CA pídelle ao Goberno que explique como vai evitar a circulación de camións de gran tonelaxe polos accesos ao vertedoiro de Miramontes

O TSXG vén de confirmar que a resolución asinada polo Goberno de Compostela Aberta para impedir o paso dos vehículos era axustada a dereito

Compostela Aberta levará ao Pleno da próxima semana unha pregunta para coñecer as medidas que vai adoptar o Goberno para impedir a circulación de camións de máis de 5,5 toneladas polo acceso ao vertedoiro de Miramontes, en cumprimento da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que vén de amparar as decisións tomadas polo Goberno de CA ao respecto durante o pasado mandato. O concelleiro Xan Duro lamentou que “malia o pronunciamento do TSXG, parece non haber obstáculos para que no mal chamado complexo ambiental continúe a actividade e, polo tanto, para que continúen tamén as molestias orixinadas para a veciñanza da Grixoa e os danos causados ao medio ambiente”.

Xan Duro lembrou que en abril de 2018, sendo concelleiro de Medio Ambiente, asinou unha resolución na que se requería a regularización da situación xurídica das empresas que accedían ao vertedoiro de Miramontes e solicitando a autorización de paso de camións de gran tonelaxe por un viario rural, nos que non está permitida a circulación de vehículos cun peso máximo autorizado superior ás 5,5 toneladas. As empresas afectadas, a UTE Eyrega e Tecnosolos Galaicos, presentaron un recurso de reposición, ao entender que tiñan permitido o paso en virtude da autorización concedida no ano 1991 á entidade Áridos CNC, que despositara tamén unha fianza de 18.000 euros para responder dos posibles danos na pista. O conflito chegou finalmente á vía xudicial, e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de pronunciarse, declarando que a excepción de tránsito para os camións de gran tonelaxe outorgada a Áridos CNC en 1991 non ampara o paso dos vehículos das empresas que actualmente utilizan o viario para acceder ao vertedoiro.

Así as cousas, Xan Duro pedirá no Pleno que o Goberno explique que pasos vai dar despois da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para impedir que os camións de gran tonelaxe sigan circulando polo viario da Grixoa. O concelleiro de Compostela Aberta incidiu en que “esta é unha medida urxente, e máis cando no vertedoiro de Miramontes continúa a actividade malia as múltiples irregularidades que se foron detectando nos últimos anos, que requiren dun maior compromiso das autoridades medioambientais para garantir o cumprimento de todas as normativas vixentes”. O edil lembrou, ademais, que “seguen sen aclararse as circunstancias polas que se veñen producindo diferentes incendios na antiga canteira, tres en menos dun ano”.

PODES LER AQUÍ A PREGUNTA DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE A CIRCULACIÓN DE CAMIÓNS DE GRAN TONELAXE POLO VIARIO DE ACCESO AO VERTEDOIRO DE MIRAMONTES

Novas
relacionadas

“Nos primeiros cen días de Goberno atendimos urxencias como a dos autobuses, recuperamos o diálogo social, e reconducimos o proxecto do Centro de Persoas sen Fogar” 

O Goberno mantivo un encontro cos medios de comunicación para facer balace dos cen primeiros días de mandato

María Rozas: “Asinamos un bo acordo para Santiago, que atende ao que nos pediu a veciñanza: un goberno de esquerdas e plural”

Compostela Aberta e BNG asinaron as bases do acordo de goberno transformador para Santiago durante o mandato 2023-2027

Compostela Aberta pídelle ao Goberno que medie no conflito do lixo

María Rozas e Xan Duro reuníronse esta tarde co Comité de empresa de Urbaser “que leva meses advertido do incumprimento dos seus dereitos, ante a inacción de Bugallo”

María Rozas: “No próximo mandato hai que tomar decisións sobre a auga, e CA non renuncia á xestión directa nin permitirá que gobernen as concesionarias”

A candidata de CA á alcaldía e o número 2, Xan Duro, insisten en que “hai que continuar o camiño iniciado no pasado mandato, porque hai datos que avalan que a xestión directa é o mellor modelo para os intereses da veciñanza”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo