- Compostela Aberta propón utilizar a rede para recuperar e divulgar a memoria oral dos barrios e parroquias
Compostela Aberta levará ao Pleno deste mes unha moción na que insta tanto á Xunta como ao Concello a adoptar medidas para reactivar a rede de bibliotecas, e máis en concreto a rede municipal José Saramago, vinculada aos Centros Cívicos. A concelleira Branca Novoneyra presentou a proposta, que apela “á necesidade de incrementar a operatividade dos centros de Vite, Fontiñas, Conxo e Santa Marta, procurando novos usos máis alá do préstamo de libros, e participando dun xeito máis activo na vida dos barrios”.
Activar a memoria da xente
A moción presentada por Compostela Aberta insta ao Concello a elaborar un informe “que posibilite a planificación estratéxica da Rede Municipal de Bibliotecas José Saramago”. Ao respecto, Branca Novoneyra apuntou que “é preciso mellorar a operatividade destes centros, facendo que teñan unha participación máis activa na vida dos barrios, e converténdose nalgo máis que puntos de préstamo”. Por iso, na propia moción reclámase que a planificación da rede inclúa un apartado específico para que as bibliotecas de Vite, Fontiñas, Conxo e Santa Marta impulsen “un proxecto de recuperación, recollida, dixitalización e arquivo da memoria oral das parroquias e barrios de Compostela”.
A concelleira de CA apuntou que este tipo de iniciativas “contribúen a crear comunidade ao redor das bibliotecas municipais, que deben recuperar a centralidade na vida cultural dos municipios e contribuír á democratización fonda da cultura tanto desde o punto de vista do acceso como do da participación”.
Papel da Xunta
Na moción que se debaterá no Pleno da próxima semana, Compostela Aberta tamén pide que a corporación inste á Xunta a “desenvolver unha liña de atención urxente ás bibliotecas municipais que posibilite a recuperación, permanencia e reactivación dos espazos municipais dedicados ao fomento do libro e a lectura”. Branca Novoneyra lembrou que, segundo os datos do INE, “Galicia foi a comunidade autónoma na que máis bibliotecas pecharon durante a última década, 74 bibliotecas e 76 puntos de servizo, e as que seguen abertas diminuiron as súas horas de apertura, o seu persoal e os seus fondos para adquisición de volumes”. Malia a iso, apuntou a concelleira, “as persoas inscritas e o número de préstamos víronse incrementados nestes anos”.
No caso concreto de Santiago, Branca Novoneyra explicou que “o investimento na rede de bibliotecas públicas de Compostela está por debaixo doutras cidades como A Coruña ou Ferrol, probablemente pola presenza da Universidade de Santiago, tal e como se recolle no Informe Anual da Cultura en Santiago”. Nese informe tamén se fai unha comparativa en canto ao número de persoas usuarias e préstamos a domicilio entre a rede de bibliotecas públicas de Compostela e das outras dúas cidades da provincia. Así, en 2016, en Santiago habí 9.666 usuarios inscritos e 13.916 préstamos a domicilio, fronte aos máis de 100.000 usuarios e 400.000 préstamos da Coruña, e os máis de 30.000 usuarios e 75.000 préstamos de Ferrol.
PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DE CA PARA A PLANIFICACIÓN ESTRATÉXICA DA REDE DE BIBLIOTECAS JOSÉ SARAMAGO