• Xan Duro: “A regulación proposta demostra un gran descoñecemento de Goberno sobre o uso da bicicleta e, o que é peor, a súa nula vontade de dialogar con colectivos representativos”
  • CA pide que se manteña a circulación das bicicletas polas rúas peonís “sempre que a densidade de peóns o permita”, e que se facilite o seu estacionamento

Compostela Aberta vén de rexistrar as súas achegas ao borrador da nova Ordenanza de Circulación e Uso da Vía Pública na que está a traballar o departamento de Tráfico, “unhas propostas que teñen como obxectivo mellorar a convivencia e favorecer a mobilidade ciclista”. O concelleiro Xan Duro explicou que “as suxestións do grupo municipal de CA xorden do diálogo que mantivemos con entidades ás que o Goberno local non quixo escoitar, seguindo a que vén sendo a súa práctica habitual”. 

Xan Duro sinalou que o borrador da nova Ordenanza de Circulación “leva varias semanas suscitando as queixas de ciclistas e de colectivos representativos da nosa cidade, que cren que o texto xera máis problemas dos que soluciona”. O concelleiro de CA apuntou que “o borrador da ordenanza está cheo de puntos que claramente prexudican aos usuarios da bicicleta, cuestións incomprensibles que só se poden atribuír a un profundo descoñecemento por parte do Goberno local e, en particular, do concelleiro Gonzalo Muíños”. Para o edil de Compostela Aberta, “o Executivo de Bugallo volve pecar de soberbia, porque non quixo en ningún momento escoitar a quen podería facer interesantes propostas, e iso acabou xerando un malestar que podería ter sido evitado”. As propostas que Compostela Aberta vén de rexistrar en relación á nova Ordenanza de Circulación, explicou Duro, “xorden do traballo que desenvolvimos ao longo do pasado mandato, da nosa propia experiencia como ciclousuarios, e tamén do diálogo que mantivemos  con colectivos como Composcleta”.

Zonas peonís e aparcamento

Un dos puntos do borrador da ordenanza que está a xerar máis críticas tén que ver coa circulación das bicicletas polas zonas peonís, e nomeadamente na cidade histórica. Ao respecto, Compostela Aberta propón que se autorice “a circulación en bicicleta ou outro tipo de ciclos polas rúas peonís, sempre que a densidade de peóns lle permita á persoa ciclousuaria respectar a  prioridade dos peóns, e a unha velocidade máxima de 10 quilómetros/hora”, e tamén que se permita a circulación de bicicletas e doutros ciclos impulsados por nenas e nenos menores de 14 anos e persoas con mobilidade reducida”.  Xan Duro pediu “coherencia nas prohibicións, porque todos sabemos que pola zona histórica circulan peregrinos en bicicleta que non son sancionados, como tampouco deben selo outros ciclousuarios”.

En coherencia con iso, propónse que no Anexo I da Ordenanza, relativa ás zonas peonís, se sinale que estes son os espazos da vía pública nos que se “limita”, e non nos que se “restrinxe totalmente”, o estacionamento e a circulación de vehículos. No anexo II, relativo ao  acceso de vehículos á cidade histórica, propónse especificar que se prohíbe a circulación de vehículos “a motor”, suprimindo a referencia ás bicicletas, cuxo acceso aparece prohibido no borrador do Goberno.

Outra das demandas de Compostela Aberta refírese ao artigo 2 do Anexo III da ordenanza, que recolle as normas para a circulación dos Vehículos de Mobilidade Persoal en vías urbanas, e que sinala que os VMP, con carácter xeral, non poderán circular polas beirarrúas, parques ou paseos destinados ao uso peoníl. CA reclama que se suprima a letra a) dese artigo, no que se sinala que os vehículos de mobilidade persoal sí poderán circular polas beirarrúas “cando teñan máis de tres metros de espazo libre”. Para Xan Duro, “manter esta medida garantiría conflictos continuados entre peóns e VMP, e no caso de manterse, esa excepción debería ser aplicable tamén ás bicicletas”.

En canto ao estacionamento das bicicletas, Xan Duro mostrouse moi crítico coas normas recollidas na ordenanza, “porque na práctica dificultan notablemente o uso das bicicletas con requirimentos sen ningún sentido como que as bicicletas non se poidan estacionar onde non quede un espazo libre para os peóns de tres metros”. O concelleiro propón eliminar esa referencia da ordenanza, para sinalar que “as bicicletas aparcaránse nos espazos especificamente acondicionados para tal fin. No caso de que non existan ou estean ocupados, as bicicletas poderán amarrarse a elementos de mobiliario urbano como farolas ou sinais verticais, sempre que non causen danos, non alteren a súa función nin afecten ao tráfico peonil, accesibilidade ou circulación de vehículos. En zonas de carga e descarga poderán aparcar bicicletas equipadas cun remolque para carga ou outros vehículos de reparto máis pequenos e con traccións distintas á convencional motorizada”.  Xan Duro lembrou que “malia o esforzo realizado no pasado mandato, ainda non hai suficientes aparcabicis para a demanda existente, e limitar así o estacionamento significa que non se podería utilizar a bicicleta”.

Velocidade e manobras

En canto á velocidade, propónse substituír o límite de 15 quilómetros/hora fixado no borrador do Goberno para as vías únicamente utilizadas por persoas en bicicletas ou en patíns, pola indicación de que “a velocidade adaptaráse ás condicións e intensidade de uso da vía”. Xan Duro lembrou que “compartimos as críticas de Composcleta, porque é difícil explicar que esa limitación se manteña, por exemplo, no carril bici do viario Clara Campoamor, e tampouco sabemos a que obedece ese límite concreto”.

Compostela Aberta  tamén propón que se suprima no texto a prohibición de “soltar o manillar, agás cando sexa necesario para facer un sinal de manobra”, porque “na circulación de bicicletas danse multitude de situacións nas que as persoas usuarias poden soltar o manillar, e unha limitación xenérica ao respecto carece de sentido”. En canto á prohibición de que as bicicletas circulen zigzagueando entre vehículos e peóns, CA propón suprimir a referencia aos peóns, e especificar que a prohibición non se aplicará no caso de vehículos que estean parados. Xan Duro preguntouse “que sentido tén por exemplo prohibir que as bicicletas avancen nunha rúa que estea conxestionada polo tráfico, porque iso fai que a mobilidade ciclista perda parte do seu sentido”.

CA tamén propón que a ordenanza obrigue a que “a colocación de elementos limitadores de velocidade como as bandas reductoras ou as berlinesas deban deixar pasos libres para as bicicletas e os Vehículos de Mobilidade Persoal, para garantir a seguridade das súas persoas usuarias”.

Por último, en canto ás infraccións, CA propón dúas importantes  modificacións “coas que a ordenanza se adaptaría ás leis de tráfico, sen impoñer limitacións ás persoas ciclousuarias e, polo tanto, sen desincentivar o uso da bicicleta”. Así, CA propón eliminar a consideración de infracción leve de “non facer uso das prendas e elementos reflectantes”, posto que, tal e como lembrou Xan Duro, “o seu uso non é obrigatorio agás en desprazamentos interurbanos”. Do mesmo xeito, en canto á iluminación regulamentaria, a ordenanza debe adaptarse á lexislación vixente e considerar infracción leve “circular en bicicleta por rúas, pasos inferiores, túneis e carrís bici en condicións de baixa visibilidade sen os elementos de iluminación regulamentarios”.

PODES CONSULTAR AQUÍ AS ACHEGAS DE COMPOSTELA ABERTA Á ORDENANZA DE CIRCULACIÓN

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies