CA pide que o orzamento das festas da Ascensión se destine a medidas urxentes para o rescate do sector cultural

CA estima que os 250.000 euros que quedarán sen gastar pola anulación dos festexos poden destinarse a axudas ao sector da cultura e ao financiamento de conveniosque establezan sinerxias cos sectores hostaleiro e comercial

Compostela Aberta pídelle ao Goberno local que destine o orzamento previsto para as festas da Ascensión a financiar medidas de rescate urxente para o sector cultural, un dos máis afectados pola crise da Covid-19. Tal e como tén recoñecido o alcalde, os festexos non se poderán celebrar, e por iso o grupo municipal de CA reclama que os aproximadamente 250.000 euros que se destinan á programación sexan para sufragar parte das propostas que lle foron achegadas no seu día ao Goberno para garantir o emprego e a actividade das máis de 400 empresas da Cultura radicadas en Santiago

A concelleira Branca Novoneyra lembrou que unha das propostas urxentes formuladas por Compostela Aberta para o rescate do sector cultural era a convocatoria de axudas extraordinarias para o tecido profesional e asociativo, dotada con 100.000 euros para o semestre deste ano. Esa convocatoria, explicou, “podería asentarse en parte dese orzamento que quedará sen gastar por mor da cancelación das festas da Ascensión”. Do mesmo xeito, pediu Novoneyra, “o Concello debe destinar partidas dos festexos ao financiamento de convenios que permitan establecer sinerxias entre o cultural e outros sectores damnificados pola crise do coronavirus, como a hostalería e o comercio”. Ao respecto, indicou que no documento de propostas que se lle achegou ao Goberno estimábase en 150.000 euros o orzamento para eses acordos, que seguirían o modelo dos asinados no pasado mandato coas asociacións Cidade Vella e Tempo con Xeito para a celebración de actuacións de música ao vivo e que “permitirían desenvolver pequenos eventos que favoreceran o rexurdir do sector cultural ao tempo que axudarían a promocionar os sectores da hostalería e do comercio”

Garantir o emprego na Cultura

No documento de propostas que lle foi remitido ao Goberno o pasado 31 de marzo, Compostela Aberta tamén reclamaba que o Concello desenvolva unha programación cultural extraordinaria unha vez rematada a situación de emerxencia sanitaria “que permita reprogramar antes do último cuadrimestre do ano as actividades que quedaron suspensas durante o estado de alarma e, de non ser posible nese prazo, realizar novas contratacións para a próxima temporada”. No marco desa programación extraordinaria, o grupo municipal de CA propón incrementar o orzamento das festas do verán e, se a emerxencia sanitaria o permite, a prolongalas durante os meses de xullo e agosto e levar as actividades ao rural e os barrios. A maiores, explicou Branca Novoneyra, “pedímoslle ao Goberno que intente aminorar os problemas de liquidez das empresas culturais, retribuíndolle de maneira anticipada unha parte dos cachés das producións que tiveron que ser suspendidas por mor da pandemia”.

Nas propostas de Compostela Aberta tamén se fai referencia a medidas a máis longo prazo, como a convocatoria de axudas para o sector para o ano 2021, cun orzamento de 200.000 euros, a duplicación do orzamento dedicado a acción cultural para o ano que vén, ou o redeseño da programación cultural do Xacobeo, para darlle difusión, promocionar e fortalecer a produción cultural galega profesional.

O obxectivo das medidas solicitadas por CA é garantir o emprego e a actividade no sector da Cultura, que segundo o Informe anual da Cultura en Santiago 2018, representa máis do 5 por cento do PIB da comarca de Santiago. En xuño de 2018, en Compostela había 422 empresas culturais e máis de 1.200 persoas afiliadas á Seguridade Social no sector cultural.

PODES LEMBRAR AQUÍ AS PROPOSTAS DE CA PARA O RESCATE DO SECTOR DA CULTURA TRAS A CRISE DO CORONAVIRUS

Novas
relacionadas

María Rozas comprométese a recuperar o pulo cultural de Santiago “despois de catro anos de desgana do Goberno de Bugallo”

A candidata de Compostela Aberta presentou o programa en materia de cultura, acompañada por Comba Campoi e Javier García

Branca Novoneyra: “O Goberno de Bugallo ten unha última oportunidade para autocorrixirse e apostar polos artistas locais na programación das festas”

Compostela Aberta leva ao Pleno unha moción para esixir un plan de contratación de artistas e empresas culturais locais para a Ascensión e o Apóstolo, cunha dotación mínima de 250.000 euros

CA reitera o seu apoio á creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago

María Rozas e Branca Novoneyra reuníronse coas representantes da Plataforma que leva anos reclamando este centro “para o que existe unha enorme demanda en Compostela”

CA reclama a redacción do I Plan Estratéxico da Cultura

Branca Novoneyra denuncia que Santiago caeu ao posto 15 no informe “Lo mejor de la Cultura 2022”, no que ocupaba o posto 10 en 2016

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo