nova localización nas tarifas dos postos.
PODES CONSULTAR AQUÍ A PREGUNTA ORAL SOBRE O POSIBLE TRASLADO DO MERCADILLO DE SALGUEIRIÑOS AO BARRIO DAS FONTIÑAS
PODES CONSULTAR AQUÍ A EMENDA DE CA Á PROPOSICIÓN DO PP SOBRE ÁREA CENTRAL