CA pídelle ao Goberno que explique “que pasos tén dado no último ano para garantir a música ao vivo nos locais de Santiago”

O Pleno acordou en decembro de 2020 instar á Xunta e ao Parlamento a recoñecer a singularidade musical e cultural de Compostela “e non nos consta que o Concello fixera ningún trámite ao respecto”
  • Marta Lois lamenta que “na situación de regreso á normalidade tras a pandemia non se teñan procurado vías para asegurar o regreso das actuacións aos locais”

Compostela Aberta vén de pedirlle ao Goberno local que explique que trámites tén realizado para garantir que os locais hostaleiros poidan acoller novamente actuacións de música ao vivo, e para que se recoñeza a singularidade de Santiago neste eido. A portavoz municipal de CA salientou que “en pleno proceso de regreso á normalidade tras as restricións da pandemia, é fundamental que se recupere tamén esta actividade, que forma parte da riqueza cultural da nosa cidade”.

Compostela Aberta vén de rexistrar unha pregunta por escrito para que o Goberno local dea conta dos pasos que deu desde que o Pleno da Corporación aprobara, en decembro de 2020, unha moción na que se instaba á Xunta e ao Parlamento a recoñecer que a música ao vivo nos locais forma parte da riqueza e da singularidade cultural de Santiago. A moción, que contou cos votos a favor do PSOE, tiña a súa orixe no recurso que a Xunta presentara diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra a modificación da Ordenanza Municipal reguladora da emisión e recepción de ruídos, vibracións e condicións dos locais, aprobada no pasado mandato. Finalmente, o TSXG declarou a nulidade do artigo 44.6 e da disposición transitoria 3ª desa ordenanza municipal, dificultando seriamente as actuacións de música ao vivo, “e ao noso grupo municipal non lle consta que o Concello teña recurrido esa decisión nin teña procurado ningunha alternativa a través das normativas municipais”.

Marta Lois instou ao Goberno “a aclarar que trámites levou a cabo nos últimos dez meses para que a Xunta e o Parlamento recoñezan a singularidade cultural de Santiago, e a explicar se lle consta que algúns deses organismos teñan realizado as modificacións normativas precisas con ese obxectivo”. A portavoz municipal de CA tamén quere saber “se o Goberno de Bugallo mantivo algunha comunicación coa Xunta relativa á aprobación do novo catálogo de espectáculos da Xunta, á que no seu momento o Concello presentara alegacións, que descoñecemos se tiveron algunha resposta por parte da administración galega”. Por último, a concelleira de Compostela Aberta pídelle ao Goberno que aclare “se ten recoñecido ou facilitado o recoñecemento de actividades puntuais ou de carácter excepcional celebradas dentro do termo municipal, e se tén constancia de que a situación teña provocado algún prexuízo ou perda de oportunidade para os locais de Santiago”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PREGUNTA DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE OS TRÁMITES OU TRABALLOS REALIZADOS POLO GOBERNO MUNICIPAL PARA A CORRECTA REGULACIÓN DA MÚSICA AO VIVO NOS LOCAIS DE SANTIAGO

Novas
relacionadas

María Rozas comprométese a recuperar o pulo cultural de Santiago “despois de catro anos de desgana do Goberno de Bugallo”

A candidata de Compostela Aberta presentou o programa en materia de cultura, acompañada por Comba Campoi e Javier García

Yolanda Díaz arroupa a Compostela Aberta no día grande da Ascensión

A vicepresidenta pediu o apoio para María Rozas nas eleccións do próximo día 28 “porque é a mostra dunha maneira de facer política en maiúsculas”

CA creará unha carteira pública de locais comerciais baleiros que serán postos en alugueiro a prezos taxados para comercio de interese municipal

María Rozas e Marta Lois presentaron as propostas de Compostela Aberta en materia de economía, emprego, industria e comercio

María Rozas preséntalle ao Club Financiero de Santiago as propostas de CA en materia de reindustrialización

A candidata de Compostela Aberta á alcaldía comprometeu a creación dunha Oficina de captación e retención de empresas “que facilite a burocracia aos empresarios e emprendedores”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo