- María Rozas comprométese a desenvolver programas de envellecemento activo, aproveitando a rede de centros socioculturais e con actividades ao aire libre nos parques e zonas verdes
Compostela Aberta porá en marcha un programa de comida a domicilio para persoas con déficit de autonomía persoal, que lles garanta unha alimentación de calidade, saudable, e equilibrada. A candidata á alcaldía, María Rozas, explicou que “para CA é unha prioridade avanzar na atención ás persoas maiores e máis vulnerables, e facelo sen obrigalas a saír da súa contorna cotiá”. Nesa liña, Rozas tamén se comprometeu a reforzar o Consello Municipal de Persoas Maiores e a impulsar desde o Concello programas de envellecemento activo, “con iniciativas que se desenvolverán na rede de centros socioculturais e ao aire libre nos espazos verdes de Santiago, e nos que tamén apostaremos polas actividades interxeracionais”.
María Rozas explicou que “unha quinta parte da poboación de Santiago tén máis de 65 anos, e temos case 5.000 persoas desa idade que viven soas, unha cifra que non deixou de medrar nos últimos anos”. Por iso, sinalou, “é preciso reforzar as políticas municipais dirixidas ás persoas maiores, e facelo coa súa participación, a través do Consello Municipal que quedou constituído neste mandato pero que non tivo ningunha actividade”. Para a candidata de CA, “o das persoas maiores, coma os demais consellos municipais de participación, non pode quedar como un órgano baleiro, senón que debe ser un órgano útil para canalizar as demandas do colectivo e para achegar solucións ás súas demandas”.
Atención a domicilio
A cabeza de lista de Compostela Aberta lembrou que “durante o pasado mandato, o noso Goberno fixo un especial esforzo para mellorar os servizos dirixidos ás persoas maiores, e en particular o de Axuda no Fogar que duplicou o seu orzamento e que incorporou novos servizos de obrigada prestación como perruquería ou podoloxía, así como medios materiais como camas articuladas ou guindastres para atender ás persoas con problemas de mobilidade”. Agora, explicou María Rozas, “cremos necesario realizar unha auditoría do SAF, porque somos conscientes da situación que atravesan as súas traballadoras, e de como iso repercute tamán nas persoas usuarias”.
María Rozas apostou por ir un paso máis alá na atención a domicilio, tanto das persoas maiores como vulnerables, impulsando un programa de Xantar na Casa “que garanta unha alimentación de calidade a todas as persoas, asegurando que se poidan manter na súa contorna, evitando riscos físicos e de saúde, e dándolle tamén alivio ás persoas coidadoras”. Rozas explicou que “urxe que Santiago dispoña deste servizo, que xa funciona en moitos concellos galegos, nalgúns casos dentro dun programa autonómico e noutros con xestión estritamente municipal como é o caso da Coruña ou Lugo”.
Envellecemento activo
María Rozas tamén apostou por facer de Santiago “unha cidade máis amigable coas persoas maiores, e iso pasa por atender cuestións relacionadas coa mellora da accesibilidade, tanto física como cognitiva, por impulsar plans municipais de saúde que atendan específicamente as súas necesidades, e por promover o seu envellecemento activo”. Nesa liña, a candidata explicou que “CA impulsará un programa de envellecemento activo vinculado á Rede de Centros Cívicos e creará unha Escola de Maiores, ao tempo que poremos en marcha un programa de actividades físicas ao aire libre, aproveitando a riqueza de espazos verdes de Santiago”. Ademais, Compostela Aberta fomentará proxectos interxeracionais “para fomentar a aprendizaxe mutua entre as persoas maiores e a mocidade, particularmente arredor da arte da cultura e da memoria”.