- Martiño Noriega insiste no atraso na tramitación das contas “que Bugallo non podería aprobar en xaneiro ainda que tivera maioría absoluta”
Compostela Aberta condicionará o seu posicionamento sobre os orzamentos municipais de 2020 a que o Goberno do PSOE “manteña as liñas estratéxicas do pasado mandato en canto ao compromiso coas políticas sociais, os servizos públicos de calidade e o reequilibrio territorial; e a que incorpore tanto os proxectos elixidos no proceso de Orzamentos Participativos como os acordos aprobados no Pleno”. O portavoz do grupo municipal deu conta hoxe das demandas que lle serán formuladas ao executivo de Bugallo, recollidas nun documento que lle foi entregado hoxe mesmo, e que serán avaliadas nuha reunión prevista para mañá. Martiño Noriega reiterou a sorpresa de CA polo atraso na tramitación dos orzamentos “que non se debe á negociación coa oposición, aínda que así pareza querer trasladalo o alcalde, senón á tramitación do propio Goberno, que non podería aprobar os orzamentos en xaneiro ainda que tivera maioría absoluta”.
Políticas sociais e igualdade
Martiño Noriega apuntou que unha das primeiras esixencias de Compostela Aberta tén que ver coas políticas sociais. Ao respecto, explicou, “demandarémoslle ao Goberno do PSOE que manteña, como mínimo, os 111 euros por habitante e os 10,7 millóns de euros de gasto social que figuraban na proposta de CA para os orzamentos de 2019”. Ademais das cifras concretas do orzamento, o concelleiro sinalou que “requiriremos que se reforcen programas específicos que buscan mellorar a vida e o benestar das persoas, como a Ordenanza de Garantía Básica Cidadá ou o Servizo de Axuda no Fogar, e que se completen os traballos iniciados no pasado mandato para crear, de cara ao próximo curso académico 2020-2021, a Renda Básica Infantil que facilite os trámites para acceder ás bolsas de comedor e axudas escolares xa existentes, e das que multiplicamos sensiblemente o orzamento ao longo do pasado mandato”. Trátase, apuntou o edil, “de darlle máis autonomía ás familias, de garantir que acceden ás axudas no momento no que as precisan, ainda mantendo o actual orzamento destinado a elas”.
En materia de Igualdade, Compostela Aberta demandará que se manteñan, como mínimo, as partidas vinculadas ao gasto corrente e ao desenvolvemento de actividades, dándolle cumprimento ao acordo unánime da corporación sobre o mantemento e impulso do programa “Compostela Territorio das Mulleres”. Ao respecto, tamén se reclama que se licite o programa de dinamización social, organización e coordinación de actividades na Casa das Mulleres Xohana Torres, vinculado á EDUSI.
Pacto polo rural, investimentos e novos equipamentos
En canto ao capítulo de investimentos, Martiño Noriega apuntou que “as nosas demandas son as que vimos manifestando nos últimos meses, as mesmas que explicitamos cando o Goberno levou ao Pleno os malchamados orzamentos técnicos de 2019”. Así, esixiu que o PSOE “introduza nos orzamentos de 2020 os proxectos que foron seleccionados no proceso de Orzamentos Participativos, porque son actuacións comprometidas coa veciñanza que participou dun proceso impulsado pola institución municipal e non por unha formación política concreta”. Martiño Noriega demandou que o Goberno recolla na súa proposta actuacións concretas como os microbuses eléctricos circulares para darlle servizo ao rural, a rehabilitación de fontes, a creación dun carril bici urbano e interurbano, a recuperación da rúa da Caramoniña, as melloras no CEIP Apóstolo Santiago, a integración do Matadoiro no parque de Belvís, a humanización de recunchos públicos, o centro sociocultural de Galeras, a cuberta para o espazo de usos múltiples de Santa Marta, e a reforma do viario que vai do lugar da Pajuela ao campo da festa de Marrozos.
Ademais, na proposta de CA para os orzamentos deste ano inclúense actuacións xa compromeitdas para a cidadanía que non puideron levarse a cabo pola situación de prórroga orzamentaria, e que teñen xa un proxecto aprobado. Trátase da instalación da cuberta do pavillón Quiroga Palacios, o acondicionamento do campo de fútbol de Belvís, a mellora do entorno de Santa Isabel, a humanización do campo da festa do Castiñeiriño, a senda peonil e ciclable entre a lagoa de Cornes e Conxo e a instalación de parques infantís e biosaudables nas parroquias do rural norte. En canto a novos proxectos, reclámase a redacción de tres: a cidade da raqueta, a nova piscina de Santa Marta, e a nva escola infantil de Santa Marta
Para a zona rural, a petición de CA é que se cumpra o acordo aprobado polo Pleno da corporación en xullo de 2019, que falaba de garantir un mínimo de 2,5 millóns de euros de investimento anual na zona rural, cifra á que habería que sumar un millón de euros máis para o mantemento da rede viaria e as rozas”. Martiño Noriega explicou que “é preciso avanzar na liña iniciada por Compostela Aberta, que destinou ás parroquias todos os recursos do POS da Deputación, e que trata de corrixir un desequilibrio territorial evidente”.
En canto aos novos equipamentos, a proposta de Compostela Aberta pón o acento en tres recursos que xa están planificados e/ou comprometidos coa veciñanza: o Centro Cívico da cidade vella, ben na Casa de Elisa e Jimena Fernández de la Vega ou ben na antiga biblioteca de Caixa Galicia na praza de Salvador Parga; o Centro Apego, que estaría localizado na entreplanta do antigo edificio dos sindicatos no Ensanche; e o Centro Xove da Almáciga, que pecisa dunhas obras de mantemento, insonorización e ventilación para a súa apertura.
Emprego, industria e comercio
O portavoz de Compostela Aberta explicou que outra das prioridades dos orzamentos de 2020 deben ser as políticas de emprego, reindustrialización e apoio ao comercio local. Nese apartado, o grupo municipal de CA reclama partidas para actuacións concretas como o Plan de reindustrialización no que o Concello xa empezou a colaborar coa Universidade de Santiago e coa Xunta para atraer empresas dos sectores da biotecnoloxía e a madeira, a elaboración dun mapa do fomento do emprego, ou a posta en marcha dun programa de liderado empresarial e emprendemento dirixido ás mulleres.
En materia de comercio, CA pide que os orzamentos contemplen un Plan de preservación do carácter singular da Praza de Abastos, “que contemple a mellora do servizo para os residentes ao tempo que ordena os fluxos turísticos no mercado”. Ao tempo, Compostela Aberta reclama a posta en marcha dun Plan de Dinamización Comercial da Cidade Histórica, e a continuidade do programa “Con B de barrio” de apoio ao comercio do Ensanche e dos barrios.
Por último, e relacionado co emprego, o documento con propostas orzamentarias que Compostela Aberta lle fixo chegar ao Goberno contempla a posta en marcha dun servizo de apoio ao emprendemento social colaborativo que permita fortalecer iniciativas do ámbito da economía social e solidaria.
Outras demandas
No documento entregado ao Goberno reclámase tamén o mantemento das partidas previstas por CA para mellorar os servizos públicos a través de dous dos contratos máis importantes que tén que tramitar o Concello de Santiago: o da recollida dos residuos sólidos urbanos, para o que se piden 8,5 millóns de euros; e o do transporte público, que debera sair a licitación cun orzamento mínimo de 5,5 millóns de euros.
En materia de vivenda contémplanse tamén varias peticións: que se destine a vivenda protexida en réxime de alugueiro o importe resultante da venda dunha parcela municipal en Romero Donallo; que se mantelan as axudas complementarias para a instalación de ascensores nas ARIs; que se reforce o Plan de Mobilización de Vivenda Baleira Aviva Compostela; e qiie se poña en marcha un servizo de inspección das vivendas turísticas irregulares.
Atraso na tramitación dos orzamentos
Martiño Noriega incidiu na preocupación de CA polo atraso na tramitación dos orzamentos, porque “a día de hoxe, ainda que o PSOE tivera maioría absoluta, non podería aprobar as contas, porque ten sen tramitar os orzamentos de Tussa, Incolsa e Auditorio, que teñen que estar aprobadas con maioría absoluta antes de que se dea o debate do orzamento consolidado, e está sen iniciar a fiscalización dese borrador que o Goberno di que tén preparado”. O portavoz municipal pediulle ao Goberno “que deixe de facerse trampas ao solitario e asuma a súa responsabilidade no atraso na elaboración das contas”, e reiterou a vontade de Compostela Aberta de chegar a acordos e non enlentecer o proceso.
PODES CONSULTAR AQUÍ O DOCUMENTO COAS PROPOSTAS DE CA PARA OS ORZAMENTOS MUNICIPAIS DE 2020