• Branca Novoneyra pide que o Concello cree axudas para empresas e entidades que faciliten a contratación de galegos e galegas no exterior
  • CA quere que a atención aos emigrantes, sobre todo mozos e mozas, sexa un criterio puntuable en axudas municipais e autonómicas

Compostela Aberta levará ao Pleno da próxima semana unha moción que recolle unha batería de medidas orientadas a favorecer o retorno das galegas e dos galegos no exterior, fundamentalmente da poboación moza. A concelleira Branca Novoneyra, encargada de presentar a proposta, explicou que “na última década emigraron máis de 47.000 galegos e galegas de entre 20 e 39 anos, e só en 2018 marcharon de Santiago 567 emigrantes, en moitos casos na procura de contornas laborais máis estables”. Para a concelleira, “o reto de aumentar a poboación do noso Concello ata os 100.000 habitantes implica non só favorecer a acollida de inmigrantes e refuxiados, senón tamén desenvolver iniciativas pensadas para o retorno da nova diáspora”.

Observatorio da Nova Diáspora

Branca Novoneyra insistiu en que “a quinta e actual vaga migratoria de Galicia exporta emigrantes cualificados dunha forma máis acentuada que nas anteriores vagas, mozos e mozas que foxen da precariedade laboral”. A concelleira apuntou que “un dos sectores nos que se produciu este movemento migratorio foi o da produción cultural e creativa, tal e como se puxo de manifesto no encontro celebrado en 2017 no Centro Cívico do Romaño, que puxo as bases para a creación dun Observatorio Galego da Nova Diáspora”. Ao respecto, lembrou que dese encontro naceu a web ONDA.gal, “unha ferramenta imprescindible para coñecer á natureza da última comunidade diaspórica galega e artellar os seus aportes no discurso da cultura galega actual”. Nesa liña, apostou por darlle continuidade ao programa ONDA, e instou ao Goberno a programar novos encontros de características semellantes.

Axudas municipais

Na moción presentada hoxe, Compostela Aberta propón que o Concello convoque axudas municipais para as empresas e entidades sen ánimo de lucro localizadas en Santiago, “que faciliten a contratación de galegos e galegas no exterior, favorezan a internacionalización e o retorno á capital de mozas e mozos, e que conecten o tecido empresarial e asociativo con organizacións de galegos e galegas no exterior”.

Ao tempo, o grupo municipal de CA pide que se integre nas convocatorias de axudas municipais á nova diáspora, “como criterio transversal puntuable, de forma semellante ao que se fai cos colectivos de mulleres para impulsar políticas de igualdade transversais, ou coa poboación do rural para favorecer o equilibrio territorial”

Peticións á Xunta

Branca Novoneyra apuntou que na moción que se debaterá no Pleno tamén se pide que o Concello de Santiago inste á Xunta a adoptar medidas en prol da nova diáspora. Así, apóstase porque o Goberno galego integre como criterio puntuable, de forma transversal nas convocatorias de axudas ás empresas e ás entidades sen ánimo de lucro, o colectivo de galegos e galegas na diáspora, con especial atención á mocidade. Ademais, ínstase á Xunta a colaborar co Concello de Santiago para desenvolver conxuntamente unha programación específica de expresións culturais e creativas da mocidade galega na nova diáspora para darlle visibilidade á creación e ao pensamento da Galicia exterior durante a celebración do Xacobeo 2021.

PODES LER AQUÍ A MOCIÓN DE CA PARA FOMENTAR O RETORNO DO TALENTO DA NOVA DIÁSPORA GALEGA

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies