CA propón que o Parlamento cree unha comisión de investigación sobre a evolución da pandemia da Covid-19 nas residencias

Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción para que o Concello lle esixa á Xunta a elaboración dun plan para a medicalización das residencias privadas e que garanta que o novo centro comprometido en Santiago sexa de xestión pública
  • Martiño Noriega lembra que o 98% das mortes por coronavirus vinculadas ás residencias foron en centros de xestión privada

Martiño Noriega defenderá no próximo Pleno unha moción para que a Corporación Municipal inste ao Parlamento de Galicia a investigar o acontecido nas residencias de maiores durante a crise da Covid-19; e lle requira á Xunta que teña elaborado un plan para a medicalización inmediata destes centros de xestión privada no caso de que se produzan rebrotes da pandemia nos próximos meses. O portavoz de Compostela Aberta lembra que case o 45 por cento das mortes por coronavirus en Galicia estiveron vinculadas aos xeriátricos, e a residencia de DomusVi en San Lázaro foi a que sumou máis falecementos no país, un total de 22 segundo os datos oficiais, e 55 segundo fontes vinculadas aos traballadores do centro. Martiño Noriega incide en que “non é casual a incidencia da pandemia nas residencias, e non é casual que os centros de xestión pública, que son os menos, presenten un balance nesta crise moito mellor que os de xestión privada”.

Martiño Noriega lembrou que das 609 mortes que deixou a Covid-19 en Galicia ata o día de onte, 271 estiveron vinculadas ás residencias da terceira idade e, destas, o 98 por cento foron en centros de xestión privada. O portavoz de Compostela Aberta incidiu en que “grazas ás políticas privatizadoras de Feijóo, o 77% das prazas en residencias están xestionadas desde o sector privado, que nos últimos anos veu reducindo os seus gastos en persoal porque o importante para estas empreas non son os e as maiores, senón as súas contas de resultados”. O resultado destas políticas, reiterou Noriega, “é que as residencias privadas sufriron máis as consecuencias da pandemia que as de xestión pública, e así quedou demostrado en Santiago: na residencia DomusVi de San Lázaro morreron 22 persoas segundo a información publicada e 55 segundo os traballadores, e houbo máis de 80 maiores contaxiados, mentres que na residencia pública de Volta do Castro non se contabilizou ningún positivo.

Pasividade da Xunta

O portavoz de CA lamentou que, malia estes datos, a Xunta de Galicia optou por non intervir a residencia de San Lázaro, en contra da petición que se realizou reiteradamente por parte das persoas traballadoras e dos familiares das persoas residentes. Martiño Noriega acusou ao Goberno galego de “non actuar a pesar de que a propia Fiscalía Superior de Xustiza de Galicia ten aberto dilixencias sobre o funcionamento da residencia de San Lázaro, a partir dunha denuncia do Valedor do Paciente; e tamén a Valedora do Pobo ten iniciado unha investigación de oficio ao respecto”.

Noriega apuntou que as queixas sobre o funcionamento de DomusVi xa viñan producindo desde hai anos, e as súas traballadoras mesmo se manifestaron para denunciar a falta de medios persoais e materiais, “unha situación que xa era precaria e que se tornou insoportable diante dunha crise sanitaria como a que estamos a sufrir”. Por iso, a moción que Compostela levará ao próximo Pleno insta ao Parlamento de Galicia a abrir unha comisión de investigación “que esclareza e depure as responsabilidades que pode ter a empresa, e nomeadamente a súa xerenta e Galicia, no acontencido nos centros durante a pandemia; e que esclareza tamén o papel da Xunta e a súa inacción diante das denuncias que se viñan producindo”.

Ademais, o grupo municipal de CA quere que o Pleno da Corporación inste á Xunta a elaborar un plan para a medicalización inmediata das residencias de xestión privada no caso de producirse un rebrote da pandemia nos próximos meses; a inspeccionar o cumprimento da normativa vixente en todos os centros de maiores e, no caso de detectar irregularidades, a rescindir os contratos coas empresas responsables; e a establecer mecanismos máis transparentes para a comunicación coas familias das persoas residentes. Ademais, na moción Compostela Aberta avoga por esixirlle á Xunta que a nova residencia que comprometeu en Santiago durante o pasado mandato municipal sexa de xestión pública e directa, e por urxir ao Goberno Galego a mudar as súas políticas privatizadoras dos centros socio-sanitarios e de atención á dependencia.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DE COMPOSTELA ABERTA PARA SOLICITAR A INVESTIGACIÓN DOS FALECEMENTOS NAS RESIDENCIAS DA TERCEIRA IDADE DE XESTIÓN PRIVADA 

Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo