CA presenta un recurso de reposición contra o acordo da Xunta de Goberno que fixou os prezos do programa de conciliación de Nadal

María Rozas denuncia que non existe ningunha memoria económica que ampare o encarecemento do servizo
  • A concelleira de CA rexeita que os custos do programa estean “baseados nos prezos do mercado” como argumenta o Goberno, e lembra que o de Santiago é o programa de conciliación de Nadal máis caro dos concellos galegos
  • Os prezos do programa de conciliación multiplicáronse con respecto á edición de verán, xa no contexto da pandemia da Covid-19

Compostela Aberta vén de rexistrar un recurso potestativo de reposición contra o acordo da Xunta de Goberno do 7 de decembro, que aprobou o Programa Municipal de Conciliación de Nadal e os seus prezos públicos. A concelleira María Rozas explicou que esta medida responde “ao convencemento de que o acordo non é axustado a dereito, porque fixou unhas tarifas para o servizo que son claramente desorbitadas, e que non están amparadas en ningunha memoria económica”. A edila instou ao Goberno de Bugallo a rectificar, “porque non é xustificable que no actual contexto económico e social impoña uns prezos que converten en inaccesible un programa que debera axudarlles ás familias na conciliación da súa vida familiar e laboral”.

María Rozas explicou que no expediente do Programa de Conciliación de Nadal non existe unha memoria económica que acredite o custo real do servizo, que debe ser a base para determinar os seus prezos públicos. Tan só se fai referencia, apuntou a concelleira de CA, “a que os custos do programa están baseados na experiencia doutros programas similares en convocatorias anteriores e nos prezos do mercado”.

Santiago, o concello máis caro para a conciliación

Rozas rexeitou que “sen ter realizado ningún informe económico se poida xustificar un incremento do prezo do servizo en máis dun 96 por cento, que é o que sofre este ano o programa de conciliación de Nadal con respecto ao ano pasado”. O servizo custará 357 euros na modalidade completa, que inclúe actividades, madrugadores e comedor durante 9 días, fronte aos 181,3 euros que custaba, coas mesmas características, no Nadal de 2019.

A concelleira de Compostela Aberta tamén cuestionou que os protocolos derivados da Covid-19 expliquen este encarecemento, “porque o de Santiago acaba de converterse no Concello que impón uns prezos máis elevados para o seu programa de conciliación de Nadal”. A edila lembrou que no pasado verán, xa en plena pandemia, “o servizo de conciliación foi xestionado pola FANPA, que cobrou 250 euros por un mes completo na modalidade de só actividades, só 10 euros máis do que o Concello quere cobrar agora por só 9 días de programa nesa mesma modalidade”. Deste xeito, cada neno ou nena que participou no programa de verán na modalidade de só actividades tivo que pagar 10,8 euros cada día, fronte aos 26,67 euros por día que custa o programa no Nadal

Ademais, tal e como se recolle no recurso de reposición presentado por Compostela Aberta, “non hai ningún concello galego que impoña os prezos aprobados polo Goberno de Bugallo”. Facendo a comparativa da modalidade de “só actividades”, sen os servizos de comedor e madrugadores que non funcionan en moitos municipios, os 240 euros que custará o programa en Santiago quedan moi lonxe dos 45 euros que haberá que abonar en Teo, os 40 das Pontes, ou os 23 euros que pagarán as familias empadronadas na Estrada. En Ames, o prezo fixado polo concello é de 22,5 euros, en Boqueixón custará 25 euros, e noutros concellos galegos como Muros ou Ortigueira, o servizo será de balde para as familias. En canto á modalidade completa do programa de conciliación de Nadal, cos servizos de comedor e madrugadores, en Santiago custará este ano 357 euros por nove días, fronte aos 103,5 euros de Ames ou os 81 euros de Teo. 

Decisión arbitraria

Para María Rozas, “estamos diante dunha decisión que semella arbitraria, e que volve demostrar o escaso interese que tén o Goberno de Bugallo en ofertar un servizo de conciliación que realmente lle axude ás familias”. Para a concelleira, “as medidas que vén tomando o Concello desde o inicio da pandemia neste eido máis semellan estar orientadas a desincentivar a  participación nestes programas que a ofrecer alternativas reais”. Nesa liña, incidiu en que “poucas familias poden estar interesadas en participar nun programa que lle suporá  un custo tan elevado, tanto que no caso de familias con varios fillos ou fillas sería máis económico para elas contratar a un coidador ou coidadora que participar no programa municipal de conciliación”.

A concelleira de Compostela Aberta instou ao concelleiro de Educación, Rubén Prol, e ao propio alcalde a rectificar, “porque existen moitas dúbidas ao respecto dos prezos públicos fixados para o servizo de conciliación, tamén do punto de vista legal”. Así, lembrou que a Lei de Taxas e Prezos Públicos indica que “toda proposta de establecemento ou modificación da contía de prezos públicos de ir acompañada dunha memoria económico-financeira que xustificará o importe dos mesmos”, e explicou que existe xurisprudencia que indica que para establecer ou modificar un prezo público ten que realizarse dito estudo económico e este debe estar suficientemente razoado porque, en caso contrario, podería conlevar a nulidade do prezo público.

PODES CONSULTAR AQUÍ O RECURSO DE REPOSICIÓN AO ACORDO DA XUNTA DE GOBERNO LOCAL DO 7/12/2020 SOBRE O PROGRAMA DE CONCILIACIÓN DE NADAL 2020-2021

Arquivado en:ruben prol
Novas
relacionadas

Novo capítulo no culebrón dos comedores escolares: Bugallo exíxelle continuar co servizo a unha empresa á que non lle paga desde febreiro, e acepta unha suba de prezos que rexeitou hai 7 días

María Rozas: “O Goberno debe dar explicacións inmediatas sobre a súa pésima xestión do servizo de comedores escolares”

María Rozas: “O Goberno de Bugallo búrlase das ANPAs e actúa con escurantismo para esconder a mala xestión no servizo dos comedores escolares”

Compostela Aberta urxe ao Goberno a actuar para evitar a desaparición das escolas unitarias do rural

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo