Compostela Aberta cualificou hoxe de “inadmisible” que a Universidade de Santiago non conte con mulleres para participar no ciclo de conversas sobre a Covid-19 que vén de poñer en marcha onte mesmo. CA pídelle á USC que rectifique, porque a configuración deste ciclo de ponencias atenta contra os propios estatutos da institución académica.
Para Compostela Aberta é inaceptable que a Universidade de Santiago presente un ciclo de diálogos para analizar as consecuencias da pandemia do coronavirus no que hai dez participantes, entre ponentes e moderadores, e nin unha soa muller no cartel. CA entende que, deste xeito, a USC está incumprindo os seus propios estatutos, que no parágrafo primeiro do artigo 2º sinala que “a Universidade de Santiago levará a cabo unha decidida defensa da igualdade entre mulleres e homes coa promoción da súa participación igualitaria na toma de decisións e asumirá os principios de liberdade, igualdade, xustiza, pluralismo, sostenibilidade e compromiso ético como inspiradores da vida universitaria”. Para facer efectivo ese compromiso coa igualdade, a institución académica creou unha Oficina da Igualdade de Xénero que, ao entender de Compostela Aberta, está a facer deixadez de funcións ao non esixir unha rectificación do cartel deste ciclo de diálogos. Ademais, CA denuncia que é especialmente grave que a Universidade de Santiago esqueza ás mulleres no ano no que se conmemora o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal, unha efeméride que a propia USC liderou e quixo conmemorar ao longo de todo o ano, mesmo convidando ás súas alumnas a acudiren ás aulas vestidas de home.
Ao mesmo tempo, Compostela Aberta lamenta que a Universidade de Santiago esqueza tamén o uso do galego no material difundido para promocionar o ciclo de diálogo sobre a Covid-19. Ao respecto, CA lembra tamén que os estatutos da USC sinalan, no seu artigo 3, que “o galego é a lingua propia da Universidade de Santiago. A Universidade de Santiago potenciará e garantirá, no marco das súas competencias, o uso pleno da lingua galega en todos os ámbitos”.
Só dende as boas prácticas universitarias é posible garantir a coherencia entre as normas e os feitos. Para que a Universidade de Santiago continúe sendo un referente de coñecemento e de talento debe erradicar as prácticas machistas e discriminatorias co xénero e tamén coa lingua galega.