• Segundo Bugallo, 28 persoas perciben a día de hoxe esa prestación, fronte ás 128 coas que se pechou 2018. 
  • Para Compostela Aberta “é incomprensible que o alcalde fíe a solución á situación de emerxencia de milleiros de familias de Santiago ao Ingreso Mínimo Vital do Estado mentres non se utiliza o recurso da Renda Municipal”

Compostela Aberta preguntará polo significativo descenso no número de persoas beneficiarias da Renda Municipal de Garantía Básica que, segundo asegurou hoxe o alcalde, se sitúa a día de hoxe en 28 persoas. A finais de 2018, segundo o informe do departamento de Políticas Sociais, recibían esa prestación 126 persoas.

O grupo municipal de Compostela Aberta mostrou hoxe as súas dúbidas sobre a xestión que se está a facer dun instrumento pioneiro co que conta o Concello de Santiago para a atención ás persoas en situación de vulnerabilidade ou exclusión social. Para CA é “difícilmente entendible que só 28 persoas estean a percibir a Renda de Garantía Básica, cando o propio alcalde está a alertar continuamente da situación de emerxencia na que se atopan milleiros de familias de Santiago”. Nesa liña, Bugallo explicou hoxe mesmo que case 1.400 familias, que supoñen máis de 3.400 persoas, están recorrendo ao programa de bonos especiais para a adquisición de alimentación e produtos de hixiene persoal.

Compostela Aberta xa alertou deste descenso na pregunta que formulou no Pleno de onte con respecto á incompatibilidade entre os bonos para a adquisición de alimentos e as bolsas de comedor escolar. Tal e como o grupo municipal relataba nesa pregunta, o informe do departamento de Servizos Sociais do pasado mes de abril falaba de 38 persoas perceptoras da Renda de Garantía (cifra que hoxe Bugallo rebaixou a 28), e de 29 persoas perceptoras das prestacións de rescate social contempladas tamén na Ordenanza de Garantía Básica Cidadá aprobada durante o pasado mandato. Ao remate de 2018, 126 persoas percibían a Renda de Garantía Básica, e 206 eran beneficiarias das prestacións de rescate social, nas súas diversas modalidades (necesidades básicas, habilitabilidade e pobreza enerxética, equipamento básico, dependencia/discapacidade, dereito á educación, saúde bucodental ou outros gastos).

Para Compostela Aberta “resulta incomprensible que o alcalde Bugallo diga hoxe que confía en que o Ingreso Mínimo Vital aprobado polo Consello de Ministros solucione a situación de emerxencia de máis de 1.400 familias de Santiago, ao mesmo tempo que o seu Goberno non é quen de exprimir as posibilidades que lle ofrece a Ordenanza de Garantía Cidadá, e máis en concreto a Renda de Garantía Básica”

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies