Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción que recolle un decálogo de medidas que o Concello de Santiago pode, e debe, impulsar para facer fronte á situación de emerxencia climática, declarada polo Parlamento Europeo o pasado mes de novembro. O concelleiro Jorge Duarte presentou a proposta, “que nace do convencemento de que os concellos, como administración pública máis próxima á cidadanía, deben ter un papel activo na loita contra o cambio climático, concienciando á poboación pero tamén adoptando medidas dirixidas a reducir o consumo enerxético e a contaminación”.
Jorge Duarte lembrou que o Parlamento Europeo “o pasado 28 de novembro declarou a situación de emerxencia climática e ambiental en Europa, e fixou varios retos como o de neutralizar as emisións de efecto invernadoiro para 2050 ou asegurar que as propostas lexislativas e orzamentarias da Unión Europea teñan en conta o obxectivo de limitar o quencemento global a 1,5 graos”. Para iso, o concelleiro considerou que “é imprescindible asegurar o compromiso municipal para iniciar este proceso de transformación social, con accións que tamén serven de exemplo de boas prácticas medioambientais para o conxunto da cidadanía á que tamén se lle están pedindo mudanzas nos seus hábitos cotiás”.
Aposta polas enerxías renovables
Na moción presentada hoxe inclúense ata dez medidas que o Concello de Santiago pode impulsar, nalgúns casos, tal e como lembrou Jorge Duarte, xa iniciadas durante o pasado mandato polo Goberno de Compostela Aberta. As primeiras propostas do grupo municipal de CA pasan por “establecer os compromisos políticos necesarios e emitir as normativas precisas para reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro; e por impulsar un Plan de Acción para as Enerxías Sustentables e o clima, tal e como se inclúe no Pacto de Alcaldes polo Clima do que forma parte Santiago”.
Na moción tamén se pide o compromiso do Concello para fomentar a eficiencia enerxética dos inmobles municipais, a través dos investimentos xa previstos na EDUSI que poderían ser complementados con outras fomentes de financiamento, para reducir o consumo en calefacción e climatización. Nesa liña, proponse a renovación paulatina das caldeiras de gasóleo, para substituílas por fontes de enerxía máis limpas. Ao tempo, pídese que os contratos públicos de subministro de enerxía garanta a súa orixe 100% renovable, e que se fomente o autoconsumo de enerxía renovable a través da simplificación nos trámites administrativos e mediante políticas fiscais de bonificación nos impostos municipais.
Vehículos eléctricos e alumeado máis eficiente
Duarte tamén instou ao Goberno a planificar a substitución das luminarias públicas, dándolle continuidade á política impulsada durante o pasado mandato “no que se substituíron máis de 8.000 puntos de luz, logrando un importante aforro de consumo e de emisións”. De igual maneira, o concelleiro defendeu a necesidade de renovar, de xeito progresivo, o parque móbil municipal, apostando pola introdución de vehículos híbridos e eléctricos. Ao respecto, mostrou o seu desexo de que “o actual Goberno manteña as obrigas introducidas no prego para a licitación do transporte urbano, ao respecto da utilización de autobuses eléctricos”.
Nesa liña, recordou que tamén nos pregos elaborados por Compostela Aberta para a licitación do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria se contemplaba a recomendación de que a empresa concesionaria utilizara vehículos eléctricos. En relación á xestión dos residuos, a moción presentada hoxe por CA pide que se “desenvolva unha nova política, que aposte polo tratamento in situ dos residuos orgánicos mediante sistemas de compostaxe individuais e comunitarios, como os que se prevían nos pregos elaborados no pasado mandato”.
Outras medidas
Compostela Aberta tamén pide que o Goberno impulse unha nova ordenanza en relación aos verquidos industriais, para evitar a contaminación de acuíferos e e espazos naturais; e que se amplíe o proxecto Trafair, desenvolvido durante o pasado mandato para monitorizar a calidade do aire en Santiago. Tamén se aposta pola “naturalización” dos parques e xardíns e pola eliminación de especies invasoras como os eucaliptos. Por último, Jorge Durte pediu que se convoque o Consello Municipal de Medio Ambiente e que “se establezan novas canles de diálogo coa cidadanía, para que se desenvolvan programas de sensibilización como os que se desenvolveron con éxito nos últimos catro anos, tales como a Tropa Verde ou o “Descarboniza! Que non é pouco…”
PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DE CA EN RELACIÓN Á SITUACIÓN DE EMERXENCIA CLIMÁTICA