• O concelleiro Jorge Duarte advirte que a nova concesionaria está contratando persoal sen experiencia para a liña 6 no canto de recuperar aos traballadores despedidos
  • Compostela Aberta esíxelle ao Goberno que medie na situación e garanta a subrogación dos condutores na próxima licitación do servizo

Compostela Aberta reclámalle ao Goberno local que impulse as medidas necesarias para a readmisión do persoal da liña de bus ao aeroporto, despedido en decembro de 2020 cando a anterior concesionaria deixou de prestar o servizo. O concelleiro Jorge Duarte explicou que a UTE Trapsa-Aulusa, actual prestataria, “está a contratar persoal sen experiencia para a liña 6, no canto de recuperar aos traballadores despedidos”. Para o edil, “é incomprensible que o Goberno siga sen mediar neste conflito, incumprindo todos os acordos plenarios e desoíndo todas as sentenzas xudiciais”.

Jorge Duarte defenderá no próximo Pleno unha moción na que insta ao Goberno a realizar as actuacións precisas para que a empresa concesionaria readmita ao persoal, dándolle cumprimento ás sentenzas xudiciais relativas a estes despedimentos; a facer o necesario control que impida que a liña de bus ao aeroporto sexa prestada por persoal alleo ou a través de contratacións puntuais; e a garantir a incorporación dos traballadores despedidos no listado do persoal a subrogar pola nova empresa na licitación do transporte público. Por último, Compostela Aberta urxe ao Goberno a impulsar, a través de Tussa, un bus lanzadeira que conecte directamente a intermodal co aeroporto Rosalía de Castro, sen paradas urbanas e con tarifa diferenciada. 

Goberno pasivo

O concelleiro de Compostela Aberta explicou que “a UTE Trapsa-Aulusa está a contratar persoal sen experiencia para cubrir a liña 6, co obxectivo de atender o reforzo da liña anunciado recentemente, e segue sen reincorporar aos traballadores despedidos por Freire en decembro de 2020, cando deixou de operar o servizo”. Para Jorge Duarte, “o comportamento da empresa é moi cuestionable, pero hai menos xustificación para a actitude do Goberno de Bugallo, que leva ano e medio ignorando a situación do persoal, as numerosas sentenzas xudiciais que lles dá a razón aos traballadores, e tamén os acordos plenarios”. O edil incidiu en que “o Goberno non pode seguir botando balóns fóra argumentando que o conflito é entre a empresa e os traballadores e que a nova concesionaria pode contratar a quen queira, porque o seu deber é mediar nesta situación cando falamos dun servizo que agora depende do Concello”. Ademais, lembrou, “o Goberno está ignorando que o Pleno da Corporación aprobou xa dúas mocións de CA, a última hai xusto un ano, para conseguir a reincorporación do persoal”.

Duarte lembrou que as sentenzas consideraron improcedentes os despidos, sinalando que os traballadores debían ser subrogados, “pero aínda así a empresa optou por pagar indemnizacións, ignorando tanto eses fallos en primeira instancia como o pronunciamento do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao respecto”.

Próxima licitación

O concelleiro de Compostela Aberta reclamoulle ao Goberno “que se poña a traballar para atender a situación destes traballadores, e para garantir que sexan subrogados na próxima licitación do servizo de transporte público, no caso de que finalmente o equipo de Bugallo sexa quen de iniciar este procedemento no ano que lle queda de mandato”. 

Do mesmo xeito, Duarte reclamou que Tussa impulse un servizo de aerobús, cun bus lanzadeira que conecte directamente a intermodal co aeroporto, sen paradas urbanas e con tarifa diferenciada. O concelleiro incidiu en que “o anuncio que fixo o Goberno sobre o reforzo da liña 6 demostra que o servizo non está funcionando con normalidade, que non se atendeu correctamente a demanda da cidadanía e da terminal, e que é preciso buscar un novo modelo fronte aos parches que está a poñer Bugallo”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE A SITUACIÓN E CONTRATACIÓNS  DE TRABALLADORES E TRABALLADORAS NA LIÑA 6 AO AEROPORTO

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies