A concelleira de Compostela Aberta Branca Novoneyra reclamou hoxe “a inmediata convocatoria da Comisión de Memoria Histórica, cumprindo o acordado no Pleno en xuño, cos votos a favor do grupo de Goberno”. Novoneyra lamentou “a evidente falta de interese do PSOE nesta materia, na que prefire quedarse nos simbolismos e en simples declaracións de intencións”. Só así se explica, incidiu, “que nada saibamos deste órgano desde que celebrou a súa primeira reunión constitutiva en abril de 2021”.
Branca Novoneyra explicou que Compostela Aberta levara ao Pleno en xuño de 2021 unha moción para pedir a convocatoria, á maior brevidade posible, da Comisión de Histórica do Concello de Santiago e a incorporación á mesma de persoas, institucións e colectivos referentes en Compostela no ámbito da historia e da memoria. A concelleira incidiu en que “o grupo do PSOE votou a favor deste punto naquel Pleno, pero desde entón non nos consta que dera máis pasos que o de solicitarlles aos grupos achegas para definir os integrantes da comisión, achegas que CA fixo de maneira inmediata”.
No mesmo Pleno de xuño de 2021, explicou Novoneyra, o grupo do PSOE apoiou tamén outro dos puntos da moción de Compostela Aberta, para instar ás administracións provincial, galega e estatal a colaborar co Concello de Santiago no impulso das políticas de memoria democrática. A concelleira pediulle ao Goberno que explique “que xestións ou que comunicacións ten impulsado nestes sete meses para darlle cumprimento a este acordo plenario”.
Branca Novoneyra cualificou de “lamentable que o Goberno siga sen dar nin un só paso concreto e sen definir un roteiro de actuacións en políticas de recuperación da memoria democrática”, e urxiu ao equipo de Bugallo “a recuperar un papel activo nesta materia, como o que o Concello de Santiago desenvolveu no pasado mandato en colaboración con diferentes colectivos, nomeadamente co recoñecido grupo de investigación da USC Histagra”.