- Martiño Noriega valorou a proposta do Goberno para diversas actuacións na cidade histórica, que considera “un bo documento para o Xacobeo de 2027”
Compostela Aberta quere que se cree unha comisión bilateral entre o Concello e a Universidade de Santiago na que se procure “un acordo de cidade sobre os asuntos que lle son comúns ás dúas institucións e que se consideran estratéxicos, como a humanización do Campus Sur, a creación do Xardín Botánico ou a partilla de equipamentos”. Esa mesa estaría presidida polo alcalde e o reitor, e dela formarían parte representantes de todos os grupos da Corporación municipal, “co obxectivo de sacar do debate político cuestións que son estratéxicas para a cidade”
O portavoz de Compostela Aberta presentou hoxe a proposición que será debatida no Pleno do mes de xaneiro, para instar ao Goberno a impulsar unha comisión de colaboración e seguimento entre o Concello e a Universidade de Santiago. Martiño Noriega incidiu en que o obxectivo “é aproveitar ao máximo as sinerxias entre as dúas institucións, fundamentais para o desenvolvemento de Compostela como capital do país e cidade referencial no ámbito académico e cultural”. O concelleiro mostrouse convencido de que “é preciso un acordo de cidade, que trascenda cores políticos, para abordar co necesario consenso cuestións trascendentes para o conxunto da veciñanza nas que teñen poder de decisión o Concello e a USC”.
Humanización do Campus
Martiño Noriega abogou porque sexa no marco desa comisión bilateral, na que estarían representados todos os grupos municipais, onde se aborde a humanización do Campus Vida “un dos principais retos da cidade, porque o Concello e a Universidade teñen que resolver a integración urbana da zona universitaria, pero tamén todas as cuestións relacionadas co seu mantemento”. O portavoz de CA lembrou que “hai un convenio entre Concello e Universidade para a mellora do Campus Sur, que está caducado e que no pasado non foi respectado polo Goberno local no que tiña que ver coas súas obrigas, co conseguinte estado de abandono desta zona”. Tamén explicou que “no pasado mandato conseguíronse 200.000 euros para a mellora do Campus, ao abeiro da estratexia Edusi, pero é probable que esta cantidade teña que ser complementada con fondos propios do Concello para garantir unha actuación integral”.
Outros proxectos pendentes
Compostela Aberta quere que a comisión bilateral sexa o órgano no que se avalíen outros proxectos comúns entre o Concello e a Universidade, como o do Xardín Botánico, “polo seu interese en termos de educación e investigación ambiental e polo seu atractivo turístico”. Ademais, a mesa sería o espazo no que “darlle continuidade ao traballo feito nos últimos anos para compartir o uso de equipamentos entre o Concello e a Universidade, como aconteceu cos campos de fútbol e rugby da USC, e como se deixou perfilado para a Casa de Elisa e Jimena Fernández de la Vega”. Nesa liña, Martiño Noriega apuntou “a necesaria colaboración sobre todo no relativo a infraestruturas deportivas, como as pistas de atletismo ou a piscina universitaria”.
Por último, a proposición de CA reclama que a comisión de colaboración e seguimento favoreza a colaboración dos diferentes departamentos da Universidade na resolución técnica de problemas aos que se enfronta o Concello, como se fixo nos últimos anos na abordaxe de cuestións como a memoria histórica, as músicas ao vivo ou o proxecto da futura EDAR. O portavoz de CA sinalou “as áreas da biotecnoloxía e a madeira, que queremos fomentar en Santiago, como un dos ámbitos nos que esta colaboración entre a administración local e a institución académica debera ser máis estreita”. Nesa liña, Martiño Noriega tamén apostou por “potenciar o labor desenvolvido por Uninova, para conserguirmos unha Compostela que sexa capital das empresas innovadoras”.
Proposta de actuacións para a zona histórica polo Xacobeo
Na rolda de prensa, Martiño Noriega tamén foi preguntado polo documento sobre actuacións urxentes na cidade histórica para o Xacobeo, que o alcalde lle presentou onte aos grupos municipais e despois fixo público para os medios de comunicación. O portavoz sinalou que “a proposta é boa, pero pensando máis no Xacobeo de 2027 que no de 2021”.
Martiño Noriega explicou que “nos orzamentos que aínda se están a negociar para 2020 só hai partidas para a redacción de proxectos, que deste xeito só poderían ser licitados, no mellor dos casos, a partir do mes de abril cando entren en vigor as contas”. Para o concelleiro, “non é viable abordar este plan nos meses que quedarán de ano, cando menos en boa parte das medidas incluídas no documento, e máis cando nin sequera hai unha cuantificación económica nin fondos consignados nos orzamentos”. A maiores, o portavoz de CA apuntou que “este tipo de actuacións non lle competen única e exclusivamente ao Concello, porque as actuacións que se veñen facendo pensando nos Xacobeos sempre contaron co impulso ou co apoio económico doutras institucións como o Consorcio ou o Goberno Central”.
Con respecto ao traslado dos Fogos do Apóstolo, Martiño Noriega sinalou que “entendo as razóns desta decisión, que compartimos e apoiamos, pero non deixo de preguntarme que tería pasado se esta medida partira do Goberno de Compostela Aberta”.
PODES CONSULTAR AQUÍ A PROPOSICIÓN DE CA PARA IMPULSAR UN ACORDO DE CIDADE QUE CONSENSÚE UNHA COLABORACIÓN ESTABLE ENTRE CONCELLO E USC